Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Xosé Lois Romero publica a BSO de 'Manuela Rey is in da house'

Xénero: BSO | 16 / 5 / 2024

Portada - A mulher lyrio.jpg

O músico Xosé Lois Romero participaba recentemente sobre as táboas como un integrante máis do elenco da obra teatral 'Manuela Rey is in da house', un espectáculo creado en coprodución polo Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional Dona Maria II, o Teatro Nacional São João, e o Teatro do Noroeste –Centro Dramático De Viana. Ademais diso o artista foi o compositor de oito pezas orixinais que conforman a banda sonora do espectáculo, algunha das cales se interpretan en directo durante o mesmo e que agora son publicadas de xeito conxunto.

Os do Fondo da Barra publican o seu primeiro disco "BâNZô"

Xénero: Folk | 7 / 5 / 2024

imaxe non dispoñible

Vencellados como cantareiros da Asociación Cultural Xacarandaina desde a súa creación, en 1993, Os do Fondo da Barra, dirixidos por Quique Peón divulgan a música tradicional galega cantada por homes, como herdeiros dos antigos orfeóns galegos de homes do mar e a terra . Tras todos estes anos levando a súa música en directo polos escenarios, xa fose acompañando ao grupo de baile como en solitario, Os do Fondo da Barra veñen de deixar rexistrado o seu primeiro disco "BâNZô" (Maré), que presentarán no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 30 maio, xoves, pechando o ciclo Folk do recinto. Quince homes compoñen esta formación que ofrece cantos de taberna, cantos mariñeiros e cantos de acompañamento ao baile do repertorio tradicional. En "BâNZô", que xa está dispoñible en plataformas dixitais, presentan once destes temas populares dándolles un tratamento folk actual achegado ás novas correntes utilizando distintos instrumentos de percusión de man e outros como acordeón, gaita, saxofón, tamboril ou bombo con pratos turcos. Estes son temas recollidos por todo o territorio galego, coa pretensión de representar os cantares masculinos da arte inmaterial de Galicia. O espectáculo, dirixido artisticamente por Peón, pretende dar unha visión escénica contemporánea da cultura tradicional.

Emilio Cao, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024

Xénero: Folk | 6 / 5 / 2024

imaxe non dispoñible

O arpista Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1953) recibirá o vindeiro 15 de maio en Pontevedra o galardón honorífico dos 11º Premios Martín Códax da Música. Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, instrumento esquecido desde o medievo, ao que se enfrontou de maneira autodidacta, Emilio Cao é unha das figuras da música do noso país que concitan un recoñecemento unánime desde que comezou a súa carreira musical nos primeiros anos setenta. Músicas ao Vivo (MAV), entidade promotora dos Premios Martín Códax da Música, quere render homenaxe a un artista pioneiro sen o que entenden que sería difícil entender o devir da música galega nas últimas décadas.

Grampoder dá a coñecer o seu Amuleto

Xénero: Indie | 29 / 4 / 2024

amuleto_grampoder.jpg

Once anos despois da súa presentación, o dúo Grampoder, composto polos antigos membros de The Homens LeRoi e MartinWu, presenta neste 2024 o seu cuarto álbum. Os dez temas de Amuleto afondan na vaga de rock escuro con influencias indies do seu anterior traballo.

DEVALO refresca o pop co seu terceiro disco

Xénero: Pop | 26 / 4 / 2024

devalo_azul.jpg

DEVALO, ou o que é o mesmo David Miranda, ven de sacar un novo traballo longo, o terceiro do seu percorrido, "Azul vindeiro” (Ferror Records, 2024). A súa proposta de pop sen complexos, refresca o xénero sen renunciar a influencias e colocando o seu son no marco do indie de finais do século XX e principios do XXI, pero non por iso soando antigo, senón ao contrario como unha renovación enerxética e unha evolución natural por un camiño que xa non son moitos artistas os que o percorren sen complexos e acadando un produto de total actualidade. Na parte da composición e a gravación o artista admite unha intención de espir as cancións, en comparación cos anteriores discos nos que o son estaba composto a base de capas de arranxos superpostos de guitarras, sintetizadores e voces. Neste caso "Azul vindeiro" conta segundo Miranda cunha menor superposición de elementos: "A miúdo aparecen varias melodías levadas por distintos instrumentos que dialogan entre si, mais deixándose espazo en vez de formar capas de son.

Os músicos galegos recollen cinco galardóns nos Premios da Música Independente estatais

Xénero: Miscelánea | 18 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

Os Premios MIN da industria da música independente española chegaron a pasada noite ao remate da súa XVIª edición en Zaragoza e amosan, unha vez máis, o bo estado de calidade da escena musical galega actual e dos músicos xurdidos dela. O proxecto Baiuca do catoirán Alejandro Guillén foi o protagonista da noite grazas ao seu EP conxunto realizado coa artista de Elx (Valencia) Alba Reche. A súa colaboración de título 'Diamante / La mare' (Raso estudio), que fusiona electrónica e folclore galego fíxose cos premios 'Radio 3 á Canción do ano', 'Premio SAE Spain á Mellor Produción Musical' e o de 'Mellor Gravación Electrónica', un premio este derradeiro que Baiuca xa acadou no ano 2022 nos Premios Min grazas ao seu traballo 'Embruxo' (Raso estudio).

