CRÍTICAS / 346
SOBRE O LIBRO"POESíA GALEGA COMPLETA E TEXTOS EN PROSA"
Unha sede de orballo
Un abondoso conxunto de composicións dispersas e inéditas deste autor que responde ás esixencias do estudoso da literatura galega como ás do consumidor de poesía. Este volume ofrece ao estudoso a recuperación dunha voz esquecida, contextualizada e cunha completa información engadida. Ao lector sedento de poesía ofreceralle o descubrimento dunha voz transparente, brillante e húmida coma o orballo da mañá, conclúe María Xesus Nogueira na súa crítica.
SOBRE O LIBRO"A NOITE DA RAíñA BERENGUELA"
Raíña de lenda a escena
Na catedral de Santiago unha raíña dorme o seu sono de pedra. Unha noite no ano, Berenguela acorda e percorre a cidade. “A noite da raíña Berenguela” é a primeira peza de teatro escrita por Neira Cruz e fíxose co Premio Lazarillo de Creación Infantil e Xuvenil outorgado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil – OEPLI- entre as cento vinteoito obras presentadas en catro linguas cooficiais españolas. Xosé A. Neira Cruz soubo argallar un texto literario utilizando a figura histórica da raíña e adobiándoa de fantasía e imaxinación.
SOBRE O LIBRO"FOLLAS DE BACALLAU"
Secretos do mar prendidos tras dos ollos
O libro de Xabier Paz abala entre o diario persoal, como unha bitácora ou diario de a bordo, o apuntamento memorialistico e, sobre todo, a crónica do mundo da pesca do bacallau. Relatado desde o punto de vista dun biólogo que converte a crónica en literatura e agora comentado excepcionalmente por Xabier Queipo, outro autor que reúne na súa persoa coñecemento de biólogo e oficio literario e cunha traxectoria ampla e recoñecida. Queipo conclúe na súa recensión do acertado das descricións que fai o libro, do seu bo uso do vocabulario e de outros acertos que fan del un libro honesto e que transmite a nostalxia dos soñadores.
SOBRE O LIBRO"CONFESIóNS DUN PRACTICANTE"
Raúl e Dans confesan
Raúl Dans reúne nestas “aventuras dun dramaturgo en Galicia" unha presa de textos de variada condición sobre o universo do teatro, e sobre o proceso de creación do texto dramático: desde a autobiografía ao diario, pasando por sucesivas e suxerintes aproximacións a unha poética e irónicas indagacións sobre a necesidade e a crise do teatro. Unha obra na que o escritor confesa as súas teimas e inquedanzas facendo pública a súa alma.
SOBRE O LIBRO"MARIDO E OUTROS CONTOS"
Viaxe ao íntimo do corazón
Lidia Jorge é unha das grandes escritoras en lingua portuguesa das últimas décadas. Aquí preséntanos un monllo de sete contos ganduxados con dous temas principais: o feminino e a memoria.
SOBRE O LIBRO"GONZALO GURRIARáN GURRIARáN (1904-1975)"
Lembranzas dun exilio interior
Da frustración científica ás montañas valdeorresas: pasaxes dunha vida marcada pola Guerra Civil. Ciencia. Premio Pedro Tertuliano Hervella 2003 trátase dun dun estudo que consegue xuntar a historia particular coa xeral ao propor temas que tiveron unha enorme importancia para o país e que se nos exemplifican co local e incluso co persoal.
SOBRE O LIBRO"ORIENTARSE POLA RIBEIRA SACRA. VIAXE AO INTERIOR"
Caderno de campo do viaxeiro atento
Unha guía abondosa en datos de todo tipo. Vellas historias, contos, poemas, todo complementa a viaxe. Un libro que ten o enfoque do viaxeiro curioso, que non está escrito desde a mesa dun despacho senón a pé de monumento, como caderno de notas e compañía en roteiros e lugares.
SOBRE O LIBRO"AS GALERAS DE NORMANDíA"
Naves na néboa
Ramón Loureiro, xornalista da Delegación de Ferrol de La Voz de Galicia, vén de publicar “As galeras de Normandía” (Xerais, 2005), a súa terceira e última novela; unha obra complexa e densa, chea de crípticas referencias míticas e literarias.
SOBRE O LIBRO"É"
O xogantín das palabras
Un libro no que a linguaxe aproveita todo o seu potencial sonoro e a poesía se contaxia do xogo para intensificar a súa capacidade de chegar ao lector ou lectora. O escritor propón unha lectura atenta, cómplice e mesmo desprexuizada, capaz de arrincar emoción, reflexións e case sempre un sorriso.
SOBRE O LIBRO"GLOSARIOS"
Orixinalidade e risco
Segundo volume poético de Xavier Queipo, este libro recolle algúns materiais frecuentes na obra do escritor, como son a representación de universos exóticos, os escenarios mariños ou a presenza do mundo da ciencia. É este un libro heteroxéneo e claramente experimentador, un poemario cosmopolita e complexo no que nalgún momento semellan loitar, nun difícil equilibrio, a voz do poeta e a voz do científico, pero que en todo caso ven a renovar os códigos do discurso poético.
SOBRE O LIBRO"OBREIRISMO FERROLáN"
A loita que foi
Recuperación da historia do movemento obreiro de Ferrol antes do dramático período de 1936-39 e nos anos de loita clandestina contra o franquismo. Libro ameno, áxil e coherente que se apoia nun formato xornalístico para recuperar acontecementos, personaxes e historias que forman parte da loita polos dereitos dos traballadores que nos precedeu.
