Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Arrinca o Festival Celta de Ortigueira cunha aposta pola fusión
Xénero: | 6 / 7 / 2006
Comezou a invasión. Unhas cen mil persoas reúnense desde hoxe e ata domingo en Ortigueira para asistir á nova edición deste evento. Este ano o programa aposta claramente pola mestizaches, achegando clásicos coma Gwendal coa aposta que o produtor Javier Limón cun espectáculo que mestura flamenco, folk e jazz. Lann de Cubel, Uxía, Berrogüetto ou Bagad Beuzeg completan o cartel.
Máis información no web do Festival ; Galicia Hoxe ; en La Voz de Galicia; en La Opinión e nos nosos arquivos
Compostela e Vigo celebran o día Europeo da Música con concertos
Xénero: | 21 / 6 / 2006
Hoxe é o día Europeo da Música. Por iso, varias formacións decidiron saír ás rúas para celebralo como mellor saben facelo: con música. En Santiago, o Casino promove a celebración cun programa musical que ofrecerá cinco concertos en prazas como Praterías, o Toural ou a propia sede do Casino na rúa Vilar. Por outra banda, o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra aproveita a efeméride para presentar o seu traballo discográfico “Tributo a Charlie Parker”. Un evento que terá lugar en Vigo, no marco do Festival Internacional de Jazz de Vigo.
Máis información sobre a celebración en Santiago en Galicia Hoxe e sobre “Imaxina Sons” no web do Concello de Vigo
A Regueifa inaugura a sección de arqueoloxía musical cos primeiros temas gravados por un solista galego na Arxentina
Xénero: | 21 / 6 / 2006
A primeira gravación sonora galega documentada ata o momento é a que fixo na Coruña o coro “Aires d`a Terra” en 1904. A esta gravación únenselle dúas máis coas que o web A Regueifa Plataforma acaba de estrear a sección “Arqueoloxía musical”. Trátanse de dous traballos posteriores, de 1910 e 1913 que, segundo asegura este sitio, “posiblemente sexa a primeira gravación da historia dun solista cantando en galego”. Trátase de dúas composicións: “Alborada Galega”, con partitura de Pascual Veiga sobre un texto de Francisco María de la Iglesia e “Os meus amores”, unha composición de Xosé Baldomir sobre un texto de Salvador Lope. Ambos os dous fragmentos foron dixitalizados, recuperados e restaurados por esta sociedade sen ánimo de lucro que asegura que foron “gravados por Saturnino M. Navarro en Buenos Aires co selo Polyphon”.
Máis información en A Regueifa
Preséntase un disco conxunto de Treixadura gaiteiros e Orfeón Treixadura
Xénero: | 15 / 6 / 2006
No seu cuarto traballo discográfico, “Unha semaniña enteira” (PAI música), o consolidado grupo Treixadura Gaiteiros presenta a xuntanza de dúas concepcións da música popular: o canto e a gaita. O Orfeón Treixadura, creado ex profeso para a gravación dunha das cancións do anterior disco “Unha noite non é nada”(2003) engade aquí a forza das súas voces ás melodías dos gaiteiros incidindo no pouso que o canto popular foi deitando na historia da música galega. Dos once temas do disco, gravados entre os estudos Casa de Tolos e Edisco a finais do 2005, tan só un é unicamente instrumental. Este é o terceiro disco de Treixadura que leva por título un dos versos da cantiga popular “Unha noite no muíño” e os compoñentes do grupo xa anunciaron durante a presentación do disco no Consello da Cultura Galega a próxima realización dun disco que se chamará “Esa si que é muiñada”.
Máis información en Consello da Cultura Galega
A mestizaxe, a danza e grupos consolidados conforman a aposta da nova edición do Festival de Ortigueira
Xénero: | 12 / 6 / 2006
O 6 de xullo comeza unha nova edición do Festival Celta de Ortigueira. O evento musical de Galicia que concentra a un maior numero de visitantes e que este ano promete cun programa “mais ousado ca nunca” como se atreveu a dicir o director artístico, Fran Rivera, na presentación do festival. Solas, Four Men and a Dog e Gwendal son algunhas das bandas que participan nun programa no que haberá un sitio destacado para a danza. Ademais, “Galicia & outras músicas” é o nome do plato forte, un singular proxecto dirixido polo produtor Javier Limón que repasará todo o repertorio tradicional galego.
Máis información no web do Festival, e en La Voz de Galicia, El Correo Gallego e na nosa hemeroteca
O programa Extrarradio e Vieiros organizan un concurso na procura da canción galega do verán
Xénero: | 6 / 6 / 2006
A Radio Galega, a través do programa Extrarradio, e o diario electrónico Vieiros veñen de abrir en colaboración a convocatoria para un concurso que durará ata setembro e que ten como obxectivo proclamar cal é a canción do verán do 2006 en galego. O concurso “A polo ghit!” está aberto a todos os músicos que queiran con cancións gravadas en galego, que serán difundidas pola rede en Vieiros con licenza Creative Commons. Un xurado composto por xente do mundo da música e da comunicación elixirá en setembro o tema gañador, que será premiado coa gravación profesional dun videoclip e a actuación en programas da Televisión de Galicia. A cancións poden escoitarse e descargarse en Vieiros, e mesmo facer de xeito paralelo unha votación con comentarios engadidos.
Máis información en Vieiros
Volve o grupo de cantareiras Faltriqueira ao panorama discográfico con Efffecto
Xénero: | 6 / 6 / 2006
As catro cantareiras de Pontedeume presentan o seu segundo disco “Effecto” (Resistencia, 2006) no conflúen unha variedade de estilos musicais alén dos temas tradicionais. Ana Leira, Carolina Ródriguez, María López e Teresa García foron alternando concertos e xiras cos ensaios onde seleccionaron e prepararon o repertorio do seu novo álbum. Faltriqueira (Resistencia, 2002), o seu primeiro traballo levounas á portada da revista Folk Roots, referente da música con raíces, e conseguiulles a aceptación da crítica especializada, como o demostra o ter sido escollido entre os 10 mellores álbums do 2003 na World Music Charts Europe (lista europea de músicas do mundo). O segundo disco busca a confirmación musical do grupo e, na busca da variedade, alternan as recreacións de temas tradicionais, a cantiga medieval, os ritmos do leste europeo o da Senegal e mesmo a adaptación dun tema folk estadounidense que interpretaran Emmylou Harris, Linda Ronstadt e Dolly Parton. Tamén está presente o “Canto libre” de Víctor Jara. e dous cancións representativas da discografía galega dos anos setenta: “Meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos e “Corpiño xeitoso” de Andrés do Barro.
Máis información La Opinión
O primeiro festival de hip-hop da Coruña pretende reunir a tres milleiros de afeccionados ao xénero
Xénero: | 31 / 5 / 2006
No Coliseum da Coruña, e coa presentación do actor Serxio Pazos, o espectáculo “Bombos,caixas e cristais” reunirá este sábado día 3 de xuño unha representación do movemento hip-hop en todas as súas variantes. Este festival reunirá a seis grupos nacionais, dous deles galegos –Dios ke te crew e Low & Overground Orkesta- e aos ingleses Foreign Beggars. Tamén haberá espazo e tempo dentro das seis horas para a exhibición de graffiti e o espectáculo de break dance. Serxio Pazos incorporará á súa presentación a interpretación de un rap dedicado ao político Francisco Vázquez. Os promotores do festival, a produtora Gabba Gabba Hey, demandaron un apoio das institucións para converter o festival nun referente galego e nacional.
Máis información no Programa do Festival
A discográfica Ouvirmos estrea co primeiro disco de Galegoz un selo dedicado a novos creadores
Xénero: | 30 / 5 / 2006 + VIDEO
Co disco "Galician Chimpanzee" do grupo Galegoz iníciase o novo selo Vir dentro da discográfica lucense Ouvirmos. O selo nace para abrir o camiño da co-produción de novos creadores galegos como é o caso deste primeiro disco da banda Galegoz formada por músicos procedentes doutras bandas do panorama musical galego: Xenreira, Nenos da revolta, Matraca Perversa, Jarbanzo Negro, Diplomáticos de Monte-alto, Mutantes Metálicos Band, A Compañía do ruído, etc. Dez temas e 2 videoclips conforman este disco. Bases electrónicas mesturadas con ska, funk,… e salpicadas por letras combativas, irreverentes e surrealistas. Despois de formarse virtualmente ao estilo dos Gorillaz agora dan o paso á gravación e posterior posta en escena do seu primeiro traballo discográfico.
Máis información no sitio de Galegoz
Co seu novo traballo discográfico autoeditado Berrogüetto celebra o décimo aniversario da banda
Xénero: | 26 / 5 / 2006
Cinco anos despois do celebrado disco Hepta (Boa, 2001) o grupo de folk Berrogüetto volve a sacar un traballo discográfico co que ademais celebra o seu décimo aniversario como formación en activo. con “Berrogüetto 10.0” a banda iníciase na autoedición discográfica dando un novo paso na súa carreira. O disco non contén temas tradicionais e os once temas son de composición propia dos membros do grupo buscando con este traballo a esencia da súa identidade musical. Acompañan ao disco fotografías de Karlos Abal e un texto de Rodrigo Romaní. A xira galega de presentación comezará en Vigo o 2 de xuño e levaraos nese mes por toda a xeografía do país.
Máis información en Galicia Hoxe


