A defensa que os galeguistas fixeron do idioma en instancias internacionais en 1954 presentando unha denuncia pola persecución á que era sometida a lingua galega é o episodio histórico que documenta este libro. O feito ten unha importancia crucial na nosa historia e o libro, como recoñece na súa recensión Gustavo Hervella, realiza unha posta ao día no tema e aporta unha documentación destacábel para a investigación sobre a historia cultural do país.
29 / 12 / 2003
Gustavo Hervella. Santiago
O profesor Xesús Alonso Montero realiza neste libro un achegamento aos acontecementos acaecidos en Montevideo en 1954 con ocasión da reunión da UNESCO, feitos que se centran nunha encomiábel defensa da lingua galega.
Baixo o epígrafe de "Batalla de Montevideo. Denuncia diante a UNESCO da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol" apreciamos un intento desesperado por parte dos antifranquistas galegos de erguer e rescatar o seu idioma do ostracismo ao que era sometido por parte das autoridades da Ditadura de Franco.
A obra está dividida en dúas partes. A primeira comeza cun prólogo, continuado por unha introdución, e logo sete capítulos onde se van explicando as diferentes ideas que a Denuncia contén. A segunda presenta a reprodución de documentos utilizados para realizar o estudo por parte do autor, así como unha exhaustiva bibliografía onde amosa as fontes inéditas ou xa publicadas.
No comezo do libro o autor define os acontecementos en cuestión como a Batalla de Montevideo, retrotraendo as causas a 1950, "ano clave na historia da recuperación do idioma galego" (p. 13). Aquí daría comezo o proceso que levou a Rodolfo Prada e Ramón Piñeiro en 1954 a petar nas portas da UNESCO coa Denuncia. Alonso Montero desglosa os ataques que o galego sufría por parte da Ditadura, e neste aspecto fai un especial fincapé en Juan Aparicio, Director Xeral de Prensa, do que, entre outras clasificacións defíneo como "fascista que sabe que ten o monopolio das palabras" (p. 14), dedicándolle o capítulo V.
No primeiro capítulo descubrimos, de novo, a importancia de Ramón Piñeiro para a cultura galega. A denuncia, aínda que asinada polas principais institucións galegas de Arxentina coa excepción da FSG, é redactada en Galicia. É un dato significativo a ausencia da Federación, que o autor salva cunha breve explicación referente ás loitas internas do exilio galego, pasando amabelmente polo enfrontamento dos galeguistas do interior e o Consello de Galicia.
Xunto ao lugués, en Bos Aires destaca a figura de Rodolfo Prada, un deses persoeiros que pasaron desapercibidos para a historia, mais que a súa importancia é capital para Galicia.
O segundo capítulo comeza coa entrada de España na UNESCO en 1952 e a ausencia de críticas por parte do galeguismo —non así do catalanismo con Pau Casals–. Neste apartado son moi interesantes as reproducións epistolares que se fan de Rodolfo Prada, Francisco Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro. Mención especial merece a actitude de Manuel Fraga, emisario do goberno franquista na reunión, ante a Denuncia (p. 35-37).
Seguidamente Alonso Montero xustifica a necesidade do documento pola persecución que o galego sufría ante a ditadura. A base na que se asenta foi a inexistencia dunha lexislación sobre a que argumentar a defensa ou a persecución do galego xa que todo dependía da figura política do momento. Así, os agravios ao idioma son expostos en sete puntos. Transcribe cada un deles e a continuación vainos contextualizando na realidade española, ao tempo que explica os termos en que están redactados. Neste apartado o autor analiza o escrito, aínda que xustificando a necesidade da misiva, máis que achegándonos criticamente a ela.
O que si nos parece destacado para a investigación sobre a historia cultural do país é a segunda parte da obra, dedicada á bibliografía e ás fontes empregadas na investigación. Tamén se reproducen algúns artigos xornalísticos así como a correspondencia entre a Galicia Interior e a Exterior.
Botamos en falta a análise das consecuencias que a publicitación da Denuncia tivo desde o punto de vista político e social en Galicia . Cómo tomaron as autoridades o feito de que os galeguistas chegasen a unha instancia como a UNESCO, e de que xeito se percibiu isto no Estado e no país. O estudo, aparte de amosar a necesidade da Denuncia, tíñase que deter na loita que os denunciantes levaron a cabo para poderlla amosar ao mundo, é, sobre todo, nas consecuencias, si as houbo, do feito. Ao carecer deste apartado, o estudo sobre a Denuncia amósaa como un movemento de tantos outros que realizou a oposición ao réxime e que non significaron un problema destacado para as autoridades. Por tanto, non sería máis que un novo mito, aos que o autor parece darlle moita importancia, véxase o capítulo II cando se refire aos comunistas como principais loitadores antifranquistas, ou o que fai referencia ao plebiscito do Estatuto de xuño de 1936.