lg3
inicio » lg3 » críticas

CRÍTICAS / 346

SOBRE O LIBRO"VOCES DA MEMORIA"
Dez mulleres
Beatriz Graña achéganos neste estudo de xénero - que recibíu o premio Xohana Torres de investigación 2003- a un dos temas máis apaixonantes e descoñecidos da recente historia de Galicia, o antifranquismo e o exilio, e faino desde o punto de vista de dez mulleres que o viviron e sufriron en propia carne. Gustavo Hervella comenta e pormenoriza este estudo sobre dez historias reais de mulleres nun tempo de grande importancia na historia contemporánea.


SOBRE O LIBRO"A CONFIGURACIóN DO SISTEMA TEATRAL GALEGO (1885-1936)"
Historia do teatro en Galicia: épocas de antonte
Este libro afonda no estudo das etapas máis temperás do teatro galego, desde finais do século XIX até o comezo da Guerra Civil. Unha revisión histórica desde unha perspectiva de análise até o de agora inexplorada. O autor tira da Teoría Xeral de Sistemas para achegarse ao ocorrido co teatro no período de configuración do pensamento galeguista. Desde a súa crítica Inma López Silva considera lúcida esta nova achega á historia do teatro en Galicia que atende á evolución dun teatro que pasa de ser ruralista e costumista a amosar un interesante diálogo coas vangardas europeas.


SOBRE O LIBRO"ANCORADOIRO. OBRA POéTICA (1983-2003)"
Romper o monolito
A recompilación da obra completa de Xosé María Álvarez Cáccamo, que a modo de pausa na súa singradura poética edita Espiral Maior é unha boa oportunidade de coñecer a un poeta recoñecido e romper cunha imaxe monolítica ou de culturalismo que voa sobre moitos poetas da década dos oitenta. Chus Nogueira preséntanos "Ancoradoiro" reivindicando un achegamento ao autor e pedindo para esta obra un espazo na biblioteca.


SOBRE O LIBRO"ONDE O SOL NON ADORMECE"
Descuberta do amor
Unha historia de amor e intriga ben dosificada na que o autor demostra a súa madureza como narrador. Isabel Soto comenta as claves desta novela atípica, pola súa temática, no xénero xuvenil. Dúas vidas condensadas en catorce días, unha esculca apaixonada do horizonte, das paisaxes e dos soños.


SOBRE O LIBRO"O DESERTO DE NABALPAM"
A busca do ouro do coñecemento
Que ninguén abra “O deserto de Nabalpam” esperando un libro de relatos convencional porque é todo o contrario. Unha obra axeitada para aqueles aos que lles gusta a poesía chea de imaxes surrealistas. Pexegueiro afástase da convencionalidade narrativa e experimenta coa linguaxe e coa mestura de mundo real e onírico. María Liñeira aproveita o comentario da obra para dar un repaso ao colectivo Rompente, parte da nosa recente historia cultural e do que era membro fundador o autor deste libro.


SOBRE O LIBRO"ÁCAROS VERDES"
Voz feminina despois de Auschwitz
Gañadora do galardón Lueiro Rey de novela curta no 2003, esta narración de Pilar Buela supón un acercamento literario a un episodio histórico e a algúns dos seus protagonistas desde unha perspectiva de xénero inusual. A novela de Pilar Buela amosa segundo Ana Salgado unha capacidade para a introspección psicolóxica sen estridencias. Unha obra que se le con presa e coa que se recupera o pracer de ler.


SOBRE O LIBRO"MEDEA EN CORINTO"
Medea en Gallaecia: xogar entre poesía e teatro
A figura de Medea, a intrépida muller que namorada, axuda a Xasón na fascinante aventura do vellocino de ouro, pero despois, abandonada por el, chega a matar os propios fillos para vingarse, é un dos temas máis recorrentes na literatura e nas artes universais e encontra agora un tratamento novo neste poema de Luz Pozo Garza, "Medea en Corinto", que nos ofrece unha visión distinta da heroína. Inma López Silva interpreta as claves deste libro no que segundo ela a autora dá conta do seu talento e dá tamén coa clave da modernidade en Medea. Unha Medea situada nunha Gallaecia impensábel no tempo dunha Medea grega, pero que serve para activar a atención do lector galego a través da extrema ficionalización do mito.


SOBRE O LIBRO"CASA SKYLAB"
Benaventurados os que esperan o Skylab porque deles será o planeta da utopía
Ambientada nun imaxinario concello da montaña lucense, recrea un espazo onde os personaxes que bulen nun ámbito rural emerxen cheos de actualidade e cosmopolitismo. O xurado que lle outorgou o Xerais 2003 sinalou da obra que “partindo da súa modernidade conceptual, da súa estructura singular e polifónica, e do seu estilo rápido e tempo profundo, conecta con esa novelística galega que con Cunqueiro se enche de maxia e defuntos”.


SOBRE O LIBRO"A VIDA QUE NOS MATA"
Intrigas de balneario
Un doble crime cometido no balneario de Mondariz a finais da década dos 20 serve de trama para unha novela áxil, directa e chea de matices protagonizada por un xornalista obeso, cincuentón e descrido. Xabier López mergúllanos en “A vida que nos mata” (Premio García Barros, 2003) no pracer da novela negra con maiúsculas. Para Manuel Gago, a novela combina unha ambientación privilexiada cunha técnica narrativa intelixente e dinámica.


