Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Rodrigo Romaní preséntase en Trío co disco 'Fíos de ouro no ar'

Xénero: Folk | 16 / 4 / 2018

RRTrio_fiosdeouro.jpg

Rodrigo Romaní presenta o seu cuarto traballo discográfico Fíos de ouro no ar (Altafonte Music), e faino anovando esta vez no formato, presentándose como Rodrígo Romaní Trío na compaña de Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión), dúas intérpretes do panorama do novo folk galego. O arpista fundador de Milladoiro non deixa de achegar renovación ao panorama tradicional, neste caso cun álbum concibido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, con alusións a músicas de diversas orixes nas que a tradición oral da musica popular vertebra un produto inconfundiblemente galego. As dez pezas deste Fíos de ouro no ar revelan un abano de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de dúas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina. Para este traballo Romaní contou con valiosas colaboracións que se deixan sentir no álbum como o acompañamento elegante do cuarteto clásico de corda Cuarteto Novecento. A eles xúntanse as voces invitadas de Inés Lorenzo (As Arpas de Breogán) e Guillerme Ignacio (Quempallou). O disco presentarase en concerto o vindeiro 27 de abril no Teatro Rosalía de castro da Coruña, as entradas xa están á venda. Fíos de ouro no ar está dispoñible en todas plataformas dixitais e tamén en formato CD DIGIPACK nas tendas de discos.

Brais Morán achega o seu rock á tradición en No mato do desespero

Xénero: Fusión | 13 / 4 / 2018

brais_moran_foto.jpg

As colaboracións de Tanxugueiras, Uxía Pedreira ou Patri Gamallo, de Adufeiras de Salitre, dan unha idea por onde vai No mato do desespero, segundo disco en solitario de Brais Morán. O músico da Coruña, antigo membro de Loretta Martin, achégase á tradición galega nun novo álbum no que rende homenaxe ao poeta moçambicano José Craveirinha e ao desaparecido Fran Pérez Narf. Morán non abandona no entanto a base rock do seu traballo e contou con Fran Sanz no baixo, Manu Seoane nas guitarras e Marcos Pazo na batería para a gravación que se realizou nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero en Friol. A Sala Capitol de Compostela acollerá o vindeiro 29 de abril o concerto de presentación do álbum.

O punchi must go on con A compañía do ruído

Xénero: Fusión | 3 / 4 / 2018

punchi_must_go_on_companhia_ruido.jpg

A Compañía do Ruído apostou por un curioso xeito de conmemorar os seus quince anos en activo. O grupo desenvolveu ao longo de 2017 o proxecto audiovisual 12 meses, 12 punchis no que foron presentando outros tantos vídeos musicales con novos temas. Agora, compilan todo este material no que é o seu sétimo traballo discográfico, O Punchi Must Go On, autoeditado. A temática social e o ritmo festivo continúa nesta nova entrega da súa carreira, un proxecto no que contaron con colaboracións como as de García Mc, Pulpiño Viascón, Trópico de Grelos, Emilio, Rubén, Lucas, Nico e Candi e Ismael da Fanfarria Taquikardia, e as Escolas de música de Bergara, Aramaio, e Erandio da man de Aritz Alustiza (Nomadak). A banda está agora en plena xira de presentación do álbum.

Trotaventos presenta o libro-disco 'A fiestra dos soños'

Xénero: Infantil | 28 / 3 / 2018

trotaventos_fiestra_sonos.jpg

A fiestra dos soños é o título do novo libro-disco publicado por Galaxia na súa colección Sonárbore. O álbum ilustrado ofrece as letras de 13 temas que son cancións e son soños tamén. O traballo a cargo da compañía Trotaventos conta coas ilustracións e textos de Manuel Boquete para presentar os diferentes “soños” musicados por Ramón Feáns. Diferentes ritmos salpican o disco, desde sons balcánicos a bossa nova, polka, fado, etc. Para este temas ou “fiestras de soños” que chaman á imaxinación, recúrrese ás descricions de animais e cousas propias do campo como O Moucho, Espantallo, A vaca pinta ou Vacaloura, con sitio tamén para unha Nana e outros temas. Na parte musical a voz de Nadia Fonseca é a maís presente nos temas ainmda que tamén conta coa colboración de Eladio Santos nun dos temas e Ramón Vermejo. O disco foi gravado e mesturado por Ramón campos nos estudios Cormorán e pódese escoitar xa en plataformas dixitais.

A Deputación de Pontevedra presenta un programa de apoio á música profesional en galego

Xénero: Miscelánea | 16 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

A área de Cultura e Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra pon en marcha o programa Musigal, destinado especificamente a grupos musicais profesionais da provincia, e que conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros. Segundo as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O Musigal inscríbese no marco das accións do Ano da Lingua e segundo explicou o deputado nacionalista responsable da área, Xosé Leal, no espírito do programa Musigal tamén está presente "o apoio que as administracións deben ofrecerlle ao sector profesional da música".

