Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Eladio y Los Seres Queridos homenaxean á musica tradicional en Cantares

Xénero: Pop | 2 / 12 / 2016

not_26909.jpg

Como unha particular homenaxe á música tradicional que escoitaban os seus pais e eles mesmos de cativos, Eladio y Los Seres Queridos presentan un disco novo Cantares (Esmerarte). O álbum confórmano dez temas seleccionados einterpretados desde os sons pop que van desde o Fonte do araño, de Emilio Cao ao Teño saudade de Andrés do Barro pasando por Marín por ti, Flor da murta, unha versión de A Bruxa de Milladorio, dúas versións das cancións de Fuxan os Ventos Cantiga de amigo e Meu amor é mariñeiro, Camariñas, Havemos de ir a Viana e Quen puidera namorala de Luis Emilio Batallán. Deste particular canto a Galicia a banda explica que facer este disco era unha “débeda” que tiñan "coas cancións da nosa infancia, un cariño para os nosos pais pero tamén para os nosos fillos, para que non as esquezan", din desde o grupo. Pero Cantares tamén é segundo Eladio y Los Seres Queridos “un disco para que os que non son galegos descubran parte do noso cancionero.”

Vinte anos que pasaron como vinte segundos para Ruxe Ruxe

Xénero: Rock | 30 / 11 / 2016

not_26901.jpg

Tras vinte anos na escena musical como referentes do punk rock en galego os Ruxe Ruxe nin se oxidaron nin pensan desaparecer, de feito para eles todo este espectacular devir musical con 11 albumes propios editados pasoulles tan rápido que transformaron os anos en segundos no título deste novo disco de celebración do aniversario, que deron en chamar 20" . Como no seu primeiro disco Ruxe Ruxe (1999) no novo LP recuperan para a portada a imaxe dun centolo, máis vizoso aínda que o primeiro e desta vez armado cun cartucho de dinamita, deixando claro que non renuncian ás súas características distintivas orixinais de rock combativo , rock do país de corpo a corpo directo e emocional. Segundo apuntan no libreto do CD " 20" son unha nota do caderno dos días que arden entre cascallos, historias e latexos". 20" ofrece quince temas e dous 'extras' ou 'estalos' como eles os denominan entre os que se inclúe o tema Non temos medo do seu segundo LP do mesmo nome (2000).

Luar na Lubre repasa nun novo álbum 30 anos de carreira

Xénero: Folk | 25 / 11 / 2016

xxx_aniversario_luar_na_lubre.jpg

Para o vindeiro nove de decembro sae á rúa XXX aniversario, o álbum co que Luar na Lubre celebra tres décadas de traballo. Segundo anuncia o grupo, o disco recolle unha selección personal que quere "non caer no convencional, sen as cancións máis coñecidas e recoñecidas" e busca "a excelencia dos temas máis agochados do noso repertorio". Canda a elas, sorpresas na forma de revisións de temas como Morrison's jig, Dun tempo para sempre ou o Soldado desgraciado, ou unha transgresora reinterpretación do clásico Fonte do Araño de Emilio Cao. Tamén se poderá ouvir a versión que Mike Oldfield fixo de O Son do Ar. Entre os colaboradores deste novo proxecto, nomes como Ismael Serrano, Coral de "Ruada", Nani García, Victor Iglesias, Christian Delgado, Fernando Fraga ou Irene Cerqueiro.

Sés está decidida a Opoñerse á extinción no seu novo disco

Xénero: Fusión | 24 / 11 / 2016

not_26880.jpg

Sés volve a poñer nun disco a súa forza musical e o seu espírito reivindicativo de denuncia social. Opoñerse á extinción (Fol Música) é o cuarto disco da cantora, algo máis dun ano o separa do anterior Tronzar os valos, tamén de nome combativo na liña que xa fillo moi coñecida á artista. O disco sairá á venda o vindeiro 2 de decembro en formato CD e en todas as plataformas dixitais. A cantautora coruñesa segue con este traballo a liña do seu inconfundible estilo que mestura sen confusión blues, rock e sons latinoamericanos nos once temas do álbum pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior e sacándolle así máis partido se cabe á súa potente voz. Co seu cuarto traballo Sés comparte o seu crecemento musical e persoal a través destes temas. Ela mesma define así este seu cuarto disco: "O título 'Opoñerse á extinción' é a síntese da actitude que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor." As primeiras actuacións para levar Opoñerse a extinción aos escenarios terán lugar no Teatro Rosalía da súa vila natal, A Coruña, en datas duplicadas xa os vindeiros 28 e 29 de decembro. Xa se pode escoitar (e ver) o seu vídeo de adianto co tema A paz esquiva.

Budiño conmemora vinte anos de Paralaia

Xénero: Folk | 23 / 11 / 2016

paralaia_20_anos.jpg

Hai xa vinte anos que Xosé Manuel Budiño iniciaba a súa carreira discográfica co lanzamento de Paralaia. Para conmemorar este aniversario, o gaiteiro moañés acaba de presentar unha edición remasterizada deste mítico álbum, desta volta como un libro-CD ilustrado por Ana Zon. O volume conseguiu no seu día múltiples recoñecemento como os premios da Sociedade Xeral de Autores e Editores de España (SGAE) e da Asociación de Artistas Intérpretes e Executantes de España (AIE), así como o Premio da Música en España á mellor canción en galego para Ardora. O libro-disco porase á venda a partir do 5 de decembro. Con anterioridade poderá mercarse no Culturgal, entre o 2 e o 4 de decembro.

