Con este libro volve á narrativa adulta Darío Xohán Cabana sete anos despois de “Morte de Rei”(Xerais, 1996). Ana Salgado comenta o libro do chairego e a súa tarefa literaria da construción dunha mitoloxía histórica e ideolóxica a través da narración. Cabana amosa nestes nove relatos o mapa do seu universo de mitos.
12 / 12 / 2003
Ana Salgado. Santiago
Retorna Darío Xohán Cabana á narrativa adulta sete anos despois de “Morte de Rei”(Xerais, 1996), cando os seus lectores fieis agardaban quizais outro anaco de (re)visión da nosa historia, cuestión que a obra sobre don García conseguira colocar nunha certa polémica actualidade.
Este “Mitos e memorias” sitúase dalgunha maneira nese horizonte de expectativas malia que, quizais por tratarse dun libro de contos, a reflexión implícita sobre os marcos entre a historia e a ficción queda, dalgunha maneira, máis diluída na ampla dispersión temática que os nove relatos conteñen, indo desde o Medulio ata o existencialismo de Kafka sen moito aviso intermedio.
E neste abano de motivos temáticos temos unha viaxe fundacional que poderiamos situar no mundo celta en “A illa”, o xa citado episodio do Monte Medulio en “Cerco de ferro” e unha recreación do momento histórico de Prisciliano en “Martiño en Lubredón”, contado desde a voz e a perspectiva de Martiño de Dumio, un dos relatos máis suxestivos e fermosos do libro, así como máis unha demostración de que Cabana ten a lingua por súa.
Atopamos a seguir “Anos de aprendizaxe”, con certos motivos debedores tanxencialmente da picaresca e da novela de iniciación, neste caso relato de iniciación antiburgués que nos presenta a Terra de Nós, que resulta por veces atemporal e fai que nos movamos entre o medievo e, quizais, un mundo futuro en reconstrución, semellante ao de O cervo na torre.
“O rescate” ten, temática e esteticamente, moito de Tagen Ata pero tamén de Bretaña, Esmeraldina, motivos de política-ficción á fin, tamén presentes en “A prisión”, máis na liña dun existencialismo kafkiano que paira tamén sobre “A ruína”; isto lévanos a pensar nunha certa unidade dos tres relatos, en que a atmosfera opresiva nos vai atafegando máis segundo avanzamos na lectura e en que vemos tematizados motivos sociopolíticos que poden constituír, nalgunha medida, unha alegoría nacional, Jameson mediante.
E voltamos ao mundo medieval nos relatos titulados “Retorno a Saor” e “O caldeiro”. Neles entendemos que se pode ver máis claramente a síntese entre as liñas histórico-épica e de ficción política que a obra contén.
Encaixan os relatos de Mitos e memorias, ao xeito de pezas dun crebacabezas, no universo macrotextual deste autor, máis tamén no do seu grupo de acción cívica, no universo ético e ficcional do colectivo en que Cabana se insire, no “macrotexto escarlata”. Algo quizais máis evidente en “Retorno a Saor” e máis implícito, por exemplo, en “Martiño en Lubredón”, que poderiamos colocar á par de Morte de Rei.
E no momento de situarmos este autor no campo literario percibimos unha certa tendencia ao reducionismo na visión da súa obra, ao situalo como clásico da narrativa contemporánea e, asemade, autor centrado na idade media, debedor de Cunqueiro e admirador do mundo artúrico, por entendermos que esta visión parcial esquece nalgunha medida, e incluso desactiva, algunha das claves ideolóxicas implícitas e explícitas do seu universo narrativo así como a profunda reflexión sobre o papel da historia, da ficción, e verbo do dereito -mesmo obriga- que as culturas minorizadas teñen de construíren estes discursos por si mesmas, botando man lexitimamente de mitos, memorias, lendas, feitos, “relatos” -micro ou macro- que, á fin e ao cabo, conforman a historia de todas as nacións do mundo que tiveron a posibilidade de escribírena. E é que sabemos, desde antes de "Cien años de soledad", que un pobo que esquece a súa historia non ten unha segunda oportunidade sobre a terra.