Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Mercedes Peón aproveita o éxito do tema orixinal da serie Mareas vivas para sacar o seu primeiro disco "Isué"

Xénero: Folk | 1 / 11 / 2000 + AUDIO

not_7497.jpg

Isué (Resistencia, 2000) é o primeiro traballo da artista coruñesa Mercedes Peón, que dende os dezasete anos percorre a xeografía musical galega recuperando ás raíces tradicionais no mesmo campo onde nacen. Mercedes Peón pasou tres anos preparando este disco, a boa acollida que ten entre a xente o tema que fixo para a serie "Mareas vivas" animouna a sacalo. De feito ese mesmo tema "O Mar" aparece neste álbum cunha entrada a capella. No disco a artista non rexeita certos tipos de mestizaxe coas músicas norteafricanas, nas que atopa similitudes cos ritmos galegos que a fan "mirar máis cara o sur." O disco presentouse a mediados de outubro e, segundo a artista, é "un traballo feito con todo o amor" que pretende expresar a súa aprendizaxe e coñecemento da tradición musical oral.

Xistra do Coruxo reivindica o espazo musical común do sur de Galicia e norte de Portugal no seu terceiro disco

Xénero: Folk | 1 / 11 / 2000 + DOCUMENTO + AUDIO

not_7458.jpg

En "Xistralia, república independente" (Zouma Records, 2000), Xistra do Coruxo recuperan os sons, os instrumentos e as pezas tradicionais do sur de Galicia e do norte lusitano. Cando en 1998 "Xistra do Coruxo" irrompeu no panorama folk, nacía co obxectivo de estudar, divulgar e actualizar aquelas pezas musicais que recollían o sentir e o lecer das xentes do sur galego. Unha vocación didáctica que plasmaron ó longo da súa discografía e, en especial, neste último de traballo. Neste terceiro albume Xistra de Coruxo recupera problemas e temas que malia parecer actuais, están na nosa cultura dende sempre. O seu compromiso particular son as Treboadas, unha cita ineludible en tódolos seus traballos. No seu disco, ademais de 14 pezas musicais, Xistra engade as partituras das pezas populares orixinais que toman como base do seu traballo.

Rodrigo Romaní presenta o seu primeiro traballo en solitario tras da súa saída de Milladoiro

Xénero: Folk | 30 / 10 / 2000 + IMAXES + AUDIO

not_7461.jpg

O primeiro disco de Rodrigo Romaní en solitario, Albeida (Boa Music, 2000) presentouse no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago. O álbum do antigo compoñente e co-fundador de Milladoiro levantou moita expectación, xa que supón a volta ós escenarios deste arpista despois da súa separación do mítico grupo. Con Albeida, Romaní pretende facer unha homenaxe á paisaxe humana do sitio onde vive. "Quería facer todo o que non fixera antes en 22 anos, porque non lle podía impor ós demais o que eu quería", explicaba Romaní na presentación. O álbum, aínda que contén sons recoñecibles da súa anterior etapa, ofrece a diferenza que dá un traballo concibido na súa integridade por este músico, actual director do Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo. As catorce pezas do disco presentan un abano heteroxéneo de sons, ademais da novidade que supón o seu protagonismo vocal como cantante. Albeida está cheo das colaboracións de Susana Seivane, Anxo Pintos, Maximino Zumalave, Laura Quintillán, ademais da Orquestra Sinfónica da cidade de Praga, a Orquestra Camerata Viguesa, o Coro fiadeiro e a Agrupación Treixadura. A gravación do disco tivo lugar nos estudios As Galesas (Outes, A Coruña) e na Casa de Tolos (Gondomar, Pontevedra), Todo o proceso, tanto de creación como de gravación quedou recollido nun documental realizado por Suso Iglesias, o director do Xabarín Club (TVG). Imaxes da elaboración, e comentarios dos colaboradores e amigos de Rodrigo aparecen neste vídeo de media hora de duración.

Máis información sobre Albeida en Boa

Primeiro disco no mercado do grupo Xarín, gaiteiros do Incio

Xénero: Folk | 10 / 10 / 2000

not_7456.jpg

Os gaiteiros do Incio son a festa en si mesmos. Nados nas "terras bravas" do Incio, no sur da provincia de Lugo, no 1985, o seu repertorio é un percorrido pola extensa e variada música tradicional, facendo especial mención a aquela vinculada coas terras das que proveñen: o Incio e o Caurel. O seu primeiro disco "Xarín. Gaiteiros do Incio" é froito da xuntanza coa distribuidora Zouma P.A. O disco foi gravado nos estudios Areamaster de Vigo en Abril de 1999 e na "Casa de Tolos" de Mañufre-Gondomar en Xullo de 1999. O disco contén doce temas de todos os estilos da música tradicional, pero con especial predilección por aqueles que se tocaban antigamente nas festas da zona á hora de comezar o baile agarrado. Desde os seus comezos o grupo foi evolucionando desde unha formación autodidacta ate un traballo serio de cultivo de música tradicional, da que partiron para chegar a amosar arranxos musicais cun son refrescante que tenta revivir "a auténtica festa galega, onde a música e o baile foron e serán a mesma alma do pobo."

O disco dos composteláns Ruxe Ruxe aposta polo estilo "bravú"

Xénero: Rock | 10 / 10 / 2000 + VIDEO + AUDIO

not_7450.jpg

"Ata a aboa cando muxe escoita radio ruxe". Así di unha das letras deste grupo, Ruxe Ruxe, que segue a se autodenominar bravú cando o termo xa semella ter esgotado a algúns dos seus creadores. Estes nove músicos da comarca compostelá presentan nestas datas o seu novo disco con toda unha declaración como título "Non temos medo" (Clave Records, 2000). O seu anterior traballo, o primeiro da súa carreira editárono en 1999 con título homónimo do grupo Ruxe-Ruxe. Dos catorce temas que compoñen "Non temos medo", todos agás un son composicións asinadas polo cantante, Víctor Neira. O grupo apoia as súas pezas na forza das guitarras eléctricas, no pulo dun acordeón incansable manexado por Sebas Méndez "O neno", e na achega doutros instrumentos como o violín, a gaita, a pandeireta e a frauta todo elo sen forzar a adaptación duns sons con outros.

<< Inicio / Anterior . 1381 a 1382 de 1382 .