Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Xacarandaina recupera gravacións inéditas polos seus corenta anos
Xénero:
| 4 / 4 / 2019Unha selección de músicas gravadas ao vivo, material descartado doutros álbums ou proxectos que non chegaron a ver a luz compoñen o disco 40 anos Xacarandaina. A formación de música tradicional coruñesa celebra o seu aniversario con este lanzamento, no que se poden escoitar desde a Danza de Bergantiños, gravada ao vivo en 1981 nun festival bretón, ata gravacións do pasado ano que permiten verificar a evolución do grupo de música e baile tradicional ao longo do tempo. Ademais, inclúense temas rexistrados en 1990 na que se considera a primeira gravación moderna dun grupo de pandeireteiras para un disco.
A AS-PG publica Pondaliana, quince poemas musicados do Bardo de Ponteceso
Xénero:
| 28 / 3 / 2019En 2017, a coincidir co centenario da morte de Eduardo Pondal, a Sociedade Cultural Medulio de Ferrol realizou un concerto no que se presentaron versións musicadas de textos do Bardo de Ponteceso. Dous anos despois, a Asociación Socio Pedagóxica Galega recupera aquel repertorio no CD Pondaliana, un álbum que recolle quince temas con letra de Pondal e música de diferentes autores e que ve a luz en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística. Xoán Padín, Lidia Piñeiro, Alberte López Porta e Roberto Vázquez nas voces, Andrés Pazos Bellón co piano, Alberte Maceiras á gaita, Alberte Núñez co acordeón diatónico, Soraia García Riveiros á frauta, Marta Varela Porto a achegar o óboe, Pablo Salgueiro Alonso na percusión, Víctor Gacio co baixo, Marcos Sánchez coa marimba e Cabe García na guitarra eléctrica son algúns dos creadores que participan desta iniciativa.
Magín Blanco leva A nena e o grilo máis aló no seu novo libro-CD
Xénero:
| 26 / 3 / 2019Logo de matar sen querer a Xertrude a Araña, os protagonistas aventúranse no Alén para rescatar a súa amiga. Este é o argumento de A nena e o grilo máis aló, último libro-CD de Magín Blanco que publica a editorial Galaxia. Blanco recupera os seus personaxes para unha nova aventura da que é unha das sagas máis exitosas da música galega para público infantil. Para alén das cancións, a obra inclúe tamén o texto da adaptación teatral que realizou Pepablo Patinho para Teatro dos Ghazafelhos sobre esta historia, que se atopa en plena xira. O espectáculo, que conta con música ao vivo. O volume complétase coas ilustracións de Luz Beloso.
Mileth debuta con Catro pregarias no albor da Lúa Morta
Xénero:
| 25 / 3 / 2019Voces guturais, ritmos acelerados e guitarras distorsionadas combinadas con cantareiras e instrumentos tradicionais. Esta é a orixinal proposta que o grupo Mileth integra como Metal Pagán Galaico e que acaba de presentar no seu primeiro álbum, Catro pregarias no albor da Lúa Morta. A banda mariñá achega nove temas con títulos como O Son do buxo baixo a sombra do Xistral, Esperta, letárxica e erma fraga!, Mitolóxica errante: Ith ou De bruma e salitre, single de presentación do que acaban de presentar vídeo.
