Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

MJ Pérez amplía rexistro con A luz prendida

Xénero: Cantautor | 3 / 3 / 2020

luz_prendida_mj_perez.jpg

Un proxecto autoeditado e autoproducido, no que a autora desenvolveu mesmo o deseño gráfico. Esta é a proposta de MJ Pérez para A luz prendida o seu cuarto álbum (segundo de estudio) que saíu á venda este 1 de marzo. A cantautora presenta quince temas nos que amplía o seu rexistro musical a explorar ritmos latinos, toques folk ou orientacións cara á música do mundo, indo para alén do seu pop-rock máis habitual.

Son Trío sacan o seu primeiro disco 'Miña Almiña'

Xénero: Melódica | 2 / 3 / 2020

minha_alminha_SonTrio.jpg

Talvez poñer na rúa un disco completo xa non sexa un requisito fundamental para formar parte da escena musical ao cento por cento, pero facelo aínda ten o seu mérito ademais do seu traballo, por iso a presentación do primeiro disco longo de Son Trío, o álbum Miña almiña (Autoeditado) segue a ser un acontecemento. A Casa de Rosalía, en Padrón, acolleu o momento en que o trío formado por Katerina Linke (piano e composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello) amosaba en directo os temas que vertebran este seu disco. O sitio era o máis acaído toda vez que Miña Almiña son 9 cancións con música orixinal e letra de Rosalía de Castro. Melodías intimistas e elegantes, aproveitando os rexistros do cello e o piano para viaxar do jazz á clásica e á música tradicional, sempre en códigos contemporáneos.

Emilio Rúa presenta en Mondoñedo Novelovento

Xénero: Cantautor | 28 / 2 / 2020

novelovento_emilio_rua.jpg

Ao longo deste venres 28 de febreiro o Concello de Mondoñedo celebra unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro. Na mesma, para alén dunha maratón de lectura de Merlín e familia e dunha ofrenda floral, desenvolverase o nomeamento de Víctor F. Freixanes como "Cunqueiriano de honra". No programa inclúese tamén a presentación de Novelovento, novo disco de Emilio Rúa no que o músico adapta catorce poemas que o mindoniense publicou na súa obra Herba aquí ou acolá. O volume, publicado en formato libro-CD ve a luz da man da editorial Galaxia.

Sés amosa boa saúde en 'Liberar as arterias'

Xénero: Cantautor | 21 / 2 / 2020

Ses_liberararterias.jpg

Un poema de Luz Fandiño dá título ao sétimo álbum de María Xosé Silvar "Sés", que hoxe mesmo sae ao mundo da man de Altafonte. Liberar as arterias é tamén a única das doce cancións do disco homónimo cuxa letra non é da propia Sés, no resto dos temas a cantautora asina letras e músicas. Como se agarda dela, Sés, mantén viva e saudable a súa mensaxe de denuncia social ao longo de todo o álbum que, de novo bebe musicalmente do legado dos cantautores latinoamericanos que desde os anos 60 marcaron a historia musical da conflitividade política tanto nos países americanos como na España da ditadura e a transición. Coherente con esta liña que estaba tan presente no anterior Rabia ao silencio(Altafonte, 2019) están cancións como a que dá titulo ou Quen son os meus, O silencio non marcha e Na fronteira, por exemplo. Pero ademais nesta ocasión Sés ofrece ao longo do disco cortes nos que teñen sitio con bo resultado – como xa fixera en anteriores discos- sons do rock máis electrico, o soul, o blues ou o jazz funk coma en Para a curación, Trampa de odio, Mafia, na que semella saldar contas pendentes moi concretas, ou esa contundente Espiña sen rosa no que se declara con forza: "prefiro ser herba mala que camelia pra lucir". As presentacións en directo en na América do Sul xa tiveron lugar durante este mes de febreiro e agora comeza a súa xira peninsular o vindeiro día 28 na sala barcelonesa Luz de Gas. O primeiro concerto en Galicia terá lugar o 6 de marzo no teatro Afundación de Vigo. Na Coruña e Pontevedra tamén hai previstas actuacións.

Monoulious DOP presenta o seu Black Album cun concerto en Compostela

Xénero: Pop | 13 / 2 / 2020

black_album_monoulious_dop.jpg

Catorce novos temas compoñen Black Album o novo lanzamento do dúo Monoulious DOP, cancións de ton festivo e humorístico que ironizan sobre os máis diversos aspectos da nosa sociedade. Os selfies, a hipocrisía, as redes sociais ou o Tinder non escapan da crítica desenfadada do grupo. Desta volta, os ritmos funk, o pop e mesmo toques disco (Millenial) substitúen os sons máis roqueiros do seu anterior traballo. A banda presenta este sábado 15 o seu último traballo cun recital na Sala Capitol ás 21 horas. Os estudios Bungalow acolleron a gravación do disco, para o que o grupo desenvolveu un crowdfunding co que recadaron 6.800 euros.

O Festival Metropolitano Elas son artistas achegará 10 de días de música e arte a oito concellos

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2020

imaxe non dispoñible

Unha das citas máis refrescantes do país, o Festival metropolitano de música e artes pola igualdade, Elas Son Artistas, ven de presentar a súa terceira edición. O Teatro Colón da Coruña, cidade epicentro do evento que se desenvolve en oito concellos da área metropolitana, acolleu o acto de posta en público do festival. Os concellos de A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros e Sada acollerán este ano 10 días de actividades que irán do 17 ao 26 de abril, e que farán unha homenaxe á raíña da música soul, a desaparecida Aretha Franklin. Así un dos grandes atractivos da programación deste ano é a estrea na cidade da Coruña do documental Amazing Grace, unha peza de cine en directo en torno á gravación dese álbum, unha das cimas creativas de Aretha Franklin. O programa multidisciplinar ten as mulleres creadoras como protagonistas e vai dirixido a un público de mente aberta, que se achega a diversas artes e diversos espazos, e incluso a diversos estilos dentro da música.

