Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Pakolas presenta 'Ecoralia, a lambona ecolóxica'
Xénero: | 23 / 12 / 2024
"Ecoralia, a lambona ecolóxica" é o novo traballo musical de Paco Cerdeira, Pakolas, unha das figuras máis recoñecibles do rock para a cativada da escena musical galega como parte de mama Cabra ou de A Gramola Gominola. Este traballo, que é o seu cuarto álbum en solitario, chega promovido polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e presentouse o pasado día 13 de decembro no Auditorio Gustavo freire de Lugo ante escolares da cidade. A través dunha historia entretida e fermosa e da súa música rockeira, con Ecoralia como personaxe principal, os máis pequenos coñecerán a importancia de consumir alimentos ecolóxicos certificados, para coidar tanto da nosa propia saúde como da contorna que nos rodea. Este novo álbum musical contén seis novas cancións de Pakolas e tamén un conto, con ilustracións de Laura Romero, e a súa edición en formato libro físico será distribuída gratuitamente nalgunhas das bibliotecas de Galicia e tamén entre colexios. Ademais desta versión no formato editado, está dispoñible para o público xeral de xeito dixital dende a páxina web do Craega, con descarga do Libro en formato PDF, as cancións en formato MP3 e as Unidades didácticas.
Ailá presenta Tradimensional, o seu terceiro álbum
Xénero: | 19 / 12 / 2024
Un concerto este quince de decembro na compostelá Sala Capitol presentaba ao vivo o terceiro traballo de Ailá. O grupo lanza Tradimensional a manter a súa aposta pola música de raíz bailable e a incorporar por vez primeira letras propias ás pezas tradicionais que conforman o groso do seu repertorio.
Carme López fai unha homenaxe contemporánea ás informantes da música de tradición oral
Xénero: | 3 / 12 / 2024
Carmela é o nome do proxecto centrado na música de tradición oral da artista Carme López, baixo o que ven de presentar o disco 'Vinde todas'. Carme, intérprete e docente na ETRAD de Vigo, recibiu neste 2024 o Premio Martín Codax de Música Contemporánea grazas ao seu proxecto 'Quintela' , a primeira obra de música experimental para gaita. En 'Vinde todas' e como Carmela, asenta este proxecto sobre dous piares fundamentais, a perspectiva de xénero e a investigación etnográfica, os cales toman como eixo principal as informantes, aquelas mulleres que achegan músicas e informacións arredor da tradición oral. Cada unha das cancións leva o nome da ou das mulleres de referencia, algunhas xa desaparecidas, no proceso de aprendizaxe das melodías, ademais de iniciar e pechar o disco cadansúa gravación de campo, as que reflicten o propio proceso de investigación etnomusicolóxica. O disco traza unha liña entre o seu primeiro tema e o último que vai das cantareiras informantes xa desaparecidas de Moscoso ás Pandereteiras de Toutón, mantedoras da tradición.
Hugo Guezeta presenta o seu disco en solitario
Xénero: | 22 / 11 / 2024
O primeiro disco en solitario de Hugo Guezeta, 'O Noso Tempo', comeza desde a loita contra a depresión como unha declaración de intencións dunha rexeneración curadora, para pasar rapidamente o rimador a tomar altura e amosar a súa faceta máis reivindicativa e contestataria, a súa rebeldía indomable lanza frases lapidarias con destinatarios con nomes e apelidos sen pudor e crítica social. Malia non ser un traballo conceptual a escoita continua ofrécese como "unha viaxe ao longo dun día, dende o espertar ao sono da noite, pasando polo mediodía". O álbum preséntase como "un berro a toda unha xeración que vive sumida nun estado de letargo, e á que apela directamente mediante as súas letras para rachar con eses bloqueos que nos impiden avanzar como sociedade e 'espertar'".
Catuxa Salom presenta o seu primeiro traballo longo 'Cāldo'
Xénero: | 21 / 11 / 2024
A artista galego-arxentina Catuxa Salom leva varios anos presente na escena musical do país, en festivais e salas de concertos, sacando temas soltos e co seu EP 'Nunha aldea' (2022), hoxe mesmo ven de sacar á luz en plataformas o seu primeiro disco longo 'Cāldo' . O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, presenta nove temas co son característico da artista, fusionando a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza en temas bailables, moitos deles claramente emparentados coa música tradicional galega ou con sonoridades latinoamericanas. O disco supón unha achega ao 'novo trad' desde a fusión multicultural.