Cro! lanza o seu cuarto disco Mounstros

Xénero: Alternativa | 22 / 11 / 2016

not_26871.jpg

Os catro membros da banda viguesa Cro! entraron nos Estudios Brazil en Madrid, onde xa gravaran o seu anterior disco Pera (2014), e nunha única execución en directo rexistraron os oito temas do seu novo álbum Mounstros, cuarto da súa carreira. O disco, editado co selo Metamovida como o anterior pero tamén coa discográfica La Choza de Doe e a produtora underground Nooirax, mantén inmutable o espírito experimentador e alternativo do cuarteto nacido en 2007 e tamén o método de lanzamento, xa que está en prevenda a través da web e a partires do 2 de decembro poderá adquirirse en formato vinilo ou CD. Situados á marxe dos vaivéns da industria musical e as modas, Cro! segue crecendo e engadindo novos terreos musicais ao seu percorrido, facéndoo máis rico e complexo co tempo. O disco, montado sobre una instalación multicapa de sintetizadores, ritmos, guitarras e idiomas - español, galego e inglés- presenta estruturas de xogo e mesturas estilísticas entre o rock alternativo e a improvisación máis jazzística e segue amosando o seu virtuosismo alternativo e dificilmente clasificable. Como adianto de Mounstros xa se pode ver na rede o videoclip do tema Videovigilada realizado e montado por Miriam Rodríguez.

A música dóese pola morte de Fran Pérez "Narf"

Xénero: Fusión | 16 / 11 / 2016

imaxe non dispoñible

A escena musical e a cultura galega en xeral recibiron onte como un duro golpe a morte do músico Fran Pérez (Silleda, 1968), coñecido polo seu nome artístico “Narf”, palíndromo do seu propio nome. Fulminado por un cancro en poucos meses a prematura desaparición do intérprete e compositor deixou tras de si unha fonda tristura que se espallou rapidamente entre colegas e admiradores. Tanto pola súa música como pola súa personalidade agarimosa, humilde e afable tiña gañado o fondo cariño de toda a xente coa que traballou e moitos máis arredor del. As redes sociais foron unha vez máis un territorio da lembranza e a despedida no que todo tipo de xente expresaba a súa perda con palabras, imaxes e videos do artista. A súa derradeira intervención musical tivo lugar no marco da celebración do WOMEX o pasado 22 de outubro no Teatro principal de Santiago cunha colaboración, como non podía ser doutro xeito, co grupo mozambicano Timbila Muzimba. Alí, ante un público entregado e moitos deles emocionados coñecedores da situación vital pola que pasaba, Narf puxo un colofón musical á altura da súa xenialidade e coherente coa súa carreira.

Abe Rábade Trío volve con Once

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 11 / 2016

once_abe_rabade_trio.jpg

Como unha coprodución entre Karonte e o selo Nuba chega o décimosexto traballo de Abe Rábade Trío. A formación que completan Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería exploran en Once reinterpretacións de clásicos galegos, como a que fan de A bruxa de Milladoiro, ou internacionais, como Smoke gets in your Eyes. Canda a eles, temas orixinais como a homenaxe a Paco de Lucía en Once para Paco. De novo, jazz instrumental, melódico e elegante confirman o bo facer dunha formación que é referente neste estilo en Galicia. O grupo está neste mes de novembro inmerso na xira de presentación do novo traballo, que os levará a escenarios do Festival de Jazz de Arnedo, Sevilla, Madrid ou O Porto.

Familia Caamagno competirá no festival SUNS Europe de linguas minoritarias

Xénero: Rock | 9 / 11 / 2016

imaxe non dispoñible

A banda Familia Caamagno coa canción Lausanne (on my mind) tomará parte na final competitiva do festival SUNS Europe 2016 o vindeiro tres de decembro en Udine (Italia). Outras nove propostas musicais competiran cos músicos galegos neste festival dedicado á música en linguas minoritarias de Europa. O festival é un punto de encontro e intercambio entre artistas, linguaxes e comunidades usando cadansúa lingua en creacións musicais, audiovisuais ou literatura. Lausanne (on my mind), canción extraída do seu Mini LP Para unha vez que saímos (Lixo Urbano, 2016), foi a peza elixida pola irreverente banda de Sigüeiro para participar neste festival.

Berlai cóntanos a historia dun Desconhecido

Xénero: Fusión | 9 / 11 / 2016

desconhecido_berlai.jpg

Un álbum conceptual a explorar a vida dun home que, logo dun amor truncado, dáse á bebida e malvive no rural. Esta é a proposta de Berlai en Desconhecido, un orixinal proxecto que mestura banda deseñada, poesía e música e que serve de presentación para esta banda. Os trece temas do álbum comparten aires indie-pop, electrónica, rock ou atrevidas reinterpretacións da tradición para configurar un universo de imaxes obsesivas. Coa perda como eixe, o traballo aborda o sexo, o alcol ou a relación coa natureza, sen esquecer aspectos de crítica social como en Far West, canción baseada no libro homónimo de Carlos Negro onde se xoga co Himno Galego. Con Giao Rodrigues a capitanear o proxecto e pór a voz a guitarra e a mandolina, Berlai conta con Iago Mouriño, Pablo Pérez e Bruno Couceiro. Entre os colaboradores, nomes como Sonia Lebedynski, Débora Morales ou Bocixa Rei.

<< Inicio / Anterior . 531 a 540 de 1442 . Seguinte \ Fin >>