Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Un libro disco recupera o traballo de Siderio de Vilarmide

Xénero: Folk | 1 / 7 / 2015

desiderio_vilarmide_ed_canela.jpg

Desiderio Sampayo Rico, Siderio de Vilarmide é o título do libro-CD que acaba de presentar a editorial Canela. A obra explora o traballo deste investigador e intérprete da música tradicional que desenvolveu a súa actividade desde A Pontenova. A música de tradición oral conservada e interpretada por este músico, a súa biografía, repertorio e técnica, os artesáns que elaboraron os seus instrumentos ou o estudo da música de gaita na zona son algúns dos temas que se tratan. O volume inclúe textos de especialistas como Pablo Quintana, Daniel Carballo, Pablo Carpintero ou Luis Correa O Caruncho, ademais de fotografías de Vicente Ansola entre outras tiradas de diferentes arquivos. O estudo complétase cun CD no que o propio Siderio interpreta, canda a Constante de Valiña e Modesto de Murias 21 temas tradicionais inéditos ata o momento.

Tu mujer nos engaña presenta o macroproxecto Malas linguas

Xénero: Rock | 29 / 6 / 2015

malas_linguas_tu_mujer_nos_enganha.jpg

Nada menos que catro CDs, cun total de corenta temas cantados en galego, castelán e inglés, compoñen Malas linguas. Desde Silleda, o grupo Tu Mujer nos Engaña presenta o seu segundo traballo de estudio, un ambicioso traballo de estudio no que a súa proposta de rock-fusión conta con colaboracións de luxo como son as de Alberto Cereijo (Los Suaves), Oscar Avendaño (Siniestro Total), Fernando Madina (Reincidentes), La Pegatina, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Bocixa (Zënzar), Xose A. Touriñán e Marcos Pereiro (Mucha e Nucha), Apenino ou Piti Sanz entre moitos outros. Logo de dous anos sen tocar ao vivo, o Derrame Rock marcou o comezo da xira de presentación do proxecto, que levará o grupo polas principais cidades de Galicia ao longo dos vindeiros meses.

O Jazz in Galiza Series presenta o seu segundo volume

Xénero: Jazz/Blues | 23 / 6 / 2015

jazz_galicia_series_2_VVAA.jpg

Unha gravación ao vivo no Teatro Principal de Pontevedra en xullo de 2012 é a base de Jazz in Galiza series volume II. Free Code Jazz Records presenta a segunda entrega desta liña na que se amosa o traballo combinado de creadores galegos deste xénero con músicos foráneos. En concreto, nesta ocasión os oito temas que se presentan da man de Virxilio da Silva, Alberto Vilas, Chus Pazos, Corcoran Holt, Xan Campos, Iago Fernández, Javier Pereiro, Max Gómez, Fernando Sánchez e Rosolino Marinello. O volume marca as cen referencias da discográfica que dirixe Paco Charlín.

Davide Salvado cria Lobos

Xénero: Folk | 12 / 6 / 2015

lobos_davide_salvado.jpg

Dez novos temas nos que, a seguir a súa liña, Davide Salvado reinterpreta os sons máis tradicionais. Esta é a proposta que o artista fai en Lobos, o traballo que acaba de presentar da man de Fol Música e que chega ás tendas o vindeiro 16 de xuño. O álbum conta coa produción de Pedro Pascual e con colaboracións de Xavi Lozano, Quim Farinha, Miguel Hiroshi ou LAR Legido entre outros. Xa están dispoñibles na rede os tres primeiros singles A vida, Lobos, Gargamala.

O Seminario de Jazz de Pontevedra presenta o seu novo disco

Xénero: Jazz/Blues | 11 / 6 / 2015

13_seminario_jazz_pontevedra.jpg

Un doble disco con 24 temas recolle o traballo do 13 Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Trinta e tres músicos amosan o seu bo facer a interpretar dúas ducias de temas que van desde clásicos de Bill Evvnas, Duke Ellington ou Jay Livingston ata composicións de Abe Rábade, Pedro Freijeiro ou Antonio Castillo entre outros. O álbum, que sae editado pola discográfica galega Freecode Jazz Records, gravouse en xuño do pasado ano no Teatro Principal de Pontevedra. Precisamente este espazo acollerá o vindeiro domingo 14 de xuño o concerto fin de curso da décimo cuarta promoción do Seminario.