'Uxía-o' gaña o Premio da Música Independente

Xénero: Fusión | 15 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

O disco-libro Uxía-O, no que a cantante Uxía en colaboración co músico Sergio Tannus pon música e canto aos versos do poeta Uxío Novoneyra, alzouse onte á noite co Premio MIN ao mellor disco en galego da industria independente no ano 2017. A obra, editada por Damadriña Producións baixo o selo da propia Fundación Uxío Novoneyra, competía nesta categoría con Fainos saír, de Atrás Tigre; Xardín interior, de Esposa; Livres e loucas, de Habelas hainas e Quixera ser dos paxaros,de Os d´abaixo. O audiolibro competía ademais na categoría de deseño gráfico, que non conseguiu gañar. As catro candidaturas finalistas de Xoel López nesta Xª edición dos Premios MIN da Música Independiente ao final non se viron recompensadas con ningún galardón. En Uxía-O ademais de poemas musicados, tamén se presentan diferentes textos unidos nunha mesma canción, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformados en alalá. O álbum recupera tamén a composición Cain as follas, de Emilio Cao, ou Alalás encadeados, poema inédito que xa se puidera escoitar no disco Meu Canto de Uxía. O disco conta co acordeón de Santi Cribeiro, as percusións de Isaac Palacín e con José Manuel Díaz ao contrabaixo, ademais de colaboracións de Ana Isabel Días na arpa clásica, Quim Farinha no violín ou Fred Martins.

aCentral Folque recupera o legado de Maruxa das Cortellas

Xénero: Folk | 14 / 3 / 2018

Capa_Maruxa_Cortellas_central_folque.jpg

"Foi a única muller da súa xeración que tivo interese en apender a tocar o pandeiro ao xeito das antigas da aldea. De non ser por ela, esta tradición non tería chegado ata nós". Así introduce aCentral Folque o seu último lanzamento Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro…. Xulia Feixóo foi a responsable do texto deste libro-CD que repasa en 130 páxinas a figura, a técnica e o repertorio desta música tradicional que se fixo coñecida pola súa presenza no programa Luar a finais dos anos 90 e mais pola súa participación en diferentes seráns urbanos. O álbum recolle un total de 30 pezas que amosan a súa capacidade e versatilidade con este instrumento de percusión na que é a primeira publicación sobre o adufe que se publica en galego. Xotas, ribeiranas, valses, pasodobres, chiqui-chiquis e rumba fan parte dos temas recollidos neste proxecto, que se presentou ao público o pasado 11 de marzo no Castelo de Soutomaior.

Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar

Xénero: Rock | 5 / 3 / 2018

un_novo_espertar_cuarta_xusta.jpg

Con orixe melidá e composición maioritariamente feminina, Cuarta Xusta presenta na casa o seu primeiro disco. O Pub Gatos acolle este 10 de marzo ás 23:59 horas o primeiro concerto da xira de Un novo espertar. O álbum achega oito temas propios de rock aderezado con violín e toques de ska coa intención de "berrar con música as inxustizas que nos rodean" da man de Aida López (cantante), Marta Sánchez (guitarra e violín), Lúa Aguete (batería), Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo). Canda a eles, unha chea de colaboracións coma as de Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus, algúns dos cales estarán presentes no concerto de inauguración.

aCentral Folque publica unha escolma das recollidas musicais de Gustav Henningsen

Xénero: Folk | 21 / 2 / 2018

gravacions6868_Henningsen.jpg

Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 é último título da colección "A chave mestra" que publica aCentral Folque. O novo libro CD recolle unha escolma de 38 cortes das gravacións de carácter musical que este antropólogo dinamarqués realizou durante o seu traballo de campo no noso país, maiormente na comarca de Ordes. Os etnomusicólogos Xavier Groba e Sergio de la Ossa foron os responsables de escolmar o material dun estenso arquivo fonográfico que ata hoxe estaba inédito. Ademais do CD, a publicación inclúe un ensaio divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas realizadas por Henningsen.

O compás de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre sinala o futuro do norte

Xénero: Folk | 6 / 2 / 2018

noro_xabierdiaz&adufeirassalitre.jpg

O novo álbum de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre leva por nome Noró (algunhas músicas do Norte) (Músicas de Salitre, 2018) e chega hoxe a todas as tendas e plataformas marcando coa súa saída unha das datas relevantes do ano no que á musica galega se refire. Noró ofrécenos 13 temas de carácter tradicional pero de composición propia que sitúan o combo formado por Díaz e as Adufeiras de novo na punta da contemporaneidade con raíz.

<< Inicio / Anterior . 431 a 440 de 1442 . Seguinte \ Fin >>