Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Atípicas gravacións musicais na rede coas Sesións Destelo

Xénero: Miscelánea | 22 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

Cun sitio web como plataforma e xa con tres gravacións subidas e outras tres en curso o proxecto Sesións Destelo encabezado por Miguel Grandío e que conta con moitas colaboracións, proponse dar a coñecer, en acústico, grupos e solistas que fan música en galego. A semana pasada tivo lugar unha presentación presencial na Coruña nunha festa na que houbo proxeccións, un concerto e pinchada popular. Ao xeito das Sesións Lixeiras que viña facendo a produtora Zinqin con grupos e artistas de todo tipo, as Sesións Destelo restrinxen o seu ámbito a artistas de Galicia e que usan da lingua propia do país. As gravacións dos temas en directo e en formato plenamente acústico fanse tamén en lugares alleos aos escenarios coma unha praia, unha capela, unha nave abandonada ou mesmo o interior dun vello Land Rover, tal e como podemos ver na sesión onde os veteranos Ruxe-Ruxe amosan o seu bo facer musical. Ademais desta banda santiaguesa, levan participado no proxecto o grupo Medomedá, Alberto Busto (de Arrhythmia) e tres grupos máis cuxos vídeos verán a luz ao longo das vindeiras semanas. Desde a dirección do proxecto seguen á procura de artistas que queiran compartir unha sesión para rexistrala en vídeo e que fique para a posteridade.

O festival Agrogay terá nova edición como Agrocuir

Xénero: Miscelánea | 21 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

Cando vai facer a súa cuarta edición, o festival Agrogay de Monterroso ven de mudar a súa denominación por Agrocuir. Os días 25 e 26 de agosto celebrarase así o 4º Festival Agrocuir da Ulloa, organizado polo colectivo co mesmo nome, que ten como principal obxectivo visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso. Ademáis, aposta por mostrar, defender e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecoloxismo; defendendo a diversidade, tanto social como natural. O cambio de denominación busca superar os conceptos que habitualmente aprisionan en identidades construídas e dar valor á loita do colectivo transexual ao que se dedicará esta edición ademais de á defensa do bosque autóctono. O programa ven de presentarse e conta coas actuacións de Radio Cos, Mercedes Peón, Silvia Penide e Rodrigo Cuevas, entre outros. Ademais da música en vivo o festival ofrecerá obradoiros e charlas, proxeccións audiovisuais e feira de artesanía na Granxa Maruxa.

A Banda dos Cueiros presenta libro-disco

Xénero: Infantil | 21 / 6 / 2017

not_27616.jpg

A Banda dos Cueiros, o grupo de música infantil nacido das actividades de Espazo Lectura de Gondomar cun proxecto musical que se enmarca dentro do proxecto xeral de fomento da lectura da asociación, ven de presentar o seu libro-disco de título homónimo á formación. O grupo está formado por seis persoas: dúas delas cantan e fan coreografías, e as catro restantes fan coros, tocan a guitarra, o acordeón diatónico, frautas, clarinete e percusións. Aínda que nun comezo o seu repertorio se restrinxía a temas para bebés de 0 a 3 anos,pouco a pouco foron abrindo o espectro de idade e na actualidade as pezas que interpretan cobren un abano que vai dende os 0 ata os 7 anos, aproximadamente. O disco recolle temas de composición propia, versións actuais de melodías xa clásicas, adaptacións musicais de contos e poemas da literatura infantil e xuvenil galega, reinterpretacións de cancións e ladadíñas da tradición oral. As pezas empregan basicamente o galego, pero tamén outras linguas como o portugués, inglés, italiano ou o alemán .

