Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Electrolírica é a nova mutación de Xan Solo's

Xénero: Electrónica | 27 / 5 / 2016

electrolirica_xan_solos.jpg

Un xiro radical levou a Xan Solo de cantautor a músico electrónico. Baixo o nome de Xan Solo's, o negreirés presenta esta noite na compostelá sala Moon Electrolírica, Electrolírica. O novo proxecto que o músico desenvolve a dúo con Cristina Morquillas caracterízase por manter as letras intimistas do autor que agora se integran con melodías envolventes e que, segundo o grupo "evocan imaxes case cinematográficas". Segundo anuncian, nas súas actuacións Xan Solo's "pasan de cancións intimistas, poéticas e teatrais a desgarradoras e potentes instrumentacións creando diferentes atmosferas ao longo do espectáculo".

Zurrumalla continua de festa con Camiño por ti

Xénero: Folk | 25 / 5 / 2016

caminho_por_ti_zurrumalla.jpg

Tardaron once anos en publicar o seu primeiro álbum, pero semella que os vigueses de Zurrumalla están a lle coller o ritmo. Catro anos depois daquel O que había... e o que hai ve a luz Camiño por ti. O novo álbum, que se á luz da man de Inquedanzas Sonoras, achega dezasete temas de estilos variados a manter o estilo peculiar do sexteto, que mestura acordeóns, gaitas, perdusións e saxo nun son que anova a partir da nosa tradición. O álbum gravouse nos estudios A Lagharteira e Ancestral Estudios, por Isaac Millán. A banda anuncia a súa vindeira actuación o vindeiro 21 de xuño no Festival Benéfico da ELA en Cangas.

Fernando Barroso debuta en solitario con Intropía

Xénero: Miscelánea | 19 / 5 / 2016

imaxe non dispoñible

Logo das súas colaboracións con Luís Peixoto, Riobó, Coanhadeira, Os Cempés ou Assembly Point, Fernando Barroso lanza o seu primeiro álbum en solitario. O ferrolán dálle ás guitarras todo o protagonismo en Intropía, dezasete temas acústicos e instrumentais nos que contou con colaboracións como as de Xabier Díaz, Isaac Palacín, Xose Manuel Budiño, Begoña Riobó, Manuel Paino e Oscar Fernández, entre outros. Bouzouki, mandolinas, cavaquinhos ou violas portuguesas danse cita nunha exploración constante das posibilidades das cordas nun álbum que nace da "necesidade de voltar ás orixes. Reflexionar, crear e controlar o caos, para asignarlle un certo valor de beleza".

Caxade presenta E isto é o amor

Xénero: Fusión | 16 / 5 / 2016

Caxade_e_isto_e_o_amor.jpg

Santiago de Compostela acollía onte apresentación de E isto é o amor, novo disco de Caxade logo do recente Premio Martín Códax da Música que obtivo o conxunto. A seguir coa fórmula de A dança dos moscas, o cuarteto mantén a aposta por acordeóns e metais como base para temas poéticos e reflexivos, aos que engade sons electrónicos coa incorporación de sintetizadores e acordeóns MIDI e un maior peso das percusións nalgúns temas. O álbum sae á luz baixo a etiqueta de Discos da Máquina e foi gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos. A xira de presentación ten datas previstas en Compostela (21 de maio), Ponteceso (22), Pontevedra (28), Lugo (4 de xuño) ou Bueu (11) entre outras.

Rosa Cedrón presenta ao vivo Nada que perder

Xénero: Melódica | 12 / 5 / 2016

rosa_cedron_nada_que_perder.jpg

Case dez anos despois do seu último traballo en solitario, Rosa Cedrón presenta novo disco. Nada que perder afástase dos aires máis tradicionais e aposta por tons líricos a recuperar o labor como violonchelista da cantante e compositora nunha serie de temas persoais. Español, galego, francés e inglés mestúranse nun traballo que a antiga vocalista de Luar na Lubre vai presentar este trece de maio, día no que sae á venda o álbum, no FNAC da Coruña. O sábado 21 de maio será El Corte de Inglés de Santiago o que acolla outro recital de presentación. Está xa dispoñible na rede o seu primeiro single No seré yo.

