Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Con Benzón Guadi Galego presenta o seu disco máis conceptual e universal

Xénero: Folk | 20 / 5 / 2009 + AUDIO + IMAXES

not_14744.jpg

Acompañada por Guillermo Fernández e Uxía, Guadi Galego presentou hoxe o seu novo disco Benzón (Músicas de Salitre, 2009) en Compostela, nun acto que congregou a numerosos informadores e a outros músicos que participan no disco. De feito son vinte e cinco os colaboradores para os trece temas de Benzón, xa que Guadi encargou arranxos, letras e músicas numerosos compañeiros da escena musical actual entre os que están Fran Pérez “Narf”, Xavier Díaz, Abe Rábade, Quim Fariña, Xacobe Martínez Antelo, o grupo Leilía, Germán Díaz e outros moitos. Grazas a todas estas achegas presenta unha ampla variedade de estilos entre o tradicional, o pop e o jazz, nun percorrido cuxa unidade pasa pola voz da propia Guadi nun “discurso musical, que transcorre sen sobresaltos pasando por distintos tons, climas e ambientes” en palabras de Guillermo Fernández e que constitúe un dos principais atractivos do disco. Esta gran cantidade de achegas e a imposibilidade práctica de xuntalos nun escenario fan que Guadi Galego afirme que este disco non vai ser levado ao directo, deixándoo nun “disco moi conceptual” e con vocación universal que se ilustra cunhas fotografías de ceos de Galicia -unha por canción- obra de Karlos Abal, que expresan esa vocación xa que “como a música, os ceos non teñen fronteiras”, expresou Guadi . O disco xa está á venda desde hoxe distribuído pola Lonxa Cultural.

Acordeóns da emigración

Xénero: Folk | 19 / 5 / 2009 + AUDIO

not_14737.jpg

Foron os primeiros acordeonistas do noso país en facer gravacións deste instrumento. Triunfaron en Sudamérica a interpretar tangos, fox-trots ou polcas. Agora, o dúo Hermanos Moreira soa en dixital da man de Ouvirmos, que dedica a este conxunto o último número da súa colección A Tiracolo co título Acordeón Mariñeiro. Ademais do conxunto das gravacións que se conservan do grupo, o proxecto achega obras ata o de agora inéditas, cun total de 36 pezas. Ao tempo, un completo estudo afonda na carreira deste singular grupo.

O portal Ghastas Pista? celebra 10 anos de existencia

Xénero: Folk | 18 / 5 / 2009

imaxe non dispoñible

A web Ghastas Pista? centrada principalmente na música folk e tradicional celebra tal día como hoxe o seu décimo aniversario. Unha duración bastante sorprendente para a meirande parte dos proxectos en Internet e máis se, tomando en consideración as declaracións da súa responsable Raquel González Gamallo, comezou a facela pensando que sería "algo temporal”. Dun deseño austero e sinxelo, acorde coa súa característica non profesional o portal dá conta de producións discográficas actuais ou descatalogadas, centrándose principalmente no folk pero achegándose a outros estilos fusionados co son de raíz e converténdose nun referente da música tradicional na rede . Na súa nova etapa Ghastas Pista? pretende dar un paso máis alá e artellar unha rede social dentro do portal, arredor da música galega. Non é o único aniversario de hoxe xa que a empresa de servizos culturais Nonsí? que representa a artistas como Nani García, Fuxan os Ventos, Malvela ou Ophiusa celebra dous anos en activo.

Sae Aries imperfecto primeiro disco en solitario de Eva Carreras

Xénero: Pop | 14 / 5 / 2009 + IMAXES

not_14703.jpg

A viguesa Eva Carreras acadou fama e recoñecemento tras participar na quinta edición de Operación Triunfo na que entrou pasando un casting no que cantou xunto á súa nai a canción <í>Fía na Roca . Esta mesma canción inclúese agora no disco. Aries imperfecto editado polo selo ourensán Zouma Records en no que Eva Carreras transcende do seu paso por OT buscando un repertorio de temas de nova composición xunto a clásicos da música pop escollidos á súa medida, en total 12 temas cantados en galego, castelán e mesmo portugués nos que busca demostrar a súa capacidade artística e o seu estilo persoal. A través da páxina web de Zouma Records. A artista está tamén preparando a súa participación o vindeiro 12 de setembro no espectáculo de música e danza en vivo "O camiño" onde, xunto a un grande elenco de artistas, representa a historia dun peregrino cara Santiago de Compostela.

