CRÍTICAS / 346
SOBRE O LIBRO"O FILLO DO ACORDEONISTA"
O Plan Ibarretxe contado aos nenos
Joseba e David, dous amigos, reencóntranse en California e rememoran os seus días de infancia en 1957 na escola do seu territorio natal, retratado dende os tempos da República ata o remate do franquismo. A través das súas máis de cincocentas páxinas asistimos, desde unha perspectiva marcadamente sentimental, a unha historia posíbel da evolución da sociedade vasca.
SOBRE O LIBRO"CHARENTON"
Escribir despois de m-Talá
Unha obra que inventa o que non coincide, que concibe o poema como unha máquina lingüística de liberdade. Un libro de gran fluidez verbal, no que a multiplicación de voces pode chegar a desconcertar o lector que se resista a deixarse levar polas torrentes do texto. “Charenton” desconcerta, envolve e lanza aos ollos de quen le afirmacións dunha contundencia (poética, política e verbal) extrema: augas que arrastran o lector.
SOBRE O LIBRO"PREMIOS PEDRóN DE OURO. (2001-2003)"
Patchwork de tons vermellos
O Certame de Narracións Breves "Modesto R. Figueiredo", creado en 1975 pola Fundación do Pedrón de Ouro, converteuse co paso do tempo nun galardón clásico e nun referente inevitable. Nesta ocasión a publicación dos premios corresponde ás convocatorias dos anos 2001,2002 e 2003. Un mosaico narrativo ou, en palabras de María Liñeira: “Unha colcha de retallos de diferentes tecidos e cores. [...] bordado cun fío brillante que percorre todas as súas páxinas.”
SOBRE O LIBRO"FUTURO: BOLSA DE MAREO 2004"
Para iconoclastas e nostálxicos?
Nun formato deliberadamente distinto e provocador preséntanse este produto poético con dous opúsculos no interior dunha bolsa de mareo de avión. A obra colectiva da Corporación Semiótica Galega ten escasa difusión pero a súa proposta vangardista e rompedora non deixa de ser interesante no panorama poético actual. Para a corporación é fundamental o carácter lúdico da creación poética. Para isto válense de signos diversos e de códigos propios da poesía visual.
SOBRE O LIBRO"A VIAXE DE SAN BRANDáN: NAUIGATIO SANCTI BRENDANI"
Cartografía da mentalidade altomedieval
Primeira versión en galego deste texto latino, auténtico “best seller” do medievo europeo. O texto describe unha viaxe de sete anos en busca da Terra da Repromisión dos Santos. Unha peregrinación por unha serie de illas míticas nas que atoparán ovellas xigantes, aves que falan, fontes de auga máxica, monstros mariños e mesmo chegan ás portas do inferno antes de chegar finalmente ó Paraíso Terreal. Esta narración dunha viaxe, no que o que menos importa e se é real ou inventada, é unha guía do mundo altomedieval, unha cartografía para manexarse pola súa mentalidade e pola forma de ordenar o mundo e o tempo.
SOBRE O LIBRO"BACORIñO"
O porco rebelde
Bacoriño non é un porco normal: fala, discorre e cavila como calquera persoa. Razóns pola que Bacoriño non acepta conformarse co seu destino e emprenderá unha sucesión de aventuras. A escolla das tribulacións do porco no momento de se enfrontar á morte e a súa inesperada rebeldía proporcionan momentos verdadeiramente divertidos, apoiados polo comportamento da ampla galería de personaxes que pretenden, cada un cos seus recursos e consonte o papel que a tradición lles outorga, tirar algún partido.
SOBRE O LIBRO"TEATRO HISTóRICO: CONSTRUCIóN DRAMáTICA E CONSTRUCIóN NACIONAL "
A historia como argumento
Un profundo e moi interesante estudo que se achega aos dramas galegos que utilizan a historia como recurso argumental. Un completo traballo que, desde unha sólida base teórico-literaria, analiza os pormenores do teatro histórico en Galicia, atendendo especialmente á súa responsabilidade na construción do discurso da identidade nacional. O libro de Iolanda Ogando, segundo Inma López Silva , fala a través dun ensaio sobre teatro dunha cuestión importante e actual: a condición histórica.
SOBRE O LIBRO"UNHA VIAXE NO FORD T"
Viaxando polo García Barros
Amor, viaxes e literatura debuxan o itinerario de "Unha viaxe no Ford T", a novela coa que Xerardo AgraFoxo obtivo o Premio García Barros 2004. Unha estraña trama, sobre o fío condutor da historia dunha fascinante muller, a viaxe de Hemingway por Galicia , unha intriga familiar, e unha, ou varias, historias de amor.
SOBRE O LIBRO"A LOITA POLA TERRA NAS MARIñAS"
A terra axitada
A historiadora María Jesús Baz bota luz enriba dos ensaios de historia agraria, e faino mediante a explicación do feito fundamental da historia contemporánea de Galicia: á propiedade da terra, o sistema foral e os atrancos que os labregos sufriron para liberarse desta carga de orixe medieval. Segundo Gustavo Hervella estamos ante un referente de futuro para os estudosos do pasado agrícola galego, un libro que destrúe tópicos historiográficos que desde anos ficaron non só na academia, senón tamén no imaxinario popular.