SOBRE O LIBRO"DESTRUCCIóN"
Entre antropoloxía e actualidade
Se reparamos en que quizais sexa o Premio Xerais o principal axente de canonización inmediata do noso sistema, e sen dúbida unhas das novas literarias máis atendidas podemos comezar por dicir que a volta do xornalista Xavier López Rodríguez á narrativa mereceu a designación como finalista do devandito galardón no 2003.


SOBRE O LIBRO"TEORíA E PRáCTICA DA INTERPRETACIóN"
A natureza íntima da interpretación
O volume de Alison Hodge consegue ampliar significativamente o corpus teórico sobre arte dramática que está dispoñible en galego. Tomando ao actor e a súa formación como centro do feito teatral, o libro de Hodges é, segundo Andrea Álvarez, unha atractiva contribución á reflexión sobre a necesidade desa formación cara a conseguer sacar adiante unha labor creativa nun espazo de liberdade propio.


SOBRE O LIBRO"ARREDOR DA CONFORMACIóN DO REINO DE GALICIA (711-910)"
Aproximación arriscada
Este estudo gañador da anterior edición do Premio de Historia Medieval de Galicia é unha das poucas achegas ao período da Alta Idade Media. O traballo realizado por López Teixeira resulta moi recomendabel desde a opinión de Jorge Guitian, que salienta a actitude do investigador e califica o seu traballo como un "esforzo valente" co que consegue unha "aproximación arriscada e decidida " ao tema do estudo.


SOBRE O LIBRO"A BATALLA DE MONTEVIDEO. OS AGRAVIOS LINGUíSTICOS DENUNCIADOS NA UNESCO EN 1954"
Radiografía dun enfrontamento lingüístico
A defensa que os galeguistas fixeron do idioma en instancias internacionais en 1954 presentando unha denuncia pola persecución á que era sometida a lingua galega é o episodio histórico que documenta este libro. O feito ten unha importancia crucial na nosa historia e o libro, como recoñece na súa recensión Gustavo Hervella, realiza unha posta ao día no tema e aporta unha documentación destacábel para a investigación sobre a historia cultural do país.


SOBRE O LIBRO"O MEU NOME é SKYWALKER"
De seres invisíbeis e olladas tristes
Agustín Fernández Paz é un dos autores máis prolíficos da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Ao longo da súa traxectoria ten transitado polas máis variadas tendencias temáticas e formais, un labor recoñecido con galardóns dentro e fóra das nosas fronteiras. En xuño de 2003 recibía o premio Barco de Vapor de Literatura Infantil en galego polo relato “O meu nome é Skywalker”.


SOBRE O LIBRO"MITOS E MEMORIAS"
Mito, memoria, relato, ficción
Con este libro volve á narrativa adulta Darío Xohán Cabana sete anos despois de “Morte de Rei”(Xerais, 1996). Ana Salgado comenta o libro do chairego e a súa tarefa literaria da construción dunha mitoloxía histórica e ideolóxica a través da narración. Cabana amosa nestes nove relatos o mapa do seu universo de mitos.


SOBRE O LIBRO"(CITO)"
O eu que (se) escribe
Un libro deliberadamente incomodo e algo rebuldeiro, provocador e de estrutura pouco usual. Desde o punto de vista de María Xesús Nogueira "(Cito)" é un poemario que fuxe da linguaxe convencional e esixe de quen o le unha actitude sen prexuizos nin cuestionamentos.


SOBRE O LIBRO"O ESPELLO DO MAR : NA ARTE GALEGA DOS SéCULOS XIX E XX"
Liñas sobre a imaxe do mar
O catálogo editado polo Museo do Mar de Vigo dá idea da importancia da exposición "A mares. O espello do mar na arte galega dos séculos XIX e XX" e proporciona ferramentas conceptuais de análise que, según Jorge Guitián, suxiren liñas que os investigadores da arte deberán ter en conta para abordar os seus futuros estudos


SOBRE O LIBRO"A IMPRENTA EN GALICIA : SéCULO XIX"
Alto grao de fiabilidade
O Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia, proxecto promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Ministerio de Educación y Cultura, é un conxunto de información bibliográfica que reúne tódolos impresos, tanto españois coma estranxeiros, que están depositados nas bibliotecas públicas e privadas de toda Galicia.


SOBRE O LIBRO"CONTOS DO CAMIñO E DA RúA"
O eterno fidalgo
No ano 2001 cumpríronse vintecinco anos da morte do escritor ourensán e a narrativa de Otero Pedrayo é máis ca nunca, un documento único para analizar a figura do fidalgo e a adaptación deste estamento ao cambio social que se deu en Galicia a finais do século XIX.


SOBRE O LIBRO"MANIFESTO MáIS ALá"
Chamada á renovación
Manuel Antonio é unha representación perfecta da renovación nos contidos en nos estilos. Na súa etapa de estudiante en Santiago nace o seu compromiso coa cultura e a realidade. O seu talante é o dun aventureiro, é un poeta vangardista que se inxire nas correntes literarias europeas da estética creacionista, con elementos do dadaísmo.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal