CRÍTICAS / 346
SOBRE O LIBRO"A ULFE; SOCIOLOXíA DUNHA COMUNIDADE RURAL GALEGA"
Un conto distinto
O premio Vicente Risco de Ciencias Sociais recaeu este ano nesta obra que retrata e reconstrúe a civilización rural a partir dun estudo sobre unha aldea, A Ulfe (Chantada), lugar de orixe da socióloga e catedrática Julia Varela Fernández. O estudo feito a partir dun proceso de conversas e entrevistas retrata un anaco de sociedade viva, cambiante, innovadora que só semella parada, inmóbil para o ollo alleo que manexa tópicos das sociedades rurais como entes fora do tempo, fronte a mobilidade e “progreso” dos habitantes das urbes. Segundo Juan Luis Pintos este libro esnaquiza eses tópicos.
SOBRE O LIBRO"OS CELTAS DA ANTIGA GALLAECIA"
Avanzar sobre terreo trillado
Este estudo arqueolóxico, histórico e etnográfico do profesor Alberro aborda sen complexos un tema tan polémico entre arqueólogos e historiadores como é a presenza da tradición cultural céltica en Galicia e a entidade e a influencia da mesma. Baseado nunha amplísima bibliografía inédita no noso país este libro achega, segundo Jorge Guitián, novos argumentos e novas posibilidades para enriquecer un debate que ás veces pode semellar estéril e ás veces acendido de máis.
SOBRE O LIBRO"SER OU NON"
Carece de importancia
Unha novela politicamente incorrecta cargada de transgresión e experimentación sobre a propia feitura da literatura, o sexo, a fenda entre rural e urbano. Todas as teimas de Borrazás que el aborda con singular valentía nesta obra sen pretender contestar á pregunta coa que titula, segundo Ana Salgado recoñece na súa crítica.
SOBRE O LIBRO"DERROTAS"
Manual de instrucións
Esta obra que obtivo no ano 2002 o VI Premio de Poesía do Concello de Carral contén, a xuízo de María Xesús Nogueira, os trazos característicos de Eduardo Estévez: sinxeleza, economía de recursos, brevidade, e unha recreación de estampas que convidan á reflexión. A obra consegue a creación dunha atmosfera que convida á ficción, sen que faga sospeitar do traballoso equilibrio que o libro consegue entre o goce da poesía e a lectura consciente.
SOBRE O LIBRO"BAIXO MíNIMOS"
Un Licor Café á saúde de D.A.
A primeira novela deste autor supón a chegada ao mundo da literatura negra dun detective que ven para quedarse, Horacio Dopico, que ten nos ambientes máis escuros o seu hábitat natural. Unha obra de xénero divertida, aceda e ben escrita que María Liñeira non dubida en recomendar.
SOBRE O LIBRO"A COUSA VERMELLA"
Se un poema anda ó boi
O libro de Olga Novo, referente na poesía feminina actual, é unha obra agardada que permite coñecer unha parte importante das creacións da autora e facer un seguimento da súa evolución. María Xesús Nogueira destaca a orixinalidade e a forza da voz desta escritora non demasiado prolífica nas súas publicacións.
SOBRE O LIBRO"SOLIMáN"
O doce veleno do amor
Novela de iniciación, María Liñeira ve "Solimán" como unha novela de costumes que reflicte a vida da xeneración que agora anda arredor dos trinta anos e a do país que se iniciaba na democracia.
SOBRE O LIBRO"A TERRA QUERE POBO"
A construción da realidade como resposta
Gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2003 esta obra é unha aposta pola modernidade e parte dunha análise do politicamente polémico autor sobre a situación do país para construír un discurso que se adapte ás necesidades dos novos tempos. O autor propón unha nova descrición dos problemas e en base a ela unha construción da realidade que é o eixo deste libro que apunta posíbeis novos vieiros polos que construír un futuro sen que as eivas do pasado imposibiliten o libre xogo de posibilidades.
SOBRE O LIBRO"BOCA DA NOITE"
Respostas ao descoñecido
Ramón Caride ofrece neste libro un conxunto de flashes narrativos nun bo exemplo da hábil construción de personaxes e ambientes polo autor. Os lectores e lectoras deste volume, veranse conducidos nestes nove relatos que saen do corazón da escuridade polas continuas reviravoltas da realidade, por eses xiros inesperados que ofrecen os desenlaces, na constatación de que nada é como parece. Un abano de respostas diferentes ante o descoñecido que perturba a nosa realidade cotiá.
SOBRE O LIBRO"ANIMALIñOS"
Pequenos bechos, grandes obras
Unha das últimas montaxes do finado Roberto Vidal Bolaño foi esta obra na que non hai lugar á decepción pero si un grande espazo para a risa e a reflexión. En “Animaliños” encontramos a un Vidal Bolaño sen ningún tipo de censuras e con múltiples acentos no seu afán transgresor e polémico. O resultado, divertido e sarcástico, é esta obra que aborda a relación da sociedade urbana coa natureza e que, segundo Inma López Silva, non podemos ler sen albiscar, a lo menos, unha pinga de nostalxia.
SOBRE O LIBRO"ORIXE"
Orixe: Era posPrestige. Libro I
A novela gañadora do Blanco Amor 2003 é unha historia de historias na que liberdade e conciencia social se reivindican como valores fundamentais do ser humano. Séchu Sende, autor de poesía, conseguíu o galardon con esta obra de narrativa que entretece ao longo das súas páxinas dous temas eternos, amor e compromiso sociopolítico.