SOBRE O LIBRO"DENTRO DA ILLA"
Na illa, en ningures
Recoñecida co Premio Blanco Amor 2004, “Dentro da illa” é unha novela herdeira das historias de misterio e suspense na que unha atmosfera de misterio que envolve a narración desde o comezo. Memoria e amnesia, vida e morte, sono e vixilia. Escrita na procura das claves da estraña relación entre o egoísmo e o amor. Dolores Ruiz constrúe un universo no que prevalecen as leis dos sentimentos e das emocións. Frida, a protagonista, vaise descubrir a si mesma consonte desvela o enigma que envolve a existencia naquel lugar afastado.
SOBRE O LIBRO"OS DONOS DO PARAíSO"
A lenda negra da conquista
Nesta obra gañadora do Premio Edebé 2004 de Literatura Xuvenil dous mozos universitarios, Ariadna e Toni, proxectan escribir unha novela ambientada na época do descubrimento de América, inspirándose nas denuncias de xenocidio feitas no seu día por frei Bartolomé de las Casas. A partir de aquí, o lector asiste a unha dupla lectura: por un lado, as aventuras dun mozo en plena conquista do Novo Mundo a principios do século XVI, a medida que Ariadna e Toni van escribindo capítulo a capítulo; por outro lado, o proceso creativo que seguen Ariadna y Toni, así como a súa propia aventura amorosa ou, mellor dito, a súa propia estratexia de conquista. O resultado d’Os donos do paraíso, unha obra valente e complexa, é unha lectura áxil e amena, con moitos datos e máis matices, que combina a novela histórica coa novela romántica, a aventura cos dilemas morais, a ficción coa realidade.
SOBRE O LIBRO"A MENNULARA"
As xornaleiras xa non van ás améndoas
Novela gañadora en 2004 do Premio Novela Europea do Casino de Santiago, concedido por un xurado de público lector. A obra, primeira da súa autora, iníciase o 23 de setembro do ano 1963 coa morte da protagonista para, posteriormente, desenvolver o relato en espiral en torno á figura desta criada dunha familia de terratenentes sicilianos. Crónica das mudanzas do século XX, o maior pracer da obra é, segundo María Liñeira, “descubrir o ser humano oculto dentro desa muller dura e reseca”. Unha novela pulcra, que engancha ao lector e deixa no fondo do padal un pouso a laranxal.
SOBRE O LIBRO"GALICIA NA IDADE MEDIA"
Pola compresión cara a comprensión
Resumo da historia de Galicia entre os séculos V e XV, este libro de pequenas dimensións supón un intenso esforzo de síntese que dá en crear unha ferramenta útil de aproximación ao período medieval. En pouco mais de cen páxinas non só se traza unha visión global da Idade media senón que se ofrecen ao lector algunhas das fontes clave para ese período, no que sen dúbida é un dos puntos fortes do traballo.
SOBRE O LIBRO"ERA NA SELVA DE ESM"
Adentrarse na selva de Ferrín
Medio século de escrita poética e espallada de Xosé Luis Méndez Ferrín encontran agora edición conxunta neste volume. Un libro heteroxéneo que responde á vontade de compilación da obra dispersa do autor, algunha dela de difícil acceso para o lector común. Agasallo prezado para o seguidor da poesía ferriniana e complemento necesario para o seu estudoso, é tamén un suxerinte punto de partida para quen queira achegarse aos universos poéticos do autor ourensán.
SOBRE O LIBRO"AS CARTAS DO DESTINO"
A memoria escrita no aire
Premio Manuel Murguía no ano 2003,este é un traballo de investigación histórica desenvolvido a partir da correspondencia mantida ao longo de cincuenta anos polos membros dunha familia emigrada en América. Detrás de cada emigrante hai unha historia diferente e plural, xa que non só está a súa vida, senón que tamén está a que deixan na terra de partida.
SOBRE O LIBRO"PASO DE CEBRA E SUCESOS"
Entre o humor negro e o cómico absurdo
Última entrega de Gustavo Pernas, unha das voces imprescindíbeis da escrita teatral contemporánea. Sempre atento ao pulso da sociedade actual, cos seus debates e as súas reflexións, Pernas amosa unha vez máis o seu espírito crítico cuns textos que procuran un diálogo directo co mundo real a través dunha ficción que non foxe da teatralidade, que procura ás claras certo distanciamento a través do humor e a través do absurdo que, sen dúbida, reivindica unha actitude activa.
SOBRE O LIBRO"A ESTRELA NA PALABRA"
A pegada do tempo
Quince anos despois da publicación de “A nación incesante” (1989), libro de conversas con Xosé Manuel Beiras tamén realizado por Miguel Anxo Fernán Vello e Francisco Pillado Maior, “A estrela na palabra” ofrece un vivo testemuño do Beiras humano e político dos nosos días.
SOBRE O LIBRO"GALICIA BORROSA"
A identidade no diván
Neste ensaio da colección Cadernos da Área de Pensamento o psiquiatra Santiago Lamas tenta achegarse multidisciplinariamente a un “algo” que segundo el hai no noso modo de ser, na nosa mentalidade, no noso carácter nacional, no noso imaxinario, na nosa visión do mundo, no noso territorio, ou no que sexa, que nos fai diferentes diante dos demais e diante nós mesmos fronte ós outros. O autor recolle a tradición dos “médicos humanistas” e transfórmaa introducindo no seu discurso as teorías máis avanzadas das ciencias actuais e colocando a identidade galega no seu diván a tódolos efectos.