Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Cristian Silva achega a tradición ao indie con Ego
Xénero:
| 25 / 11 / 2015Gaita e percusión tradicional con sonoridade indie-pop son os ingredientes de Ego, o disco de debut de Cristian Silva. O multiinstrumentista e docente dos conservatorios de Ferrol e Vilagarcía presenta dez temas no seu primeiro traballo, editado por Inquedanzas Sonoras e producido polo propio músico. O volume achega temas maioritariamenete compostos por Silva, que tamén toca todos os instrumentos e conta con colaboracións como as de Davide Salvado, Pedro Pascual ou o grupo Pandeiromus. O álbum presentarse cun concerto o 5 de decembro na vindeira edición de Culturgal e chegará ás tendas a finais do mes.
Uxía e Magín Blanco presentan o Manuel María máis pequeno
Xénero:
| 23 / 11 / 2015Manuel María, poeta protagonista do vindeiro Día das Letras, é tamén o eixe da última proposta da colección de libros-CD Sonárbore da editorial Galaxia. Canta o cuco reúne a Uxía e a Magín Blanco para adaptar unha selección de poemas infantís do autor chairego que inclúe textos xa clásicos como O carro, A vaca ou O cuco. O dúo incorpora ademais o tema Todo me fala de ti na que dialogan co propio poeta. Os arranxos musicais correron a cargo de Santi Cribeiro e de Guillerme Fernández, e o dúo contou coa colaboración de Isaac Palacín, Pablo Vidal, Raquel Domínguez, Pablo Ces ou Andrés Giráldez. As ilustracións do álbum ilustrado corren a cargo de Leandro Lamas. A presentación do álbum realizarase o vindeiro 24 de novembro, a partir das 11.00 horas na escola A Galiña Azul de Santiago de Compostela. O proxecto inclúe tamén un espectáculo homónimo no que se mestura música e teatro e que presentaron na feira Galicia Escena Pro.
Terbutalina lanza Al otomano se le va la mano
Xénero:
| 17 / 11 / 2015A Sala Capitol de Compostela acolle o vindeiro 28 de novembro a presentación do novo disco de Terbutalina. Al otomano se le va la mano é o sétimo traballo da banda e mantén a aposta por un punk rock sen concesións, con temas breves e acelerados, no que cobran protagonismo os teclados de apoio. O disco é o primeiro do grupo con edición física, un vinilo que chega ás tendas da man de Folc Records e Grabaciones de Impacto. A grabación realizouse nos estudios A Ponte e a masterización realizouse por Jim Diamond en Ghetto Records (Detroit).
Dreams Of Dolly Sheep continúa carreira co seu cuarto traballo
Xénero:
| 13 / 11 / 2015O Iguana Club de Vigo acolle esta noite a presentación de Amok, cariño y saliva. O grupo Dreams of Dolly Sheep dá a coñecer na súa cidade natal os temas do seu cuarto traballo, un álbum no que manteñen as súas influencias de rock dos noventa, grunge e toques de psicodelia. A xira de presentación continuará por Compostela (Sala Moon, 28 de novembro), A Coruña (Mardi Gras, 4 de decembro) e Lugo (Clavicémbalo, 5 de decembro).
Fernando Vázquez Arias presenta Caderno para Sofía
Xénero:
| 11 / 11 / 2015Nove pezas para piano e orquestra compoñen a proposta que fai Fernando Vázquez Arias en Cadeno para Sofía. O compositor, profesor e director da Sinfónica de Melide deu a coñecer estas composicións a pasada primvarea e agora presenta o álbum correspondente. Inspirado en fitos da xeografía galega como as Fragas do Eume, o Ézaro ou as Burgas o músico dedica o álbum a súa filla Sofía e asegura partir da base do noso folclore para os seus temas. A interpretación das pezas correu a cargo do pianista Ricardo Blanco, que realizou o recital de estrea acompañado dun quinteto o pasado mes de maio no Consevatorio Profesional da Coruña.