Seso Durán musica a Guerra Civil en 'Son da Memoria'

Xénero: Miscelánea | 15 / 6 / 2017

not_27597.jpg

Hoxe é o día que chega á tendas o disco Son da Memoria (Inquedanzas Sonoras) co que o músico Seso Durán trata desde a música os acontecementos que sucederon ao golpe de Estado franquista de 1936. Desde unha perspectiva de memoria histórica Durán ofrece un relato musical da represión e do drama da Guerra Civil a través de once temas propios para cuxa gravaciçón puido contar coa colaboración de once músicos entre os que están Iván Salgado ao órgano Hammond; Javier Cedrón ao violín; Suso Iglesías ao acordeón ou Pancho Suárez de Lis ao busilacchio, entre outros. Para a composición das cancións o músico e Licenciado en Historia Contemporánea fixo unha investigación previa na que tirou de diversas fontes documentais así como de proxectos como Nomes e voces ou Histagra para os que contou coa colaboración na elaboración dos vídeos que acompañan o disco. As cancións de Son da Memoría baséanse moitas delas en situacións e persoaxes moi reais, como é o caso de Príncipe azul inspirada no discurso en Radio Sevilla, no que o xeneral golpista Queipo de Llano anima os lexionarios e regulares a violar as milicianas republicanas. Ou O cemiterio das botellas na que Durán conta a historia do seu tío avó Benito Pastoriza Fariña, condenado por intentar facer saltar polos aires a ponte dos Beireses, en Ardán. Preso no Forte de San Cristóbal, en Navarra onde morreu na cadea, de tuberculose, en 1943. Foi soterrado no Cemiterio das Botellas, á par do forte, chamado así porque xunto os cadáveres había unha botella onde introduciran os seus datos persoais. Moitas outras persoas e escenarios da traxedia, como San Simón, están presentes nas cancións do disco.

Xacarandaina abre en Carral o Ciclo Danza 3

Xénero: Folk | 9 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

Mañá, sábado, ás 11 horas comezará o Ciclo Danza 3 unha nova andaina coa actuación de xacarandaina no Campo da feira de Carra. Con esta actuación ábrese unha nova edición deste programa que xa ten máis de oito anos creado polas agrupacións integrantes do colectivo XOC –Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos– para a difusión da música e o baile tradicionais. O ciclo, que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), inclúe tanto actuacións na rúa como en recintos pechados e ofrecerá durente este verán outras 11 citas noutros tantos concellos: Baltar, Carballo, O Irixo, Mos, Muros, Ribadeo, Oroso, Ortigueira, Redondela, Sanxenxo e Vilalba. O colectivo XOC suma máis de 1.500 socios

María do Ceo leva os poetas galegos ás crianzas no seu novo disco

Xénero: Infantil | 7 / 6 / 2017

cancions_para_nenas_nenos_maria_do_ceo.jpg

Xosé Neira Vilas, Suso Vaamonde e a Carlos Casares son os autores cos que María do Ceo se achega á música para o público infantil. O Pazo de San Roque, en Compostela, acollía onte a presentación de Cancións para nenas e nenos, un libro-CD no que a cantora luso-ourensá achega trece temas. Gando galego, Trabalinguas polisémico, A galiña azul, Xesta doce, O cuco, Parabéns para ti, Bate a mar, Tres bolboretas, Babel, O inverno, Nana para arrolar ou Nunha folla de salgueiro preséntanse nunha edición que tamén inclúe as letras dos temas ilustradas por Amalia López Brea. No álbum, autoeditado, a cantante conta coa colaboración dos músicos Xosé Salgado e Álex Salgado.

O XI Festival Alternativo Millo Verde ofrecerá case vinte concertos en tres días

Xénero: Alternativa | 6 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

A Asociación Cultural Millo Verde xa ten todo preparado para unha nova edición do seu Festival Alternativo, e será a undécima, que esta semana encherá de música e actividades Redondela. Cunha nova localización an punta da Praia de Cesantes do municipio pontevedrés, o festival ofrecerá entre xoves e sábado once actuacións diferentes de grupos maioritariamente galegos con dúas bandas de Portugal , outra de Alemaña e unha británica. O evento, de acceso libre, ofrecerá ademais outras actividades como xa é habitual: teatro, obradoiro de danza africana, campionato de baloncesto 3x3, gymcana, graffiti, etc. Por segundo ano, organizarase unha recolleita de alimentos non perecedoiros durante os tres días do festival para axudar aos máis desfavorecidos e que este ano será entregada á Fundación Provincial Banco de Alimentos.