Ruxe Ruxe presentan o seu novo traballo 'O estraño falar dun monstro da aldea'

Xénero: Rock | 12 / 2 / 2020

ruxeruxe_estranofalardunmonstrodealdea.jpg

Ruxe Ruxe presentan un novo traballo de estudio e con este xa van 12 discos nos 23 anos de traxectoria da banda compostelá. Con O estraño falar dun monstro da aldea (Autoeditado), a banda liderada por Vituco Neira ofrece 15 novos temas coherentes coa súa traxectoria de punk rock en galego e combat rock, compostos polo propio Neira. O novo traballo consegue ademais un son moi pulido e eléctrico, potente como corresponde a unha banda que nunca perdeu de vista as súas maneiras loitadoras, pero dando ademais un paso adiante grazas á calidade da gravación efectuada nos estudios Gárate (Euskadi) coa produción de Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu). Como xa é marca da casa, a contundencia guitarreira e da percusión vese ben acompañada con instrumentos de vento como a gaita, harmónica ou saxo en varios dos temas do novo disco. As letras, sempre apegadas no amor ao país e ás súas mensaxes de punk combativo crítico co poder reflicten tamén nalgún dos temas reflexións de perspectiva vital engadindo variedade e profundidade a un sempre potente discurso. A banda xa presentou en avance tres vídeos con primeiras cancións e este vindeiro venres, 14 de febreiro, na Sala Capitol de Santiago farán a presentación en directo ante a súa numerosa parroquia de fieis cun moi posible cheo. O disco xa está dispoñible en tendas e plataformas dixitais.

As primeiras Xornadas sobre a festa galega tratarán a reivindicación das verbenas como BIC

Xénero: Miscelánea | 11 / 2 / 2020

imaxe non dispoñible

O mundo profesional da festa tradicional galega e a verbena vai dedicar os vindeiros días 12 e 13 de febreiro a reunirse na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e levar a cabo a primeira edición das Xornadas sobre as festas onde se celebrarán diversas mesas redondas con debate más cales se analizarán as principais cuestións que afectan o mundo das Festas nestes intres (Patrimonio, Lei de Espectáculos, Convenio Laboral, etc.). O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurará as xornadas dando paso a unha mesa de debate sobre A festa como patrimonio da cultura galega, no que se tratará da petición de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial da verbena galega que está a ser impulsada desde o mundo das orquestras. Outra das mesas tratará o tema da representación artística na verbena. As xornadas promovidas pola Asociación de Orquestras de Galicia (AGO) e a Asociación de Representantes Técnicos de Galicia (ARTEGAL) contarán coa presenza de especialistas en cada tema para aclarar as últimas novas con respecto as festas e coa representación de tódolos axentes do sector (Oficinas de Espectáculos, Axentes e Orquestras) ademais da colaboración de ASEVEGA (Asociación de Empresarios da Verbena). Os debates están abertos ao público en xeral.

Paco Montero musica oito poemas de Carballo Calero nun libro CD

Xénero: Cantautor | 4 / 2 / 2020

paco_montero_carvalho_calero_cartaz2.jpg

Logo de o presentar o pasado dez de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol, está a chegar ás tendas o libro CD Paco Montero canta a Lumieira Poética de Carvalho Calero. O que foi cantante dos Tamara musica oito poemas do homenaxeado no Día das Letras deste 2020 nun volume que conta con prólogo de Vicente Araguas e no que colaboran intérpretes como Francisco Teixido (Treisi), Jesús Fernández, Frank Rodríguez, Carlos Godel, Ramiro Cartelle e mais Belén García e Ana Buche, que interpretan A Canzón das Lavandeiras. O álbum complétase con catro temas do propio Montero nos que homenaxea a Pucho Boedo, a cidade de Ferrol, o atleta Javier Gómez Noya e mais o actor Javier Gutiérrez. O disco gravouse nos estudios Penteo de Ferrol.

A exposición 'Xirarei' fai unha homenaxe a corenta anos de deseño de discos

Xénero: Miscelánea | 22 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

A exposición Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995 percorre 40 anos de deseño de cubertas a través de case 600 pezas no Auditorio de Galicia, en Santiago. Comisariada por Fausto Isorna, esta mostra parte do disco de Joselín do ano 1955, primeiro EP con ilustración na portada do que hai constancia; desde aí faise unha viaxe de 40 anos levará aos visitantes desde as primeiras portadas xenéricas, onde o deseño aínda era secundario, ata o momento no que adquire presenza con nomes como Pepe Barro, Xoán Piñón ou Victor Aparicio. En palabras do comisario "estamos ante un proxecto expositivo que non pretende ser unha revisión cronolóxica ou histórica no eido da música en Galicia, senón unha homenaxe ao vinilo e a carpeta nun 'safari tipolóxico' de portadas que se agrupan e relacionan por temas como a Catedral, Sargadelos, os gaiteiros ou o traxe galego, a paisaxe, a bandeira, os deseños máis modernos ou minimalistas, as portadas con fotografías ou aquelas que recollen obras de pintores como Luis Seoane, Laxeiro, Joán Miró, ou portadas como a do disco 'Anduriña' de Juan e Junior ilustrada cun cadro de Picasso".

<< Inicio / Anterior . 271 a 280 de 1395 . Seguinte \ Fin >>