Emilio José volta con Agricultura livre
Xénero:
| 10 / 11 / 2015Anos despois daquel Chorando apréndese que o situou na primeira liña do pop experimental a nivel estatal, Emilio José retorna. Desta volta, presenta nada menos que un triple CD, do cal xa está dispoñible na rede o primeiro volume, e que leva o título de Agricultura livre. Gravado en solitario na súa casa de Quins, Ourense, o novo álbum mantén a ecléctica mestura de estilos e o compromiso ideolóxico do autor, sempre cun envoltorio pop de grande orixinalidade. O álbum será oficialmente publicado o vindeiro 23 de novembro pola discográfica Foehn.
Brais Morán explora a súa transición persoal en Cruzando o eclipse
Xénero:
| 6 / 11 / 2015Logo da súa experiencia en Loretta Martin, Brais Morán asenta a súa carreira e lanza seu primeiro disco como solista. Cruzando o eclipse achega trece temas nos que o músico coruñés mantén o seu vencello cun rock de guitarras con aromas dos setenta e toques funk. Segundo explica Morán, o proxecto reflicte un momento vital "onde cae a miña mocidade transformándose noutra idade chea de enerxía que continúa a crecer". Gravado integramente en galego nos estudios Abrigueiro logo dunha campaña de crowdfunding, o álbum conta con Manu Seoane na guitarra eléctrica, Miguel Queixas á batería e Denís Morán no baixo, así como cunha colaboración de Fran Pérez Narf.
aCentral Folque recupera o legado de Xoán Tilve
Xénero:
| 29 / 10 / 2015Catro pezas de gaita canda a dúas alocucións de Filgueira Valverde sobre a súa figura, compoñen as gravacións históricas que recupera aCentral Folque no volume Xoán Tilve. Gaiteiro de Campañó, que presentaba onte no Museo de Pontevedra. A obra, que fai parte da colección Chave mestra, recolle as gravacións que se realizaron en 1949 por iniciativa de Filgueira para preservar o legado deste intérprete. Ademais, reinterprétanse outros temas do repertorio deste solista tirados do cancioneiro de Casto Sampedro. A gravación vai acompañada por un estudo biográfico sobre Tilve da man do gaiteiro e investigador Óscar Ibáñez e mais dunha análise sobre o contexto e os fondos do legado de Casto Sampedro no Museo de Pontevedra a cargo de Xavier Groba.
Liviao de Marrao presenta Que cada cão lamba a sua caralha
Xénero:
| 26 / 10 / 2015Dous anos despois do seu Matança Eta Filhoak!, Liviao de Marrao presentan o seu segundo álbum de estudio. Que cada cão lamba a sua caralha dábase a coñecer o pasado venres cun concerto na compostelá Sala Capitol. O grupo achega doce novos temas "nos que prima a mistura de punk, ska e rock com um sentimento de arroutada e de rebeldia que é a herança do bravú em galego" no que os habituais instrumentos de metal, guitarras e percusión súmanse outros menos comúns neste estilo como o violín e a gaita. O álbum, autoeditado e gravado nos estudios Pousada Son, inclúe curiosidades como a versión dunha cantiga de amigo de Johám de Requeixo, xograr do século XIII.
Falúa presenta o seu primeiro disco, orientado á lusofonía
Xénero:
| 23 / 10 / 2015Dous temas tradicionais galegos, tres de Portugal, da autoría de Vitorino, Zeca Afonso e Amália Rodríguez, un do brasileiro Chico César e outro do cubano Silvio Rodríguez. Esta é a aposta que fai o dúo Falúa para presentar o seu primeiro e homónimo disco. O dúo composto pola vocalista Sara de Sousa e Gom de Abadin á guitarra autoeditou o álbum e está a desenvolver unha serie de concertos por todo o país para dar a coñecer o seu proxecto.