Ribeira Sacra e Ribeiro xuntan música e viño

Xénero: Miscelánea | 5 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

Nun país pequeno pero rico en música e con cinco Denominacións de Orixe Protexidas vitivinícolas non é de estrañar que se sucedan as maridaxes entre a cultura enolóxica e a musical. Tales son dous eventos que veñen de presentarse: o 1º festival internacional de música 17 graos da Ribeira Sacra e o 4º Festival Ribeiro Son do Viño. Dende a Ribeira Sacra veñen de presentar un novo evento que aproveita a potencialidade turística comarcal e da súa D.O.P. para ofrecer durante tres días actividade cultural, gastronómica e de aproveitamento do patrimonio. O 17 Graos RibeiraSacra 1º festival internacional de música que organiza o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacre reunirá durante os días 28, 29 e 30 de xullo un cartel de artistas que xa comezou a coñecerse e que ofrecerá concertos en espazos emblemáticos de Monforte de Lemos e Sober (Lugo) como no Miradoiro de Santiorxo, no Parador de Monforte, no embarcadoiro de Doade ou nas bodegas, entre outros. A falta de máis confirmacións o cartel conta polo de agora cunha ampla representación galega formada por cantantes como Iván Ferreiro e Néstor Pardo, as bandas Novedades Carminha, Os Amigos dos Músicos e Best Boy e o grupo de jazz Sumrrá, aos que se suma o intérprete de zanfoña Germán Díaz, un vallisoletano asentado en Galicia. No programa figuran ademais a cantante andaluza Virginia Maestro, o músico madrileño Ángel Stanich, o cantante e compositor estadounidense Matthew Stephen Ward e as bandas The Magic Numbers, de Inglaterra, e The Wellgreen, de Escocia. O 17º Ribeira Sacra (que fai nese número referencia ao ángulo de pendente a partir do cal se considera de risco a actividade vitícola “heroica” propia desta zona), combina a música con visitas guiadas, roteiros, catas de viño e degustacións de produtos autóctonos.

Atrás Tigre salta á escena con Fainos saír

Xénero: Indie | 30 / 5 / 2017

fainos_sair_atras_tigre.jpg

Un ano despois do seu EP de presentación, os composteláns Atrás Tigre presentan o primeiro álbum de longa duración. Fainos saír achega dez temas de pop cheos de guitarras e sintetizadores e letras de lírica coidada. Ademais das composicións propias, o disco adapta textos de Estevo Creus e de Aníbal Núñez, e integra en Este é o rostro tema versos de Olvido García Valdés e de Gonzalo Hermo. Os compoñentes habituais do grupo, Pedro Solla (guitarras, xilófono, claves, voz), Olalla Cociña (teclados, voz), Xiana Arias (baixo, voz) e Lois G. Carlín (batería) incorporaron para as gravacións no Estudio Terraforma do Hío a Ibán Pérez (trompeta) e José Ramón Rocha (cello). O disco, que viu a luz da man de Triunvirato o pasado día 20 logo dunha preestrea en Rockdeluxe está dispoñible en plataformas dixitais e nunha tiraxe limitada de 250 copias en vinilo de 12".

Xardín Desordenado publica en disco as súas versións de Carlos Casares

Xénero: Miscelánea | 29 / 5 / 2017

casares_xardin_desordenado.jpg

Poemas musicados e versións cantadas de contos do autor compoñen Casares, o álbum co que Xardín Desordenado lembra o autor homenaxeado o Día das Letras. O disco achega nove temas entre os que se recuperan poemas nunca publicados en libro, e nos que se mesturan sons melódicos, bolero, bossa nova ou blues na liña habitual do grupo. Monólogo, A Galiña Azul, Elegía para Luis Cernuda, Amemos ou Un polbo xigante son algunhas das cancións que se recollen no álbum, que ve a luz da man da discográfica SUL. Santiago Ferragud, Marlene Rodrigues, Isaac Garabatos, David Outumuro, Blas Segura e Lorenzo Boo compoñen este proxecto que chega así ao seu terceiro disco e que está a xirar polo país cunha serie de concertos dedicados a Casares.

<< Inicio / Anterior . 481 a 490 de 1442 . Seguinte \ Fin >>