Primeiro disco do Xacobe Martínez Antelo Trío xa á venda

Xénero: Jazz/Blues | 13 / 5 / 2009

not_14691.jpg

O Xacobe Martínez Antelo Trío é o segundo proxecto baixo o nome deste contrabaixista compostelán que tamén ostenta a titularidade dun quinteto e participa doutros proxectos musicais como U-lo Trío ou Sumrrá. O trío preséntase agora no mercado discográfico cunha gravación homónima do grupo e na que o contrabaixista, xunto ao saxofonista Pablo Castaño e o batería Max Gómez ofrecen nove cortes de jazz contemporáneo do seu repertorio orixinal. O disco Xacobe Martínez Antelo Trío está editado baixo o selo pontevedrés Free Code Jazz Records e xa pode mercarse na rede.

Os Carunchos presentan o seu cuarto disco na Feira dos Maios de Vigo

Xénero: Folk | 8 / 5 / 2009 + VIDEO

not_14657.jpg

O domingo día 10 de maio as 19 horas, na Praza da Constitución do Casco Vello de Vigo, terá lugar a presentación en directo do cuarto disco dos Carunchos En galego (PAI, 2009), como parte do programa de actividades organizado pola Asociación de Veciños do Casco Vello de Vigo co gallo da celebración da XXVII Festa dos Maios. Despois de xirar varios anos con Montealegre (PAI, 2005), co que festexaron o seu décimo aniversario e no que introduciron novos instrumentos, agora reaparecen con este disco gravado na Casa de Tolos que arrastra a bagaxe acumulada pola banda sobre os escenarios en todo este tempo. Como adianto pode verse na rede e a través da canle de TV de PAI Música o videoclip do tema Galicia deste novo traballo.

Fanny + Alexander adapta textos de poetas galegos no seu novo traballo

Xénero: Pop | 7 / 5 / 2009 + AUDIO + VIDEO

not_14644.jpg

Xa está na rúa (e na rede) o terceiro disco do dúo compostelán Fanny + Alexander. Seguindo na súa liña pop, Alfaias achega once temas que van do electrónico ao acústico e que contan con letras dalgunhas das máis destacadas voces da poética galega actual. Mario Regueira, Emma Couceiro, Yolanda Castaño ou Daniel Salgado son algúns dos autores que se integran no proxecto. En canto a son, o disco conta coas colaboracións de Martin Wu de The Homens, Carlos Valcárcel de Projecto Mourente ou Alex Charlón de Ataque Escampe. Alfaias está editado baixo licenza Creative Commons e pode descargarse de balde no web A Regueifa Plataforma ou adquirise neste mesmo web e en tendas.

O Imaxina Sons cumpre cinco anos achegando o jazz ao público vigués

Xénero: Jazz/Blues | 5 / 5 / 2009

imaxe non dispoñible

Naceu co obxectivo de amosar o jazz europeo, incluíndo nesta etiqueta o que se facía en Galicia. Pero non hai máis que botarlle unha ollada ao programa para ver que a quinta edición do Imaxina Sons presta atención ao jazz de todas as procedencias (Europa, América e Galicia) e todas as xeracións. O certame que organiza o concello de Vigo pretende, nesta edición de consolidación, captar a atención da crítica especializada e facerse un oco entre os eventos relevantes de jazz no Estado. Pero todo iso sen esquecer á cidadanía. A sala de concertos de Caixanova, clubes da cidade, as rúas, o MARCO, o Conservatorio... a cidade enteira será escenario, do 25 de xuño ao 5 de xullo, de conferencias, concertos, master-class, mesas redondas para exhibir o mellor jazz do momento.

O IGAEM multiplicou as funcións nos últimos anos

Xénero: Miscelánea | 30 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A traballo do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais medrou nos últimos anos. Segundo revelan dos datos do Anuario de Estatísticas Culturais do Observatorio da Cultura, o número de funcións programadas por este organismo no noso país medrou de xeito continuado entre 2005 e 2007, tanto en danza (de 29 a 73 funcións) coma en teatro (466 a 703) ou en maxia (19 a 72). No entanto é na música onde se detecta un maior incremento, tanto no número de actuacións como no orzamento, que pasaron respectivamente de 38 a 791 concertos e de 115.254 euros a 440.836. Estes incrementos nas artes escénicas en xeral están vencellados, segundo o Observatorio, aos circuítos dedicados as artes escénicas que puxo en marcha o anterior goberno da Xunta de galicia.

¿Malos tempos para a lírica?

Xénero: Coral | 27 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Teñen feito xiras mundiais dignas dos Rolling Stones e levan ben máis tempo ca eles en activo (aínda que semelle imposible). A Coral De Ruada celebra neste 2009 o seu noventa aniversario en plena forma e, canda a ela, outras tres históricas formacións manteñen en activo o espírito de recuperación de música popular do comezo do século XX. Botamos un ollo na actualidade das corais galegas.

<< Inicio / Anterior . 1081 a 1090 de 1439 . Seguinte \ Fin >>