SOBRE O LIBRO"O ESPECTRO SEGUE A ROLDAR"
O debate segue vivo
O esloveno Slavoj Zizek aviva o debate da suposta falta de actualidade do Manifesto Comunista neste conxunto de ensaios “de non doada clasificación teórica” segundo Juan-Luis Pintos. Unha reflexión que o autor fai desde a actualidade do presente e na que non evita a controversia coas ideas dominantes. Un recordatorio dos debates doutros tempos nos que as ideoloxías tiñan máis peso que hoxe e as ideas máis concisión e claridade.
SOBRE O LIBRO"O CADERNO DE BITáCORA AVENTURAS ESPACIAIS"
Aventuras espaciais da capitana reimon ou crise da ficción
A primeira novela de María Reimóndez chega auspiciada pola consecución do IV Premio de Novela Mulleres Progresistas do Concello de Vigo no 2003. A obra, crónica de viaxes por unha galaxia inhóspita e inabranguíbel que vaise facendo pequeniña ante os nosos ollos, permite lecturas superpostas que desde o futuro achégannos ao presente, ao aquí e ao hoxe. Ana Salgado encontra na obra a pegada das vivencias e do contemporáneo e concédelle o valor de ter un punto de partida innovador e o de enfrontarse á creación dun mundo cunha presenza interiorizada da tecnoloxía.
SOBRE O LIBRO"ENTRE FRONTEIRAS"
Historia evanxélica do impaís
Primeira entrega dun ambicioso proxecto narrativo que dá conta da historia dos practicantes evanxelistas na Galicia do século XX –desde 1916 até a morte de Franco- a novela de Xavier Alcalá introduce na literatura galega un tema novidoso e faino cun amplo soporte de documentación e fontes orais. “Entre fronteiras” narra con prosa sinxela a primeira parte desta historia até finais da Guerra Civil. A novela lles dá voz aos perdedores da Historia, un canto á liberdade de expresión e de culto.
SOBRE O LIBRO"POLíTICA, ELECCIóNS E FIDALGOS"
Os cimentos do Estado
O estudo deste período histórico achega luz sobre a formación das bases do Estado. Na opinión de Gustavo Hervella "unha das liñas de investigación máis interesantes á hora de analizar o pasado de Galicia". A partir dunha situación provincial profusamente detallada polo autor, o lector poderá comprender mellor as circunstancias socio-políticas da modernización do Estado no século XIX.
SOBRE O LIBRO"UN CROCODILO DEBAIXO DA CAMA"
Crocodilite primaveral
Con esta obra a escritora Mariasun Landa gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2003. Esta novela breve supón unha aposta por unha literatura infantil-xuvenil contracorrente, diferente, afastada de ideas preconcibidas e de tópicos. Un relato delicioso cun tema atípico. arriscado e aberto a moitas idades, no que, segundo Isabel Soto os adultos poden encontrar unha reflexión sobre a angustia e a soidade repleta de continuos acenos irónico-humorísticos, e os máis novos gozar do seu ritmo, a súa intriga e do seu estilo directo, sinxelo, evocador e de fácil lectura.
SOBRE O LIBRO"EDIPO"
A madurez dun mito
No ano 1960 o escritor Manuel María creou esta obra en "tres anacos de tres tardes do mes de Novembro ou San Martiño”. A obra gañou o premio “Villar Ponte” do ‘Centro Gallego’ de Buenos Aires en 1961 pero co paso do tempo quedou esquecida, sen publicar nin representar. Agora a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor recupera o texto orixinal no que o chairego recrea o mito grego desde a perspectiva do asoballamento franquista, cun Edipo rebelde ante o ditador. Andrea Álvarez afirma que o "Edipo" de Manuel María madurou coma as mazás no caixón dos vellos papeis.
SOBRE O LIBRO"ANTOLOXíA CONSULTADA DA POESíA GALEGA 1976-2000"
Cinco razóns
Obra de referencia inescusábel para a lectura poética estudosa ou común da fin do século XX, segundo María Xesús Nogueira esta antoloxía queda como un material valiosísimo do que é posíbel facer lecturas infindas. Na súa crítica, Nogueira aporta cinco razóns que apoian estas afirmacións.
SOBRE O LIBRO"PLANEAR O PASADO"
O futuro do pasado
A necesidade manifesta de pór en valor, protexer, divulgar e investigar o patrimonio arqueolóxico fixo que na actualidade, e desde fai máis dunha década viran a luz todo tipo de propostas. A publicación de “Planear o pasado: ideas para a recuperación do castro de Elviña” debe entenderse como un paso mais dentro desta tendencia, un dos primeiros pasos nunha liña que as entidades investigadoras deberán continuar no futuro.
SOBRE O LIBRO"O PELO DE VAN'T HOFF"
E ti, es un lector google?
Segunda novela de Unai Elorriaga, gañador do Premio Nacional de Literatura o ano pasado con “Un tranvía cara a sp” (Galaxia, 2002). Esta nova narración introdúcenos nun universo orixinal, que achega o lector a un xeito novo de contar, cunha capacidade de fascinación que sobrepasa os propios límites do xénero novelesco. Segundo afirma María Liñeira. Unai Elorriaga escribe “como se aínda non estivese todo inventado, como se a literatura aínda fose nova e non tivese que renderlle contas a ninguén. (...) Sen falsas reverencias, con pouco pudor, xogando”. Unha novela, segundo ela, para lectores “google”, lectores activos do século XXI.