Unha novela politicamente incorrecta cargada de transgresión e experimentación sobre a propia feitura da literatura, o sexo, a fenda entre rural e urbano. Todas as teimas de Borrazás que el aborda con singular valentía nesta obra sen pretender contestar á pregunta coa que titula, segundo Ana Salgado recoñece na súa crítica.
20 / 9 / 2004
Ana Salgado. SantiagoÉ “Ser ou non” unha novela que relata a súa propia creación, unha volta máis no xogo metaficcional que é teima constante do autor desde o seu primeiro libro. Hai nela, xa que logo, moito da obra inmediatamente anterior, “Pensamentos impuros” (2002), mais tamén de “Criminal” (1994), de “Eu é” (1996) ou de “O desintegrista” (1999): fragmentarismo, feitura posmoderna na historia e no discurso, vontade experimental.
Dous planos ficcionaisSeguimos así mesmo tendo dous planos ficcionais intercalados con desigual fortuna.
No primeiro un escritor recentemente premiado cóntanos do seu retiro a unha aldea abandonada dos Ancares, onde asistimos á que podería ser unha das historias máis novas e ousadas da narrativa última, a súa relación sexual e amorosa cunha anciá, inesperada e fantasmal habitante dese lugar, que fai abanear parte do seu mundo anterior:
-Ti non deberías estar só, neno –espetoume–, non me estraña que inventes libros. (p.117).
No segundo plano atopamos as reflexións do xurado dun certame literario no proceso de escolla dunha obra gañadora, a novela que o devandito autor escribiu e que nós estamos lendo; superposición logo de planos metaficcionais até un nivel maior de complexidade. E nel está presente tanta reflexión literaria e tanta crítica e pseudocrítica explícita do outro plano da propia obra, e implicitamente tanta crítica, desmitificación, e mesmo mofa do sistema literario en xeral, e dos premios e do labor da crítica en particular, que a tendencia ao enmudecemento vese multiplicada:
Falouse (...) de “mundos máxicos e paralelos, dunha linguaxe enraizada na terra, de estrutura poliédrica, de ruptura das barreiras entre ficción e realidade cunha estética persoal que superaba a vacuidade das hibridacións posmodernas”. Eu non o entendía e por se acaso calaba.(p.25).
No entanto, é este o plano ao que lle vemos máis fisuras ao beirear, por veces, no afán transgresor, o debuxo duns personaxes e diálogos caricaturizados en exceso e consecuentemente menos verosímiles.
A vontade de experimentación e de transgresión quizais sexa o fío que una os dous planos. Polo medio motivos presentes desde sempre na obra de Borrazás: a reflexión sobre a literatura, o sexo, as fendas entre a vida no ámbito rural e no urbano, o cuestionamento da ficción, teñen aquí unha materialización nova.
Unha novela valente
Transgresión? Diriamos máis ben valentía. “Ser ou non” non vai ser lectura nos centros de ensino, pero entretecida co escatolóxico, co pornográfico, co miserabilista ou con escenas de sexo “pouco convencional” está a vida dunha muller de setenta e catro anos, Aurora, unha historia terríbel e fermosa.
Situamos daquela a Xurxo Borrazás a carón doutras voces que optaron nalgunha medida polas marxes e pola experimentación, sexa esta hogano o que for. Pensamos en Fran Alonso, nalgúns autores que proveñen da denominada “literatura bravú” ou en Cid Cabido.
É “Ser ou non” unha novela que nos achega a historia dun freak “vitalista de vida cinsenta”, obra máis descrida ca irónica, máis contundente ca lúdica, tanto que ao final devén nihilista.