Sonia Lebedynski debuta en solitario con Deserto de centos

Xénero: Fusión | 29 / 4 / 2016

imaxe non dispoñible

Logo de pór voz en Fía na Roca e de colaborar en numerosos proxectos musicais, Sonia Lebedynski inicia carreira en solitario. O vindeiro tres de maio sae á venda Deserto de centos, un álbum no que a cantora revélase tamén como autora a mesturar tradición, folk, funk, pop ou música brasileira. O proxecto, desenvolvido con Sérgio Tannus, conta con colaboracións como as de Xosé Lois Romero, Guadi Galego, Uxía e Óscar Losada. A festa de presentación celebrarase o vindeiro 8 de maio no Miramar de Boiro, mentres a estrea ao vivo está prevista para o vindeiro 26 de maio en Compostela. Para as actuacións ao vivo Lebedynski estará acompañada de Sérgio Tannus, Carlos Freire, Roberto Comesaña, Martiño Domínguez, José Manuel Díaz, Manu Paino e Jose Luis Miranda, nunha formación que combina metais, percusión, cordas e acordeón entre outros instrumentos.

Unha ópera-rock en galego narrará o Alzamento de Pascua en Irlanda

Xénero: Miscelánea | 28 / 4 / 2016

the_rebel_cartaz.jpg

Pai e fillo, Miguel e Iván Caride, asinan The Rebel (O rebelde, unha ópera folk-rock na que se recrea o alzamento de Pascua en Irlanda, que se considera o punto de partida da independencia do país. Con Patrick Henry Pearse, líder dos rebeldes como eixe, o proxecto quere amosar a parte máis humana deste proceso, e faino cunha mestura de música, teatro, cine e artes gráficas. A obra, que se estrea o vindeiro 12 de maio no Auditorio Municipal de Ourense conta con Ledicia Piñeiro, Javier Octavio, José Manuel Mao e Mela Casal, baixo a dirección de Óscar Doviso. O espectáculo conta tamén cun número de danza irlandesa. Para alén da posta en escena, o proxecto inclúe dúas curtametraxes sobre o alzamento e un libro-disco no que se recollen dez temas en inglés e gaélico e no que os autores contan con colaboracións como a de Daniel Minimalia, Miguel Caride, Xabier Vaz ou Sebastián Mato entre outros.

Rebeliom do Inframundo renóvase con Lume e Rebeliom

Xénero: Hip-Hop | 26 / 4 / 2016

lume_rebeliom_r_inframundo.jpg

Cunha formación ampliada e anovada, Rebeliom no Inframundo publica o seu segundo álbum de estudio. O Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC) e Ichi Som (DJ) son agora os membros fixos do grupo, que conta tamén con contribucións a cargo de Movementss, Frank, 2Pas0s, Dj Rapu e J.CNNR. O novo disco Lume e rebeliom sae á luz da man de Língua Nativa e achega catorce temas nos cales o rock, o folk, o reggae ou a música electrónica se deixan sentir sobre a base de hip-hop que caracteriza o grupo. A denuncia socal mestúrase co lirismo íntimo nun proxecto que inclúe coas colaboracións da viguesa Íria Medranho e o cantante irlandés Brian Brody. A Farándula, en Vigo, acollerá o vindeiro 30 de abril a presentación do título.

NAO presenta o duplo EP Soñar-Crear

Xénero: Rock | 20 / 4 / 2016

nao_sonhar_crear_3.jpg

Santiago de Compostela acollía onte, 19 de abril, a presentación do novo proxecto discográfico de NAO. Trátase dun duplo EP que, co título Soñar-Crear sae en dúas partes e achega un total de nove composicións novas. En concreto, onde saía á luz a primeira parte, Soñar, que xa está dispoñible para libre descarga no web da banda. O disco, producido e gravado por Iago Pico, produtor dos seus últimos traballos, amosa "probablemente o son máis potente gravado" polo grupo nos seus catro temas. A edición física do mesmo incluirá ademais as versións que fixeron de Venceremos Nós e Porque este soño é necesario para un soño.

Gelria debuta por todo o alto con Cantos de poeta

Xénero: Melódica | 19 / 4 / 2016

cantos_poeta_gelria_promo.jpg

Naceu hai só dous anos, pero a banda Gelria debuta xa no mercado discográfico cun ambicioso proxecto. O vindeiro 23 de abril sae á venda Cantos de poeta, un álbum de debut no que o grupo percorre mediante catorce temas a historia da poesía galega desde o século XIX. Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra, Chus Pato ou, como non, o homenaxeado no Día das Letras, Manuel María, aparecen nas versións do trío composto por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano). O álbum, autoeditado, preséntase en formato libro-CD con fotografías de Juan Luis Rúa e ilustracións de Sonia García Vidal, ademais de textos en varias linguas e unha introdución de Xosé Lois Romero, que tamén colaborou nalgún dos temas. Por se fose pouco, o propio Manuel Rivas achega no libro unha serie de textos orixinais que serven de conexión entre os diferentes poemas recollidos no proxecto.

<< Inicio / Anterior . 561 a 570 de 1446 . Seguinte \ Fin >>