SÉS salda contas coa canción de autor latinoamericana en 'Rabia ao silencio'
Xénero:
| 15 / 3 / 2019Agarrando a guitarra coma se dun fusil se tratase aparece unha muller que ben podería ser María Xosé Silvar "SÉS" no debuxo de Lidia Cao para a portada do seu sexto disco Rabia ao silencio (Autoeditado). O traballo, defendido meramente en acústico a guitarra e pouco máis, presenta unha ducia de cancións, todas elas versións e case todas de autores latinoamericanos, destacados na década dos anos sesenta e setenta polas súas letras de denuncia, combativas e reivindicativas de fonda carga social. Un tema do arxentino Atahualpa Yupanqui dá nome ao álbum, no que tamén hai sitio para Carlos Puebla, Mejía Godoy ou Zeca Afonso entre outros autores destacados da canción latina de autor. O disco conta coas colaboracións de Sabela Galbán (voz, acordeón e frauta) e Tito Calviño (guitarra) na gravación e de Xosé Lois Rivas "Mini" en arranxos das versións, ademais de incluír dous temas seus da etapa de Fuxan os Ventos: Brazos para a seitura e Muller, tema no que Sés dá mostra do seu bo facer no cantar tradicional das cantoras galegas. Sons que van desde a zamba Arxentina aos EUA (Raro froito, do poeta americano Abel Meeropol), pasando polo corrido mexicano de autoría anónima A Chamuscada. Todas elas cancións que Sés fai súas e defende desde as tripas con convicción da súa vixencia. O disco está dispoñible xa nas plataformas dixitais e hoxe mesmo comeza unha xira en auditorios e teatros que se prevé longa e con grandes cheos. Así será hoxe no Teatro Rosalía d'A Coruña que ten todas as entradas vendidas e nas vindeiras citas xa feitas públicas nas que comezan a escasear os billetes. Pontevedra o vindeiro 30 de marzo e Rianxo o 5 de abril, Vigo o 6 de abril e chegará a Santiago o 13 de abril. As entradas xa están á venda para todas as citas confirmadas.
Tanxugueiras gaña o Premio MIN de disco en galego do 2018
Xénero:
| 14 / 3 / 2019Finalmente Tanxugueiras levou o Premio MIN da Música Independente de España ao mellor disco en galego do 2018 polo seu álbum homónimo co que debutaban. Finalmente as pandereteiras impuxéronse ás outras catro finalistas: Chicharrón, Xoana, Mercedes Peón e Ezetaerre. Ras músicas recolleron o premio durante a gala celebrada este mércores no Teatro Circo Price de Madrid na gran festa da música independente española facendo un alegato ás diferentes linguas e a riqueza que iso supón, poñendo en pe ao público do teatro. Tanxugueiras preparan un novo lanzamento discográfico a finais deste ano, que se verá potenciado por este recoñecemento dos Premios MIN, premios no que tamén chegaron a ser semifinalistas como mellor artista emerxente. Non houbo sorte para os outros cinco artistas galegos que se mantiñan finalistas noutras categorías dos galardóns. O disco homónimo das Tanxugueiras permitiulles levar a súa música por todo o país cunha xira de máis de 50 concertos en 2018 e tamén internacionalmente por Cuba, La India, Suíza e no Festival Celtic Connections de Glasgow. Crecendo da man da banda escocesa Shooglenifty, veñen de publicar conxuntamente o single East West, chegando a colaborar nunha experiencia única coa banda escocesa e Dayam & Katif (Dhun Dhora) da India. O vindeiro 29 de marzo no Salón Teatro de Lalín comezarán a xira de 2019 na que non deixan de sumarse datas e que servirá de despedida deste traballo co que tantos éxitos están colleitando.
A VIª edición dos Premios Martín Códax da Música nace con ambición de visibilidade
Xénero:
| 28 / 2 / 2019A VIª edición dos Premios Martín Códax da Música deu hoxe o pistoletazo de saída presumindo de estabilidade e coa estrea na organización dunha nova directiva da asociación Músicas ao Vivo (MAV) presentada na gala do pasado ano. Hoxe tivo lugar un acto de presentación na Sala Riquela de Santiago no que tomaron parte María Garrido, directora de Marketing de Bodegas Martín Códax; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Carme Fouces, responsable de Cultura do Concello de Pontevedra; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; xunto con Xabier Mera, voceiro de MAV. Mañá abrirase o prazo para as inscricións de proxectos como candidatos nas 15 categorías musicais e as tres Organistrum para o cal se habilitou un novo sitio web do evento que recibirá propostas ata o vindeiro 17 de marzo . Esta nova plataforma dixital é unha das principais novidades desta edición xa que facilita a inclusión de candidaturas e ademais servirá de catálogo virtual da música galega como contedor de todas as propostas que foron candidatas nas pasadas e vindeiras edicións do premio. Con esta nova ferramenta búscase incidir nun dos puntos chave deste premios, como coincidiron hoxe todos os presentes no acto, que é o de facer visible a variedade, cantidade e calidade da creación musical de Galicia e da potencia musical do país.