SOBRE O LIBRO"OS CICLOS DO BAMBú"
Bambú e cartografía
Esta nova obra de Queipo reúne os froitos da paixón do autor polos lugares e pobos de Asia. Nun esforzo continuo de renovación e de busca o autor guíanos polo frenesí de Hong-Kong e acompáñanos ata o Bombai das tétricas torres do silencio. Un conxunto heteroxéneo de relatos co que gozamos o privilexio de compartirmos por un instante o lugar desde o que o autor nos fala. Coma os bambús de cana dura, as historias deste libro expándense e contráense por ciclos: os ciclos do bambú, as ondas da vida.
SOBRE O LIBRO"O LUME DOS SOñOS"
Fantasía ameazada
Novela gañadora do 1º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2004,
nesta obra, dirixida a nenos e nenas a partir dos 8 anos, o autor introdúcenos de cheo no mundo da fantasía, cun relato no que a aventura e a fantasía desbordante agochan preocupacións de maior peso.
SOBRE O LIBRO"HAI QUE CONFIAR NA ESPERANZA"
Confiar no Cunqueiro: a voz do debuxante
Comedia que obtivo o premio Álvaro Cunqueiro 2003, desenvólvese no seo da redacción do semanario satírico bonaerense Don Quijote, entre os anos 1890 e 1895, período politicamente convulso na Arxentina. A obra trata a cuestión das liberdades e da revolución desde unha perspectiva non presente no repertorio galego: o xornalismo da sátira política, o mundo dos debuxantes e caricaturistas daquela época.
SOBRE O LIBRO"AS HUMANAS PROPORCIóNS"
Through the looking-glass
Libro gañador do Premio Torrente Ballester do 2003, os doce relatos que o compoñen presentan arriscadas tramas con liñas e ángulos que debuxan un Home Vitrubiano, á maneira do Leonardo da Vinci e o seu reflexo ao outro lado do espello. Unha ópera prima con claros e escuros. María Liñeira destaca algúns dos relatos pero noutros encontra que non logran establecer un pacto co lector.
SOBRE O LIBRO"MIRADAS AUSENCIAS"
Miradas de esguello
Gañador con esta obra do Premio de Poesía Prados Ledesma 2004, Fernando Rodríguez Gómez ofrécenos unha visión sorprendente da realidade, ocúpase de escenas cotiás e problemáticas sociais usando da ironía, o paradoxo, o contraste e a desautomatización. Poemas escritos cunha voz realista e solidaria co ser humano que provocan a sorpresa, a reflexión ou o sorriso, as máis das veces amargo. María Xesús Nogueira encontra neste libro unha boa dose de audacia e unha mirada de esguello cara a liñas canonizadas da tradición lírica galega.
SOBRE O LIBRO"BOLBORETAS"
Bolboretas na boca
Para pais que quere levar á casa non só un libro para que os fillos lean, senón para ler con eles. Para aulas nas que a lectura é unha actividade tutelada. Unha actividade na que as dificultades están aí para axudar a progresar ao lector. Para que a lectura sexa unha creación de experiencias de coñecemento. Un texto delicioso –segundo Isabel Soto- cun perfecto equilibrio entre imaxes e palabras.
SOBRE O LIBRO"O MES DE ABRIL"
A sombra viaxeira dunha nube
Crónica íntima dun reconto vital. A infancia a descuberta da morte, o proceso mesmo dunha vida normal, non exenta de dureza, contado nesta segunda novela de Pablo Vaamonde. Unha narración na que, segundo María Liñeira, o que queda é o gran valor das cousas pequenas.
SOBRE O LIBRO"RINOCERONTE"
O absurdo levado á crítica
A vida dunha pequena cidade vese perturbada pola insólita presenza dun rinoceronte ceibo que ameaza a morna paz cotiá. Inma López Silva celebra a edición en galego desta obra clásica do teatro do absurdo e fai unha reflexión chea de preguntas sobre a tradución.
SOBRE O LIBRO"A ERA DE LáZARO"
Morte e resurrección
Unha novela de ciencia ficción rica e sorprendente para lectores e lectoras que gocen coa intriga e o medo. En "A era de Lázaro", segunda incursión de Paula Carballeira na novelística xuvenil, o argumento xira arredor do tema da resurrección dun morto e da cadea de consecuencias dese feito.
SOBRE O LIBRO"A CONSTITUCIóN DA IRLANDA CONTEMPORáNEA"
Liberdade fronte a Imperio
Nesta obra, publicada inicialmente en 1949, Tom Barry describe desde a súa propia experiencia persoal como comandante da West Cork Flying Column na guerra de guerrillas irlandesa de principios do século vinte. O seu principal valor é o das lembranzas deste voluntario irlandés, nada imparciais e mesmo moi subxectivas nas súas valoracións, pero que aportan moita información histórica sobre as batallas e o seu desenvolvemento.
SOBRE O LIBRO"VERMELLA CON LOBOS"
Verdade viva de ficción
A revisión dos contos clásicos e dos valores e imaxes dos que son transmisores é unha necesidade para o seu mantemento na actualidade como ferramentas educativas, de iniciación á literatura e provocadores da imaxinación. Carmen Blanco reconstrúe as historias efectuando unha ruptura co punto de vista masculino estándar das narracións para nenos como innovación fundamental. Novos contos totalmente afastados dos contidos misóxinos, reaccionarios e pouco liberadores das versións primitivas que os provocaron.