O premio Vicente Risco de Ciencias Sociais recaeu este ano nesta obra que retrata e reconstrúe a civilización rural a partir dun estudo sobre unha aldea, A Ulfe (Chantada), lugar de orixe da socióloga e catedrática Julia Varela Fernández. O estudo feito a partir dun proceso de conversas e entrevistas retrata un anaco de sociedade viva, cambiante, innovadora que só semella parada, inmóbil para o ollo alleo que manexa tópicos das sociedades rurais como entes fora do tempo, fronte a mobilidade e “progreso” dos habitantes das urbes. Segundo Juan Luis Pintos este libro esnaquiza eses tópicos.
4 / 10 / 2004
Juan Luís Pintos.Santiago
¡Por fin un galego asentado en Madrid que deixa falar ós galegos! Neste caso unha galega, a socióloga e permanente editora e difusora de textos esquecidos ou marxinais, Julia Varela.
Porque no extenso panorama de estudios sobre Galicia moitos dos antropólogos ou sociólogos que investigaron sobre a nosa terra e as nosas xentes escribían ou falaban “en nome de”. Eles escoitaban (ou gravaban) o que falaban outros e despois facían a súas interpretacións particulares desde a distancia, “obxectivamente”, e citando frases en galego (que ficaba moi exótico). No libro que comentamos o conto é distinto.
Julia Varela naceu na Ulfe, preto de Chantada. Vive en Madrid desde hai moitos anos, mais non esqueceu Galicia nin a reconstruíu ó seu xeito na distancia. Senón que desde hai algúns anos veu falar coa súa xente e deixou que a xente falara. O resultado está neste libro.
Camiñando polas conversas
Unha investigación rigorosa, unha pescuda respectuosa na que a orixe, a posición, a experiencia e a vida da que investiga está en xogo. Porque o que está a facer é a reconstrución da vida dunha realidade chamada “comunidade rural”. E como a vida é tempo, quen fala fica no tempo. É dicir, os que contan a súa vida son xente pertencente a diversas xeracións, seis homes e seis mulleres que exercen a memoria sobre a súa comunidade, o que pasou, o que lles pasou a eles, ós veciños, os parentes, ós outros (como propios). E así van camiñando polas conversas cal nova “Santa Compaña” (esta vez “sociolóxica”), os traballos e os días, as noites de contos e lendas ó carón da lareira, os xogos, a “Escuela”, a “maestra”, os medos e as ledicias, as viaxes e os retornos, os proxectos, os fracasos, os éxitos.
En catro densos, e curiosamente non moi repetitivos, capítulos observamos dun xeito recorrente un anaco de sociedade viva, cambiante, innovadora que só semella parada, inmóbil para o ollo alleo, aquel que sempre mirou do mesmo xeito ós labregos, os campesiños. Este é un dos tópicos que este libro esnaquiza: as sociedades rurais como entes fora do tempo, fronte a mobilidade e “progreso” dos habitantes das urbes. No primeiro capítulo, titulado “Tempos de autarquía” (pp. 25-100), asistimos ás lembranzas dos mas vellos vencelladas máis de preto ós tempos do primeiro franquismo, mais sen ficar nel. Sempre están presentes as historias de como foran saíndo daquela época na que “Traballabamos tanto que non sei como estamos vivos” (p. 93). No segundo capitulo abórdase baixo o título “Cobra forza a emigración”(pp.101-166) os anos ou decenios de saída da Ulfe cara ó estranxeiro, nestes casos, cara a Venezuela. Os temas da modernización son os máis relevantes da terceira parte (“Chega a «modernización»”, pp. 167-218), que se completa coa última titulada “Adeus ó mundo rural!” (pp. 219-258).
Criterios e reflexións
O volume completase cun “Prólogo” (pp. 11-22) e unhas “Reflexións finais” (pp. 259-293) da autora e cunha nota sobre os criterios (lingüísticos) de transcrición dos textos. Temos que loar especificamente eses criterios xa que logo a súa aplicación ten como efecto manter a viveza e “incorrección” da lingua falada; os relatos manteñen usos frecuentes nos falantes concretos, como p.e. “ue” en vez de “o” (“escuela”, “abuelos”, etc.).
A sinalada vontade de “deixar falar” ós suxeitos das súas historias completase coas anteditas reflexións finais. Na expectativa deste lector estas consideracións lle souberon a pouco. Se ben o escrito está ben observado sinto que hai moitas outras posibles observacións “de segunda orde” que se poderían facer para ter unha descrición máis completa dun anaco de sociedade que non pode ser descrita como “atrasada” desde a dominante perspectiva “progresista”. Julia Varela proporciona uns materiais marabillosos para poder establecer unha visión moito máis complexa do pasado e o presente da plural “realidade galega”. É una tarefa para desenvolver máis adiante.