Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Anxo Lorenzo explora os límites da gaita en Confuxón

Xénero: Folk | 24 / 4 / 2014

confuxon_anxo_lorenzo.jpg

Melodías dos países celtas interpretados con gaita e whistles e acompañados polo irlandés Eoghan Neff no violín e o galego Xosé Liz na guitarra. Esta é a proposta de Anxo Lorenzo para o seu novo disco Confuxón, na que o gaiteiro do morrazo continúa coa súa aposta polos sons acústicos e pola experimentación co instrumento. Un total de seis temas cheos de ritmo chegan agora da man de Zouma Records ás tendas físicas e dixitais. Logo da presentación oficial do traballo, este 24 de abril en Moaña, o gaiteiro visitará a Foliada de Melide o vindeiro día 26. Ademais, confirmouse xa a presenza do artista na vindeira edición do Festival de Ortigueira.

Nacho Mora completa o financiamento para Entre as zocas e os lóstregos

Xénero: Indie | 15 / 4 / 2014

entre_zocas_lostregos_nacho_mora.jpg

A falta de varios días para rematar o proceso de crowdfunding na plataforma My Major Company, Nacho Mora, antigo membro de Elephant Band ou Meu completou xa os fondos que reclamaba para lanzar o seu primeiro traballo en solitario. Entre as zocas e os lóstregos, gravado en Lloria Estudio, Xixón, con produción de Xel Pereda achega 11 versións musicadas doutros tantos poemas de autores galegos. Letras de Pondal, Celso Emilio, Ana Romaní, Baldo Ramos, Miro Villar, Ramón Cabanillas, Estíbaliz Espinosa, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra atópanse co son indie do músico que pretende leva a nosa lingua alén do ámbito do folk.

Os d´abaixo debutan Ao vivo en Lorient

Xénero: Folk | 11 / 4 / 2014

vivo_lorient_osdabaixo.jpg

A actuación que desenvolveron o pasado mes de agosto no Festival Intercéltico por excelencia da Bretaña, conforma o primeiro disco de Os d`abaixo. A banda compostelá presentaba onte Ao vivo en Lorient, un volume no que deixan ver o seu bo facer. Temas de carácter popular que convidan ao baile cunha instrumentación rica que inclúe violín, guitarra, acordeón, gaita ou frauta fan pate do volume, na liña dos concertos que o grupo vén ofertando desde o seu nacemento en 2010.

NAO envía Cartas no caderno

Xénero: Rock | 10 / 4 / 2014

nao_cartasnocaderno.jpg

Logo de rematar a xira de Cancións de amor de liberdade NAO presenta un traballo especial. Cartas no caderno é un EP que o grupo pon en libre descarga no seu web no que se poden escoitar temas propios canda a versións de temas como Os vampiros de José Afonso ou Je veux de Zaz, sempre co ton social das súas letras e co apoio de colaboradores como Mini da Quenlla en Acción galega. Logo dun descanso de varios meses, o grupo presentará o traballo nun único concerto o 26 de abril na compostelá sala Capitol que pretenden sexa unha festa para os seus seguidores. No recital a banda estará contará con Vicky Polard como acompañantes.

María Toro fusiona jazz e flamento en A contraluz

Xénero: Jazz/Blues | 28 / 3 / 2014

acontraluz_maria_toro.jpg

A frautista coruñesa María Toro, afincada en Nova York, acaba de presentar o seu primeiro traballo. A contraluz, gravado e mesturado entre Nova York, Madrid, Río de Janeiro e Zurich, o volume integra jazz e flamenco e conta con colaboracións como as do pianista Jean Michel Pilc, Justin Brown na batería e Ben Street no baixol Canda a eles, desde o flamenco participan Yelsi Heredia, Israel Varela y Andreas Arnold. Embarcada na xira internacional de presentación, a artista prevé visitar o noso país o vindeiro verán co seu novo traballo.

A Quenlla volta con 26 novas cancións

Xénero: Folk | 27 / 3 / 2014

30anos_aquenlla.jpg

Catro ano despois do seu último traballo, A Quenlla lanza un novo disco. Dous CDs que achegan 26 cancións inéditas e compostas especificamente para a ocasión compoñen 30 anos con A Quenlla De Amor, dor e loita. Con letras a cargo de autores como Cunqueiro, Curros Enríquez, Darío Xohán Cabana, Xesús Rábade, Manuel Maria ou Díaz Castro, o grupo de Mini e Mero mantén o seu característico estilo neste novo álbum, editado por 2001 Produccións. A Casa do Saber en Lugo, acollerá o vindeiro 28 de marzo o concerto de presentación do evento.

Roi Casal achégase ao pop no seu novo álbum

Xénero: Folk | 24 / 3 / 2014

donos_do_noso_destino_roi_casal.jpg

Cun xiro pop Roi Casal presenta Donos do noso destino, o seu terceiro álbum. O harpista achega sete novos temas de composición propia entre os que musica textos de Rosalía de Castro, Xosé María Días Castro ou William Ernest Henley. Instrumentos tradicionais como a harpa e zanfona comparten sons con guitarras eléctricas, baixos e baterías, nunha mestura na que o artista recoñece unha maior influencia pop. Logo de o presentar en Zurich a pasada fin de semana, Casal iniciará a xira de presentación do álbum cun concerto no Teatro Principal de Santiago o vindeiro 2 de abril.

A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra grava Hansel e Gretel

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 3 / 2014

hansel_gretel_oqo_orquestra_PO.jpg

Unha interpretación da primeira versión do conto dos irmáns Grimm. Tina Maroto, no texto e Iratxe López de Munáin a cargo das ilustracións gañaron o certame Cociña de Contos coa súa versión de Hansel e Gretel. Agora, OQO editora presenta o volume premiado, nunha edición que inclúe un CD no que a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra interpreta seis fragmentos da ópera orixinal que Engelbert Humperdinck compuxera a partir do texto dos Grimm. O volume, que se gravou o pasado mes de novembro do Pazo da Cultura, presentouse o pasado 14 de marzo cun concerto ao vivo no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Superoito chega con Todo me dá voltas

Xénero: Rock | 19 / 3 / 2014

todomedavoltas_superoito.jpg

Logo dun ano desde o seu nacemento, o trío de Ordes Superoito presentan o seu primeiro traballo. todo me dá voltas achega trece temas de rock rápido con toques punk e ecos de grupos na liña de Herdeiros da Crus. O volume, autoeditado e dispoñible íntegro en Bandcamp, presentouse oficialmente o pasado 16 de marzo en Ordes. Agora o grupo continúa unha xira que os levará á compostelá Sala Moon o vindeiro día 21, à Taberna de Cerceda o 22 e ao coruñés Joana's Place o 28, como primeiras paraxes.

Ruxe Ruxe explora un mundo apocalíptico en Némesis

Xénero: Rock | 18 / 3 / 2014

nemesis_ruxe_ruxe.jpg

Un traballo conceptual que repasa a historia dalguén que esperta no medio dunha terceira guerra mundial que se manifesta na forma de crise económica. Tres actos nos que se repasan o crime, a corrupción, a rebelión e a falta de saídas. Ruxe Ruxe centra o seu novo traballo, Némesis, na problemática social a través da ficción. A sala Capitol de Compostela acolle o vindeiro 12 de abril a presentación do traballo, nun concerto no que os Ruxe estarán acompañados de Biribirlocke e que presentará Josito Porto.

<< Inicio / Anterior . 691 a 700 de 1395 . Seguinte \ Fin >>