A recompilación da obra completa de Xosé María Álvarez Cáccamo, que a modo de pausa na súa singradura poética edita Espiral Maior é unha boa oportunidade de coñecer a un poeta recoñecido e romper cunha imaxe monolítica ou de culturalismo que voa sobre moitos poetas da década dos oitenta. Chus Nogueira preséntanos "Ancoradoiro" reivindicando un achegamento ao autor e pedindo para esta obra un espazo na biblioteca.
8 / 3 / 2004
Lugo.María Xesús Nogueira
A presentación editorial do que ata o momento constitúe a obra completa dun escritor vivo, no sentido (tamén) literario da palabra, pode sorprender o lector ata o punto de levalo a preguntarse acerca do que realmente achega unha empresa semellante. A dúbida medrará, ben seguro, no caso de seren éditas todas as obras recollidas e pode mesmo, nos lectores máis escépticos, espertar sospeitas relacionadas co mercado e as súas estratexias ou cunha falta de produtividade do escritor que o obrigaría a “duplicar” a edición de libros publicados noutrora.
Non son estas, nin moito menos, as razóns que converten a aparición de “Ancoradoiro” nun feito relevante na sección de novidades do andel da poesía. Efectivamente, o volume achéganos a obra completa e revisada dun dos autores máis valorados da heteroxénea nómina que se deu en chamar poesía (mellor que xeración) dos oitenta, e que transformou considerabelmente, como é sabido, o panorama estético da lírica galega. A presenza ininterrompida de Xosé María Álvarez Cáccamo ao longo de dúas décadas (testemuñada pola inclusión da súa obra nas principais antoloxías) demostra que estamos diante dun poeta recoñecido malia non ser quizais tan coñecido (e enténdase, por suposto, lido). É esta unha boa oportunidade para facelo e romper deste xeito a imaxe monolítica que segue a difuminar moitos poetas da época, reducidos a miúdo ao tópico do culturalismo ou do preciosismo verbal. Ningún destes trazos brilla na obra de Cáccamo que, moi ao contrario, evoluciona, tal como se aprecia nos últimos poemarios, cara a unha maior simplicidade no discurso e na forma.
Mais “Ancoradoiro” desmente tamén outro dos lugares comúns fixados por boa parte da crítica para os poetas da promoción, como é o cultivo dunha temática universal afastada dos motivos sociais tan reiterados nos anos anteriores. Así, ao longo da obra do escritor podemos rastrexar dous eixes temáticos claros: un máis desenvolvido, de natureza intimista, e outro non menos importante de orientación social materializado en numerosos textos incluídos nas distintas obras (“Somalia”, “1936”, “O vento dos pobres”) e sobre todo n’Os cadernos da ira (1999), que reúne tres títulos (os dous primeiros xa publicados) abondo significativos: Prego de cargos, De mañá que medo e Crónica do espanto, poemario singular no que a memoria de asasinos e vítimas da barbarie fascista queda gravada con nomes e apelidos:
¿Onde a memoria xusta, a obriga transparente
de gravar cunha brasa de alcatrán os nomes e apelidos
de paseantes, verdugos, militares,
delatores, fiscais e falanxistas,
señoritos da noite, corvos do amañecer?
Fóra destes poemas que rescatan a memoria histórica ou denuncian con ironía e contundencia a falta de liberdade, a preocupación ética e social atravesa o conxunto da produción poética de Álvarez Cáccamo.
A outra liña temática mencionada é, alén da máis recorrente, a máis característica da obra do escritor e aborda con contención os grandes temas da literatura universal (o paso do tempo, a soidade, a patria da infancia), recreando escenarios tan particulares como a casa ou a paisaxe mariña. Esta orientación predomina en A praia das furnas (1983), salferido dun vocabulario cósmico, mineral, por veces máxico; Arquitecturas de cinza (1985) onde comeza a amosar a súa preferencia polo poema en prosa; Luminoso lugar de abatimento (1987), concibido cunha estrutura musical; Cimo das idades tristes (1988), de grande clasicismo; o brevísimo Fragmentos de mar (1989); O lume branco (1991), de formas dilatadas onde volve unha vez máis aos temas da infancia, a familia e a aprendizaxe primeira, como ocorre tamén, en certa medida, en Colección de espellos (1994) e A escrita das aves de marzo (1997); Calendario perpetuo (1997), fermosísima colección de poemas en prosa e viaxe de novo aos anos infantís; Vocabulario das orixes (2000) e, finalmente, Depósito natural (2002), libro, segundo a confesión do propio autor, máis heteroxéneo. Motivos como a casa, a memoria e o contorno familiar (especialmente a figura do pai) fanse visíbeis neste libro colectáneo no que a miúdo atopamos tamén unha reflexión sobre a propia poesía.
Estamos por tanto diante dun volume de grandes dimensións que se presenta como un ancoradoiro na viaxe poética iniciada polo escritor a mediados da década dos oitenta e que se estende por unha etapa tan crucial na historia da poesía galega moderna como son os últimos vinte anos.
É “Ancoradoiro” unha obra (por fortuna in-completa) para a que xa agarda un espazo na sección de poesía da biblioteca dos nosos tempos. Velaí, probabelmente, a súa máis importante razón de ser.