Javier Otero estrea a ópera 'Pálido Punto Azul'
Xénero: | 12 / 11 / 2024
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle hoxe a estrea absoluta da ópera 'Pálido Punto Azul', unha obra contemporánea composta polo músico estradense Javier Otero Neira con libreto de Iria Azevedo, que toma como punto de partida a famosa fotografía da terra tomada pola sonda Voyager 1 en 1990 a unha distancia de 6.000 millóns de quilómetros que foi así definida por Carl Sagan. O espectáculo aborda a representación do lugar que ocupa a humanidade no Universo a través de diferentes dimensións artísticas sobre o escenario, amosando a través desta obra colectiva a insignificancia e fraxilidade do noso planeta como un pequeno punto azul na inmensidade do espazo. A estrea na Coruña insírese no programa lírico de temporada de Amigos da Ópera da Coruña. Sobre o escenario a parte lírica correrá a cargo de Esperanza Mara coma personaxe principal, mentres Nerea Brey achega a linguaxe corporal da danza e a performance. O equipo artístico inclúe a dirección musical e interpretación de Javier Otero, o deseño escenográfico e dirección de escena de Iria Azevedo e o deseño de movemento escénico de Rut Balvís. O espectáculo presentarase tamén o vindeiro día 27 no Teatro Principal, en Santiago de Compostelá, dentro do ciclo Contemporáneas e xa en decembro, o día 5 no Teatro Principal da Estrada. 'Pálido punto azul' é unha produción de Javier Otero Neira e Culturactiva co apoio da Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude), da Deputación de Pontevedra e do Concello da Estrada. Coa colaboración de Inversia Seguros e Wecom. Creado en residencia co apoio do Teatro Principal da Estrada, NONONON lab, CMUS Profesional de Música de Santiago de Compostela.
Garza presenta o seu segundo disco 'Vertentes'
Xénero: | 25 / 10 / 2024
Os máis de once minutos do tema 'Na franxa' cos que abre o álbum 'Vertentes' son unha boa introdución dos seguintes 55 minutos envolventes que ofrece o segundo traballo de Garza. O artista detrás deste proxecto de música electrónica, Adrian Charlín, percusionista en bandas como Malkeda, regresa cun novo traballo longo tras o seu inicial 'Interferencias' en 2022, de novo baixo o selo ferrolán Ferror Records. Nos doce novos temas que compoñen o disco engádese agora a voz do artista, un elemento máis nun avance evolutivo no seu son, máis puramente electrónico e que oscila entre a escuridade electrónica e a claridade melódica, entre o ominoso e o alegre ao longo dos diversos temas do disco, con profundidade e coidado polos detalles. As letras, inspiradas na estrutura minimalista dos haikus, despregan de maneira aberta un lirismo que atrapa e suxire máis do que revela. Este enfoque lírico combínase cunha instrumentación que transita entre o pesado e o etéreo, claramente marcada pola característica de Charlín como percusionista no manexo rítmico e nas sonoridades máis orgánicas, xerando unha atmosfera que invita á introspección e ao mesmo tempo mantén un ritmo vibrante e dinámico. Con este 'Vertentes', dispoñible nas plataformas dixitais, Garza fai unha achega de valor á música electrónica galega e en galego.
O mundo da gaita reúnese en Poio
Xénero: | 23 / 10 / 2024
Este vindeiro domingo, 27 de outubro, o mundo da gaita galega ten unha cita imprescindible en Poio. O Pazo de Besada da localidade pontevedresa acolle a que será a quinta edición de O Son da Gaita, un encontro ao redor deste instrumento tradicional que reúne solistas, formacións, artesáns e investigadores. A Asociación Cultural Pai da Cana organiza este evento polo que ao longo da mañá pasarán tres agrupacións (Ventureira, Picuiña, @s Folieir@s) e cinco solistas (Pedro Lamas, Pablo Carpintero, José Manuel Mojy, Sabela Olivares e Ivan Costa) de toda Galicia e acollerá tres presentacións, incluíndo un obradoiro de instrumentos a cargo de Oli Xiráldez. A xornada terminará cun xantar foliada. A asistencia (agás o xantar) é de balde con reserva previa.
A RAGBA celebra o 175 aniversario con música
Xénero: | 22 / 10 / 2024
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e o Concello da Coruña presentaron 'Os concertos do centenario', tres concertos para conmemorar o 175 aniversario da fundación da RAGBA. Os días 6, 7 e 8 de novembro terán lugar no Teatro Colón da Coruña, ás 20:00 horas, tres concertos nos que participarán as corais e orquestras decanas da cidade da Coruña: Cántigas da Terra; Coral Polifónica El Eco; Coral Polifónica Follas Novas; Coral Polifónica Sporting Club Casino; Banda Militar (Unidad de Música del Cuartel General del Mando de Apoyo a la Maniobra); a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música; e a Banda Municipal de Música.
Ortiga presenta 'Obra social'
Xénero: | 4 / 10 / 2024
Chega 'Obra social' (Raso estudio) o terceiro traballo en solitario de 'Chicho do funk' como ORTIGA. O compostelán mantén alta a bandeira da reivindicación da música de verbena co seu compendio de ritmos da festa popular, merengue, bachata ou cumbia, aderezados con letras canallas que sitúan as súas cancións na órbita do trap urbano. 'Obra social' presenta dez pezas, algunhas delas xa adiantadas en videoclip fai meses como 'Le hice el seso a tu novio' outras cuxo lanxamento no formato de video chega simultaneamente ao lanzamento do álbum completo, é o caso do tema italo-disco 'Andiamo Fare La Bossa Nova'. Se ben a comuñón coa música das festas está presente en todo o álbum o artista créalle todo un himno a estas celebracións con 'A nosa verbena', tema que fixo para unha campaña de Estrella Galicia de patrocinio destas festas e que agora inclúe neste disco.