Pauliña aposta polo idioma con perspectiva punk no seu cuarto disco

Xénero: Fusión | 11 / 4 / 2024

Paulinha_Galegoisnotdead.jpg

Oito temas rápidos e metralladores, cada un no seu estilo e coa súa mensaxe conforman o novo traballo longo de Paula Chaves, coñecida artísticamente como Pauliña, 'Galego is not dead' (Xonix Records), un título e unha portada con referencias punks dos Exploited, os Sex Pistols confirmadas na letra do tema 'Crime e castigo' e outras que teñen que ver máis con The Clash noutros temas. O cuarto traballo da artista chega tres anos despois do seu anterior traballo longo 'Testemuñas' (Xonix records, 2021), tempo no que co seu proxecto estivo moi presente en festivais e dando concertos por toda a xeografía. De novo para a composición Pauliña conta con Paco Montoto e Lolo Arincón, membros fixos da súa banda. Eles asinan sete dos temas con ela, agás o que pecha o disco 'Detective Conan' versión dunha canción do ánime xaponés do mesmo título. O repertorio do novo traballo inclúe as sonoridades entre o rock and roll, o ska e outras mesturas que son habituais nos discos da de Cambados. As letras sempre afiadas, rápidas e contundentes serven para explorar as posibilidades da voz da artista. O álbum está xa dispoñible nas plataformas dixitais.

Embaixada da musica galega en Lorient

Xénero: Folk | 10 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

"A mocidade dos países celtas" é o lema arredor do que se constrúe este 2024 o festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. A súa edición número 53 comezará o 10 de agosto e ata o día 18 reunirá na cidade bretoa un compendio de músicas dos países e as culturas unidas pola identidade celta. A representación da música galega correrá a cargo de diferentes artistas e proxectos que van desde as formacións de corte máis tradicional eos artistas consolidados ata as novas promesas e interpretacións máis avanzadas. Neste caso a lista está encabezada por Carlos Núñez, ben coñecido nesas terras bretoas, que acudirá a Lorient a presentar o seu novo disco e espectáculo 'Celtic Sea'. No programa estarán tamén as agrupación tradicionais Rebulir de Ramirás en Ourense e Banda de gaitas Arume de Malvas, en Tui, así como a proposta contemporánea do trío Caldo. Como é habitual algúins dos músicos máis prometedores da gaita estarán nesta cita que reúne a especialistas de todo o mundo nese instrumento. Por Lorient pasarán Manu Seoane, María López e Pablo Seoane. Tamén estará representada a puxanza das cantareiras e a pandeireta, grazas a Laura Iglesias Buján, que participará do Interceltique Music Camp, durante o festival.

O Galegote volve aos bares e inclúe artistas portugueses

Xénero: Miscelánea | 9 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

O 27 de abril terá lugar unha nova edición do Galegote (anteriormente Galegote Rock) en Pontevedra, o festival que reúne unha selección da ampla oferta da escena musical en lingua galega. A cita, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, presenta algunhas novidades nesta edición número 12, ademais da simplificación do seu nome. Unha das novidades máis importante é o feito de que recupera os bares como escenarios principais e ofrecerá neles 14 actuacións repartidas durante o día nos seguintes establecementos: O Diaño, Tabula Rasa, Nasa, La Hormiga, La Pomada, O Grifón, O’Panderetas, La Verbena, Chirala, The Groove House e Sopa de Gallo. Outra da novidades é á incorporación de música do veciño portugal, na súa lingua propia. Así o cartel do festival, que non renuncia ao xénero do rock aínda que é máis amplo, agrupa bandas galegas con traxectoria, voces emerxentes e representación local, con nomes coma Moura, Lacón sen Jrelos, Ataque Escampe, Caldo, Hydn ou Zeltia Irevire, ente outros, e inclúe ademais dúas presenzas lusas: Duques do Precariado e compositora Érika Machado. Entre todos conforman o programa desta xornada festiva e musical, que contará tamén con programación infantil, da man de Cora Velasco e Sandra Asín. Todas as actuacións teñen entrada libre e de balde.

Boyanka Kostova propoñen unha 'Foliada no Inferno'

Xénero: Hip-Hop | 4 / 4 / 2024

BK_foliadanoinferno.jpg

Os Boyanka Kostova (Chicho e Cibrán) xa teñen desde hoxe o seu propio álbum de referencia infernal como todos os grupos de culto desde finais dos anos setenta. 'Foliada no Inferno' (Ernie records, 2024) é o sexto disco longo deste dúo que é bandeira do novo rap en galego. O disco preséntase como "un tratado de 'escarnio e maldizer'", nel, O Chicho do Funk (Ortiga) e Cibrán García maldín todos os males do seu tempo: as relacións sociais, as drogas, o desamor... Pero isto sempre dende o escarnio, mantendo o seu característico toque de humor retranqueiro nas súas letras. Fai menos dun ano que publicaban o seu anterior LP ' Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados? (Ernie Records, 2023) co que aínda poden gañar nuns días o Premio Min a Mellor Álbum en Galego e agora suman esta referencia, afastada no son da anterior, cun resultado moito máis ecléctico e nun traballo máis longo (11 temas fronte aos 10 do anterior) e que xa desde a portada representa unha antítese co do ano pasado.

. 1 a 10 de 1382 . Seguinte \ Fin >>