Roberto Sobrado presenta Atlas de Anatomía

Xénero: Pop | 9 / 6 / 2015

atlas_anatomia_roberto_sobrado.jpg

Un concerto por todo o alto, para a que mesmo chegou a convocar un crowdfunding. Esta é a proposta coa que Roberto Sobrado quere presentar, o vindeiro 11 de xuño, o seu novo traballo no Salón Teatro de Compostela. A conmemorar vinte anos no mundo da música, o músico publica o Atlas de Anatomía, quinto disco coa súa banda. Dez temas autoeditados de pop-rock-blues en galego nos que sobrado conta co acompañamento de Rafa Campoy (guitarra eléctrica), Gustavo Fernández (baixo), Germán Daponte (saxo)e Paulo Silva (batería).

Ardentía convida a avanzar na música tradicional con Adiante

Xénero: Folk | 5 / 6 / 2015

adiante_ardentia.jpg

Con portas na capa e convidando a pasar, Ardentía presenta o seu novo traballo. Adiante explora as posibilidades da música de raíz a amosar que pode ser "rica en matices, variada, amplia, complexa". Logo de 25 anos de carreira, o grupo achega unha colección de temas nos que se mesturan a tradición con composicións propias e aos que lles achega unha instrumentación que inclúe gaita, saxofon, acordeon, anfona, bouzouki, guitarra, contrabaixo, frauta, percusións e voces. O grupo presenta o novo álbum cun concerto esta noite na Gentalha do Pichel, en Compostela.

Uxía e Narf cantan xuntos as Baladas da Galiza Imaxinaria

Xénero: Fusión | 2 / 6 / 2015

baladas_gz_imaxinarila_uxia_narf.jpg

Cantaron por vez primeira xuntos nunha xira por Sudamérica na primavera de 2014. O encontro deu nunha integración dos sons eléctricos de Narf coa voz de raíz de Uxía. Logo dunha serie de concertos por todo o país, o dúo entrou no estudo Asisí no outono pasado e presenta agora o resultado desta colaboración. Baladas da Galiza Imaxinaria presenta unha mestura de temas compostos para ocasión con reinterpretacións do repertorio dos dous músicos. As once cancións do álbum combinan letras de Rosalía, Castelao, Curros ou Federico García Lorca con temas como Alalá das Mariñas. O álbum preséntase de xeito oficial cun micro recital no Mercado de Abastos de Compostela na mañá do 3 de xuño. Un concerto no Salón Teatro de Santiago de Compostela o 10 de xuño servirá de presentación do álbum.

Os Chichisos publican o seu primeiro disco aos 21 anos

Xénero: Folk | 29 / 5 / 2015

feito_na_casa_os_chichisos.jpg

Un disco totalmente artesán, elaborado de comezo a fin polos propios membros do grupo. Esta é a proposta que grupo de música tradicional Os Chichisos, de Pontevedra, presentan no seu Feito na casa. Por vez primeira logo de vinte e un anos de existencia, o conxunto lanzouse ao estudo de gravación para rexistrar dez temas, dos cales nove foron compostos polos seus membros. Polca dos Chichisos, María imos pra Mesía, O Alicornio ou Moinheira do rato Rabissaco som alguns dos temas que se inclúen no traballo. Gaita, requinta, acordeón ou clarinete acompáñanse de percusión tradicional nunha aposta polo son máis tradicional.

Ith lanza Forte, o seu primeiro traballo de estudo

Xénero: Rock | 26 / 5 / 2015

forte_ith.jpg

Temas con guitarras potentes e potentes voces femininas con ecos de rock duro marcan o novo traballo de Ith. A banda de Mesía presenta Forte, o seu primeiro traballo de estudo logo de varias maquetas e un álbum ao vivo. A continuar a súa aposta polo pop-rock, o grupo achega trece novos temas en galego nos que destaca o traballo vocal de Lucía da Fonte. Canda a ela Gonzalo Suárez, Toxo, Miguel Iglesias e Miguel Folgueira completan o proxecto, que está a desenvolver diferentes concertos de presentación por todo o país. A vindeira cita será o seis de xuño no I Festival Folck Rock de Grixalba.

<< Inicio / Anterior . 591 a 600 de 1395 . Seguinte \ Fin >>