Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O dúo BellónMaceiras presenta Ten 10
Xénero:
| 22 / 12 / 2015Dez temas para conmemorar os seus dez anos de traballo na música. Esta é a proposta que fan Daniel Bellón e Diego Maceiras en Ten 10, o seu terceiro traballo discográfico. O dúo BellónMaceiras aposta por afondar na fusión da nosa tradición con músicas do mundo, e mesturan temas galegos con cancións doutras latitudes e algún tema propio. No proxecto, contan con colaboracións como as de Juan Cabe, María Moiséeva, María López , Miguel Lamas, Juan Tinaquero, Rafael Carracedo ou Oliver Wilson-Dickson. O álbum, autoeditado, pódese adquirir a través do web do dúo e presentouse o pasado 5 de decembro cun concerto en Fene, concello natal dos músicos.
Chegan Os Modernos con Dissimulem
Xénero:
| 21 / 12 / 2015Logo de percorrer durante varios anos a nosa xeografía a amosar o seu son de verbena dos anos vinte, a Orquestra Os Modernos presentou no pasado Culturgal o seu primeiro traballo discográfico. Dissimulem. A banda está composta por Xosé Tunhas na bateria, Joám Casas ao clarinete e gaita, Alonso Caxade co trombón, Martín Nogueira á trompeta, Paco Nogueiras a cargo do acordeón, Alberto Rodríguez como Contrabaixo e Íria Pinheiro no rol de cantante e diva. No seu repertorio, fox-trot, baião, bolero, habanera, corrido, rumba ou mazurca, a propor temas populares e versións de temas populares galegos. O álbum, gravado nos estudios A Ponte de Tomás Adeitos, foi autoeditado pola banda.
Javier Prado aposta polo blues en galego con O cadelo lunático
Xénero:
| 17 / 12 / 2015Javier Prado é coñecido polo seu traballo como voz e guitarra de Moondogs Blues Party. Agora, inicia un proxecto paralelo, O Cadelo Lunático, no que aposta polo blues en galego. Malos Tempos é o seu primeiro álbum, no que Prado conta con Belén Tajes para voz e teclado, Olalla Ferga na batería e María Gómez no baixo. No novo proxecto, que edita Inquedanzas Sonoras, o conxunto aposta por un son máis crú para o seu traballo en comparación co que Prado viña facendo na súa banda. En total son once temas nos que as composicións propias combínanse con poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Cristina Corral.
Anxo Moure e Servando Barreiro unen forzas en A música das árbores
Xénero:
| 16 / 12 / 2015Narración, música e poesía intégranse en A música das árbores. Servando Barreiro e Anxo Moure unen forzas nun traballo que aborda "a posibilidade dun mundo onde os seus habitantes vivan en harmonía coa natureza e onde os problemas se amañen facendo falar os corazóns". Chus Láuzara achega as ilustracións a este traballo, que edita Galaxia e que se gravou nos estudios Son Feixon de Beade, Vigo. O álbum preséntase ao vivo en espectáculos de contacontos que inclúen música.
Cé Orquestra Pantasma achégase aos cativos con Fíos do querer
Xénero:
| 15 / 12 / 2015O primeiro disco de Cé Orquestra Pantasma é un libro-CD orientado para cativas e cativos de ata tres anos. Fíos do querer presentouse no último Culturgal da man da Cooperativa Miudiño con nada menos que 24 temas. Arrolos, ritmos simples e rimas sinxelas animan a achegar os máis novos ao música desde o primeiro momento. Segundo sinala a presentación do álbum, trátase dunha "primeira de musica para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxetos sonoros feitos a partir de materiais naturais". Logo da presentación do cultural, o proxecto ten previstos novos concertos o día 19 (Salceda de caselas e Vigo), o 22 (Ourense), o 23 (A Coruña) e o 26 (Moaña).
Caxade representa a Galicia no Suns Europe
Xénero:
| 10 / 12 / 2015Son datas intensas para Caxade. A formación musical está de camiño a Udini, na rexión italiana de Friuli, para participar no Suns Europe, Festival Internacional da Canción en Linguas Minorizadas que celebra a súa primeira edición. Alí, o grupo representará a Galicia cunha actuación o venres 11 en competencia con sete formacións de lugares como Euskadi, Finlandia, Rusia, Bretaña ou Karelia. Por se fose pouco, na pasada fin de semana, a banda presentaba no Culturgal o CD/DVD A Dança dos Moscas ao Vivo. Nese volume, gravado hai un ano na anterior Feira das Industrias Culturais, os músicos de Caxade reintrepretan o seu primeiro disco acompañados pola Banda de Música de Bandeira. O novo álbum está distribuído por Discos da Máquina e tamén se pode escoitar en liña.
Tatán Cunha pasa da escena á canción con Chapeu
Xénero:
| 9 / 12 / 2015É máis coñecido polo seu traballo de anos en Títeres Tanxarina, pero Tatán R. Cunha atrévese a ampliar horizontes e acaba de presentar a súa primeira incursión no mundo da música. Chapeu é o nome do seu primeiro disco, que acaba de presentar no Culturgal e que, segundo explica achega "unha ducia de cancións escritas para contar historias. Fotografías teatrais, o mundo que máis coñezo e co que camiño a miña vida. Un mundo carregado de amizades que me invitan a cantar e a os que admiro e cos que compartín a loucura de crear este proxecto". Tatán non se lanza só nesta aventura, xa que contou con Pablo Vidal e Uxia para a composición e arranxos e con colaboracións como as de Carlos Blanco, Isaac Palacín, Sergio Tannus, Magín Blanco ou Manu Paino entre outros.
Mamá Cabra versiona a Carmen Gil en A bruxa Discordia
Xénero:
| 3 / 12 / 2015Doce poemas de Carmen Gil musicados compoñen a nova proposta de Mamá Cabra. Galaxia presenta, na súa colección Sonárbore, A bruxa Discordia, un libro-CD no que participa como ilustradora Iria Fafián. O novo álbum, que ten como tema principal a paz, preséntase ao público no Culturgal cun concerto o vindeiro domingo 6 de decembro ás 17:30 horas.
Luar na Lubre celebra tres décadas con Extramundi
Xénero:
| 1 / 12 / 2015Catorce novos temas compoñen Extramundi, o disco co que Luar na Lubre celebra os seus trinta anos de traballo. O grupo que lidera Bieito Romero aposta nesta ocasión por "un traballo que transcende do ámbito galego ou celto-atlántico e explora outras culturas desde unha óptica moi íntima e persoal". Así, o conxunto interpreta temas en seis idiomas, entre eles cancións en catalán, vasco ou o clásico da tradición castelá La Molinera. O álbum, editado por Warner Music, inclúe tamén pezas orixinais e adaptacións de temas galegos e sae á venda este catro de decembro. A xira de presentación comeza o vindeiro día 11 no Teatro Principal de Ourense e continuará o 8 de xaneiro en Vigo e o 9 na Coruña.
Chotokoeu presenta Saír a voar
Xénero:
| 30 / 11 / 2015Unha xira por seis país está a servirlle a Chotokoeu para presentar o seu novo traballo. Saír a voar chega sete anos despois do seu primeiro disco a achegar nove temas que saíron dun encerro creativo con toda a banda dedicada exclusivamente á música. O disco gravouse en Pau, Francia, e amosa que o grupo mantén toda a súa enerxía e continúa a aposta pola fusión balcánica co rock o swing ou o ska. Para alén da extensa xira internacional, a banda celebrará un concerto de presentación o vindeiro 26 de decembro na Coruña. O disco está dispoñible de xeito íntegro para escoita e descarga no web do grupo.