Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Rodrigo Romaní presenta o seu primeiro traballo en solitario tras da súa saída de Milladoiro
Rodrigo Romaní presenta o seu primeiro traballo en solitario tras da súa saída de Milladoiro
outubro 30, 2000
O primeiro disco de Rodrigo Romaní en solitario, Albeida (Boa Music, 2000) presentouse no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago. O álbum do antigo compoñente e co-fundador de Milladoiro levantou moita expectación, xa que supón a volta ós escenarios deste arpista despois da súa separación do mítico grupo. Con Albeida, Romaní pretende facer unha homenaxe á paisaxe humana do sitio onde vive. "Quería facer todo o que non fixera antes en 22 anos, porque non lle podía impor ós demais o que eu quería", explicaba Romaní na presentación. O álbum, aínda que contén sons recoñecibles da súa anterior etapa, ofrece a diferenza que dá un traballo concibido na súa integridade por este músico, actual director do Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo. As catorce pezas do disco presentan un abano heteroxéneo de sons, ademais da novidade que supón o seu protagonismo vocal como cantante. Albeida está cheo das colaboracións de Susana Seivane, Anxo Pintos, Maximino Zumalave, Laura Quintillán, ademais da Orquestra Sinfónica da cidade de Praga, a Orquestra Camerata Viguesa, o Coro fiadeiro e a Agrupación Treixadura. A gravación do disco tivo lugar nos estudios As Galesas (Outes, A Coruña) e na Casa de Tolos (Gondomar, Pontevedra), Todo o proceso, tanto de creación como de gravación quedou recollido nun documental realizado por Suso Iglesias, o director do Xabarín Club (TVG). Imaxes da elaboración, e comentarios dos colaboradores e amigos de Rodrigo aparecen neste vídeo de media hora de duración.
Máis información sobre Albeida en Boa
Tamén che pode interesar:
- 16/ 2/ 2022 | Álvaro Iglesias reivindica o contrabaixo para a tradición en Vagalume
- 18/ 7/ 2016 | Milladoiro presenta un CD-DVD ao vivo en Ortigueira
- 16/ 12/ 2014 | Fernando Fraga enche de Folcromías o acordeón
- 3/ 1/ 2014 | Pablo Seijas laza o seu primeiro álbum en solitario
- 13/ 6/ 2013 | Rodrigo Romaní é elixido presidente do Consello Territorial da SGAE