Unha das últimas montaxes do finado Roberto Vidal Bolaño foi esta obra na que non hai lugar á decepción pero si un grande espazo para a risa e a reflexión. En “Animaliños” encontramos a un Vidal Bolaño sen ningún tipo de censuras e con múltiples acentos no seu afán transgresor e polémico. O resultado, divertido e sarcástico, é esta obra que aborda a relación da sociedade urbana coa natureza e que, segundo Inma López Silva, non podemos ler sen albiscar, a lo menos, unha pinga de nostalxia.
7 / 6 / 2004
Inma López Silva.SantiagoUnha das últimas montaxes do finado Roberto Vidal Bolaño foi a súa obra “Animaliños”, texto que satiriza a realidade levada aos extremos, que inclúe no mundo o absurdo cando este é posíbel. O argumento dá de si: unha praga de caracois nunha urbanización de chalés adosados desata os instintos e as personalidades duns habitantes que funcionan coma tipos, mesmo coma referentes reais. Se á idea de base sumamos un Vidal Bolaño sen ningún tipo de censuras e con múltiples acentos no seu habitual afán transgresor e mesmo polémico, obtemos o resultado divertido e sarcástico que é esta obra que hoxe, recentemente editada por Follas Novas, non podemos ler sen albiscar, alomenos, unha pinga de nostalxia. En “Animaliños” non hai lugar á decepción e, desde logo, un gran espacio para a risa, e, sobre todo, a reflexión. Vidal Bolaño xamais renunciou a facernos pensar nin a deixar de experimentar coas formas do teatro, aínda que para conseguilo tivese que pór en marcha todo un exército de cazadores de bechos, de propietarios e de caracois a rir do mundo e da vida cotiá.
Neste comentario non quixera pasar por alto algunhas circunstancias que rodean a publicación desta sátira dos urbanitas. En primeiro lugar, a editora, Follas Novas, que tras publicar textos dun pasado bastante remoto (Risco, Otero e Castelao, Álvaro de las Casas e San Luís Romero), opta neste número 4 por un volume que é ao tempo contemporáneo e homenaxe, un volume que, de todos os xeitos, non contradí a vontade dos editores de asegurar a pervivencia dunha sorte de canon teatral a través das súas publicacións. Sen embargo, non podemos menos que estrañarnos de que as obras póstumas de Roberto Vidal Bolaño estean a aparecer en editoras que, facendo un labor fundamental de recuperación de textos e de concesión de oportunidades a autores máis periféricos, actúan neste caso coma depositarias das carencias do sistema editorial galego a respecto do teatro. Se dúbida, Roberto Vidal Bolaño foi un dos principais homes de teatro dos últimos vinte anos, cunha produción ampla e unha posición no sistema cultural importante. E sen embargo, como é que case dous anos despois da súa morte aínda teñamos que rastrexar as súas obras póstumas sen que ningunha editorial das máis potentes “ouse” publicar os textos do principal dramaturgo galego dos 80 e 90? Como é que non xurdiu automaticamente desde o ámbito editorial a idea de publicar as súas obras completas, senón que houbo que esperar un tempo para que fosemos un grupo de críticos quen tratamos (con dificultades) de levar adiante ese proxecto?
Estudos introdutorios
Esta edición de “Animaliños” publicada por Follas Novas é, sen dúbida, unha pequena xoia que non debe pasar desapercebida e pola que cómpre seguir animando aos editores a non deixar de explorar os camiños da edición teatral, mesmo a erixirse en referentes deste ámbito de edición. Interesan especialmente os estudios introdutorios de Alonso Girgado, Teresa Monteagudo e Manuel Quintáns. Esas introducións explican a obra de Vidal Bolaño desde un punto de vista contextual, cinematográfico e dramatúrxico, respectivamente, dando luz sobre cuestións e percepcións que abren vieiros para novas interpretacións da obra do autor. Consideramos especialmente interesante o artigo de Teresa Monteagudo sobre a relación (importantísima e evidente nas “variacións” que estruturan “Animaliños”) do teatro de Vidal Bolaño e o cine, pero tamén interesa o estudo de Manuel Quintáns, que resume de xeito maxistral as constantes da acción teatral de Vidal Bolaño en relación con este último espectáculo que foi “Animaliños”.
“Animaliños” pertence a esa clase de obras nas que aprendemos algo de nós mesmos e do mundo que nos rodea; eses espectáculos que demostran que o teatro é lecer e que somos máis felices se sorrimos e se pensamos, aínda que sexa a costa dos nosos propios modos de vida.