Dez artistas galegos mantéñense como finalistas dos Premios MIN
Xénero:
| 28 / 2 / 2019Tras da votación popular, un xurado profesional ven de seleccionar aos finalistas que optarán aos Premios MIN 2019 da música independente de España e as opcións da representación da escena musical reducíronse pero non desaparecen. Os que aínda quedan, tras a decisión do xurado son Novedades Carminha, optando ao Premio a Mellor Artista do ano; HARD GZ, na categoría de mellor disco de hip-hop e músicas urbanas por Versus; Triángulo de Amor Bizarro, optando ao mellor directo de 2018 e na categoría de premios ao mellor disco de jazz aínda compiten Abe Rábade, con Doravante e Baldo Martínez con Cuarteto Europa, os dous editados por Karonte, entre os cinco finalistas da categoría. Ademais diso, categoría propia de Mellor Álbum en Galego o xurado tamén fixo a súa criba finalista, elixindo cinco de entre os doce que optaban ao premio e dos que un o levará: Cancións clínicas, de Chicharrón; Pólvora e tormenta, de Ezetaerre; Déixaas, de Mercedes Peón, Tanxugueiras de Tanxugueiras e Dardos, de Xoana. Os premios MIN están organizados pola Unión Fonográfica Independiente (UFi) e entregaránse o vindeiro 13 de marzo no Teatro Circo Price de Madrid.
O Son do Camiño consegue sorprender co cartel da súa segunda edición
Xénero:
| 25 / 2 / 2019Tras dos máis recentes anuncios compre actualizar a información que manexamos sobre os festivais musicais para o verán. Unha das meirandes citas deste tipo, o Festival O Son de Camiño do Monte do Gozo ven de presentar o pasado venres o seu cartel completo para súa segunda edición, de xeito idéntico a como fixera o pasado ano e practicamente nas mesmas datas. Malia moitas especulacións sobre a composición artística para este 2019 o resultado final sorprendeu, sobre todo na parte das apostas meirandes, decepción para algúns e sorpresa para outros. Tres eventos que serven tamén como ferramentas de coñecemento da cultura vinícola, patrimonial e gastronómica, como son o Festival Ribeiro Son do Viño e 17ºs Ribeira Sacra confirmaron datas e xa deron nomes para este ano. E o mesmo fixo o SilFest de Valdeorras para a súa vindeira convocatoria a primeiros de xullo. Para todos eles xa están á venda os abonos.
Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'
Xénero:
| 21 / 2 / 2019Ilegal (Autoeditado) é o nome do terceiro álbum da banda Rebeliom do Inframundo, unha formación de rap conformada por Nervo (voz), Frank (voz/produción), Malvares de Moscoso (voz), Movementss (produción) e o seu Ichi (dj). O disco está autoeditado por Galunk Producions a través de Rock CD Records. Tra-lo seu traballo Lume e Rebeliom (2016) os das Rías Baixas dan un paso máis na súa particular visión do Hip Hop neste novo disco, onde a crítica social convive con líricas máis íntimas. En Ilegal incorporan ademais a colaboración das valencianas MAFALDA. Dúas das catorce cancións deste novo traballo que xa foron presentadas en vídeo nos dous anos pasados tras o anterior traballo: Non imos polo regho e Plantaron lume ao monte. O 27 de febreiro lanzarase o novo traballo en tódalas plataformas dixitais e xa no mes de marzo, comezarán unha xira por salas que os levará a Madrid, Toledo ou Barcelona e tamén por primeira vez incluirán varias datas internacionais na súa xira por Portugal; onde actuarán nas cidades de Braga e Oporto, antes do comezo da tempada de verán. As primeiras datas en terras galegas serán o 16 de Marzo en Vigo, na Sala Masterclub, xunto a MP Crew (Catalunya) e o dúo vigués conformado por Frank Huxley & 2PAS0S, e o 12 de Abril en Santiago de Compostela, na Sala Malatesta, xunto á galega High Paw.