Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

aCentral Folque publica Cantos de cego de Galiza e Portugal

Xénero: Folk | 14 / 9 / 2016

cantos_cego_gz_pt_ninas_e_prata.jpg

Aínda que fixeron un adianto en xullo, no marco do encontro Zona da Zanfona, non foi ata o pasado 11 de setembro que César Prata e Ariel Ninas presentaron de xeito oficial Cantos de cego de Galiza e Portugal. O novo disco que publica aCentral Folque percorre este patrimonio sonoro das dúas bandas da raia a recuperar pezas recollidas directamente de informates e rescatadas de cancioneiros. O dúo galego-portugués de músicos parte dunha base de voz, zanfona e guitarra que complementan con instrumentos como concertina, harmónica, adufes e percusións miúdas. Cantares de crimes, humorísticos, romances ou feitos históricos atópanse no álbum, que presentarán ao vivo ao longo deste outono. A vindeira cita para os escoitar será o 22 de setembro en Castelo Branco, Portugal.

Mónica de Nut tece con Luís Martíns Raíces aéreas

Xénero: Fusión | 26 / 8 / 2016

raices_aereas_mdnut_martins.jpeg

Os cantos tradicionais de mulleres son a base de Raíces aéreas, o terceiro disco de Mónica de Nut. A vocalista alíase co harpista Luís Martíns para presentar un álbum no que os aires de raíz se mesturan con tratamentos contemporáneos. Toques eléctricos, percusións anovadoras, atmósferas envolventes e, como é habitual na artista, un destacado traballo vocal combínanse coas colaboracións de Lucía Martínez nas percusións, zanfona e obxectos sonoros.

Milladoiro presenta un CD-DVD ao vivo en Ortigueira

Xénero: Folk | 18 / 7 / 2016

imaxe non dispoñible

A coincidir coa súa presenza a fechar onte, domingo 17 de xullo, a última edición do Festival de Ortigueira, Milladoiro presentou o seu novo traballo. Milladoiro en Ortigueira é un CD-DVD que recolle a actuación da banda neste mesmo evento en 2014. Para alén dunha actuación ao vivo no que a banda percorre boa parte dos seus grandes éxitos, o volume achegar tamén un documental sobre a vila e os comezos e a evolución do seu célebre festival. O álbum, editado por Cormorán Producións, elaborouse coa colaboración do Concello de Ortigueira.

Arturo Rodríguez é Indomable

Xénero: Cantautor | 14 / 7 / 2016

incond_imperfecto_indomable.jpg

O músico Arturo Rodríguez faino todo. Voz, guitarra, bombo, harmónica e pandeireta compoñen o seu arsenal en Indomable, un proxecto unipersoal co que acaba de presentar o seu primeiro traballo. Incondicional e imperfecto achega oito temas de aires indie-folk acústico con ambientes naturais gravados e arranxos de piano da man de Sergio Delgado. Neste novo proxecto o creador afástase das súas experiencias en xéneros como a electrónica e do seu traballo como parte de El Cuerpo del Ritmo para se centrar en temas íntimos e melódicos, que gravou nos estudios Bruar da Coruña. Logo de presentar o disco no Playa Club da Coruña a finais do pasado mes de xuño, a xira está prevista a partir do vindeiro mes de setembro con paradas en Pontevedra, Laxe, Ferrol, Ourense, Vigo ou Baiona.

Linho do Cuco debuta en Discos da Máquina con Viva Viva!

Xénero: Folk | 12 / 7 / 2016

viva_viva_linho_do_cuco.jpg

Aínda que se anuncia con data de abril, e comezaron a presentalo na pasada primavera, non foi ata finais do pasado mes de xuño que saiu á venda Viva Viva!. Linho do Cuco presenta baixo o selo Discos da Máquina o seu cuarto álbum de estudio, no que a banda do Deza continúa a liña de exploración dos sons de banda de música desde as raíces folk: Desta volta, o octeto mesmo se atreve con achegamentos ao jazz e presenta tres temas cantados como grande novidade. Carlos Quintá, Benxamín Otero, Pablo Doval, Pablo Bernárdez, Xián Herrera, Miguel Touriño, Pablo Pardo e Marcos Pérez mesturan rumbas, mazurcas ou jotas sempre a manter un son bailable e festivo.

