Logo de varias décadas de navegación, fondeo hoxe Con toda
a miña frota no ancoradoiro do principal asteleiro poético do país,
a factoría naval que goberna con singular entrega e acerto Miguel
Anxo Fernán-Vello. Do seu porto zarpan desde hai doce anos os
mellores enxeños oceánicos de Galiza, considerados entre os máis
seguros de Europa.
Con esta garantía de navegabilidade, ancoro no peirao de
Espiral Maior, símbolo marítimo dunha onda creativa sempre
recomezada, para reparar as rotas da miña memoria, calafatear
cubertas, asentar o armazón e facer balance de ventos e rumbos.
Na actual arribada dispóñome a unha nova singradura, a
reunión dos meus libros de poesía publicados até hoxe. Os
traballos de reparación consistiron sobre todo en soltar o lastre
dalgúns versos innecesarios e unificar criterios gráficos, labor
para o que contei coa axuda do poeta Xavier Vásquez Freire, a
quen agradezo a colaboración e felicito pola agudeza do seu ollo
clínico. [nota do autor]