Puntuación: 2.3/5 (55 votos)
Editorial Galaxia incorpora ao seu catálogo a Xurxo Borrazás, un dos narradores máis interesantes dos xurdidos en Galicia durante a última década do século XX. Despois de catro anos, o escritor volve á novela con "Ser ou non", unha historia na que se cuestionan os límites entre ficción e realidade.
Escrita cunha prosa directa que se le coa facilidade coa que se ve unha película, "Ser ou non" é unha novela que relata a historia da súa propia creación. O protagonista é un escritor que nos conta a historia da súa relación amorosa cunha anciá que é o derradeiro habitante dunha aldea da montaña luguesa. Esa mesma é a historia da novela sobre a que, simultaneamente, están a deliberar os membros do xurado dun importante premio literario.
Xurxo Borrazás sorprende ao abordar de maneira explícita unha narración na que o sexo ten un lugar central sen que por iso desprace en ningún momento temas coma a contraposición entre cultura urbana e rural, o cuestionamento das ideas convencionais, a precepción da realidade como creación ou o papel que a literatura, e con ela a necesidade de finxir, xoga na intensificación de emocións coma o amor.
[Presentación editorial]