Heredeiros da Crus reeditan os seus catro primeiros discos

Xénero: Rock | 28 / 6 / 2016

not_26487.jpg

A banda de rock nacida no Barbanza en 1992 vive a súa segunda xuventude e exhibe músculo reeditando catro dos seus primeiros discos, todos do século pasado, que estaban esgotados e descatalogados ata agora. Un digipack reúne estas catro gravacións baixo a denominación 1992-1999 (Fol Música). Xunto cun póster da banda poderemos encontrar neste paquete o seu primeiro disco A cuadrilla de Pepa a Loba (1994) ; ¡¡Está que te cajas!! (1995); Des Minutos (1997) e Erecsiones munisipales (1999).

Chicharrón envía unha Postal no seu segundo traballo

Xénero: Indie | 28 / 6 / 2016

postal_chicharron.jpg

Con formación ampliada, a pasar de trío a quinteto, presenta Chicharrón Postal, o seu segundo álbum. Alberto Vecino, Diego Gende e Rubén Domínguez incorporan nesta ocasión a Mar Catarina aos teclados, que acadan un importante protagonismo, e a Xurxo Meis á batería. Deste xeito, a banda de Carballo mantén o seu carácter indie aínda que aposta por sons máis eléctricos nos doce temas que edita da man Prenom. Os estudios A Ponte de Tomás Ageitos acolleron a gravación deste proxecto. O álbum está dispoñible nunha edición limitada de 250 copias que sae nun cartafol de 7" con insert, postal da portada e funda protectora de plástico groso.O grupo está en plena xira de presentación do traballo.

Secho y los invisibles debutan con Xa fai un tempo

Xénero: Fusión | 27 / 6 / 2016

xa_fai_1tempo_secho_invisibles.jpg

Rock, pop, folk, toques de blues e fondo de cantautor. Secho y los invisibles manteñen a fórmula coa que están a traballar desde 2009 en Xa fai un tempo o seu primeiro traballo discográfico. Discos da Máquina presenta este álbum, no que a banda que lidera Sergio Castiñeiras aposta polo formato de cuarteto e o autor e cantante acompáñase de Benjamín Vázquez, Anxo Araujo e Roi Castaño. Temas íntimos e urbanos con toques de denuncia social danse cita neste traballo, que se gravou en Una Casa Cualquiera por Anxo Araújo. Logo de estrear o novo traballo na compostelá Casa das Crechas, o grupo continúa a súa xira de presentación con concertos por todo o país.

O sol dos Resentidos volve saír

Xénero: Rock | 20 / 6 / 2016

not_26465.jpg

A banda comandada por Antón Reixa comezou a súa volta de honra aos escenarios en 2012 para conmemorar os trinta anos da súa creación, froito daquilo foi o disco e posterior xira A tribo toda baila. A cousa non quedou aí e cando este ano se cumprían trinta anos da saída do seu disco máis celebrado “Fai un sol de carallo” a banda volveu xuntarse nun concerto o 2 de marzo no Teatro Principal de Ourense. Acompañados por A Lira Big Band de Ribadavia, Antón Reixa e os seus reinventaron o seu disco creando “Fai un sol de carallo-Suite”. Warner Music saca agora o disco gravado nesa ocasión en formato CD + DVD con todo o espectáculo. A través dos 26 temas deste disco redescóbrese a vixencia musical d’Os Resentidos no seu disco máis recordado por grandes éxitos como Sector Naval, Galicia Sitio Distinto, Sexo Macumba e Galicia Caníbal entre outros. Ademais do acompañamento da máis que centenaria banda A Lira o concerto contou coa colaboración de outros músicos como Ses, Sito Sedes ou Roberto Sobrado. A gravación preséntase como una homenaxe d’Os resentidos a todos os músicos populares de Galicia.

Roi Casal achégase ao Caribe con Son galego, son cubano

Xénero: Fusión | 27 / 5 / 2016

son_galego_son_cubano_roi_casal.jpg

O novo proxecto de Roi Casal trascende un simple lanzamento discográfico. Son galego, son cubano é un libro-CD que inclúe ademais o documental A Illa dos galegos. O filme explora, a través da elaboración do disco, as pegadas dos galegos na illa. O álbum conta con letras orixinais de Neira Vilas, no que foi un dos últimos proxectos nos que estaba a traballar cando faleceu e inclúe colaboracións de Pablo Milanés, Laritza Bacallao e Nando Casal. Temas como Caballero de París, Pinar del Río, Amor cubano ou Gres recollen vivencias e historias que Neira Vilas recolleu sobre o país. Dous concertos no Gran Teatro Alicia Alonso, antigo Centro Galego, serviron para presentar o proxecto na illa caribeña os días 27 e 28. A xira continuará ao longo deste verán por Galicia, con datas confirmadas xa en Cambados a coincidir coa Feira do Albariño de Cambados.

<< Inicio / Anterior . 551 a 560 de 1446 . Seguinte \ Fin >>