O libro de Olga Novo, referente na poesía feminina actual, é unha obra agardada que permite coñecer unha parte importante das creacións da autora e facer un seguimento da súa evolución. María Xesús Nogueira destaca a orixinalidade e a forza da voz desta escritora non demasiado prolífica nas súas publicacións.
2 / 8 / 2004
María Xesús Nogueira. LugoO lugar que ocupa a poesía de Olga Novo (Vilarmao, 1975) no panorama poético actual e a súa condición de referente da poesía máis recente de autoría feminina, así como a presenza nas principais antoloxías do período, contrasta co ritmo de publicación dos seus libros e, sobre todo, co seu soporte. A teta sobre o sol (1996), primeiro poemario da escritora, publicouse por vez primeira co formato de carpeta artesanal, nas desaparecidas Edicións do Dragón. Convertido axiña nunha peza imposíbel de conseguir, o libro tivo unha segunda edición (1999) máis convencional na editora (de espírito e modo de produción cooperativistas) Letras de Cal. A segunda obra, Nós nus (1997) foi editada, non obstante, nunha colección de prestixio como Ablativo Absoluto.
Ata a publicación deste novo volume, a poesía da autora viu a luz en revistas e publicacións colectivas (Dorna, Clave Orión, Unión Libre, etc.), coa excepción do cartafol Magnalia, en colaboración con Juan Abelaira. Abondo tempo transcorreu entre os dous libros mencionados e A cousa vermella como para que xurdise arredor deste último unha expectativa da que gozan os libros agardados.
A circunstancia á que acabo de aludir explica tamén, en certa medida, a estrutura acumulativa da nova obra que reúne textos aparecidos en publicacións diversas xunto con outros de nova creación. Por outro lado, o libro amosa algún dos trazos máis celebrados da poesía de Olga Novo, como o particular tratamento do erotismo feminino, o orixinal imaxinario ou a vontade de deconstrución de lugares comúns.
Articulado en sete seccións, o libro comeza cunha declaración na que a voz poética proclama, xa no título (“Antes a vida”), unha afirmación vitalista que contrapón á tradición escrita: “e como todo foi dito xa / Antes a vida”.
A esta serie segue “Amar é unha india”, que vira a luz na revista Unión libre. Trátase dun conxunto de textos nos que o erotismo aparece vinculado a conceptos como o primitivismo, o indixenismo ou o tribalismo: “Antes da pel hai un entrechocar de pedras / ácrata / coma unha devesa / unha india a punto de convertirse en montaña remota”.
A temática máis circunstancial, a marea negra de infindas evocacións, combínase coa memoria dunha infancia rural en “Marea negra marea branca”. O mesmo que outras compañeiras de promoción (Isolda Santiago ou Lupe Gómez), Olga Novo reivindica a aprendizaxe aldeá dos seus primeiros anos: “¿era eu unha marea ou unha aira?”: “de meniña a escuma era comer papas de millo a diario”.
A orixe e a infancia ocupan un lugar central en “Vilarmao”, sección extensa na que a voz lírica recupera vivencias e recordos: a imaxe do pai (“por ti aprendín a turrar por un poema com por un becerro / cando se lle ven as patas”), a nai, a tía Lola, que “pela patacas e patacas para os meus versos”, o emigrante que regresa co seu fracaso (“Tango para Antonio Novo do Casar”), etc. A aprendizaxe e o coñecemento do mundo fúndese a miúdo coa apropiación da linguaxe literaria:
Se un poema anda ó boi
cánto tempo tardará en xestar un xato rubio do país.
Hai que sabelo.
“Vilarmao” semella un conxunto de textos necesarios; un poemario latente na obra dunha autora que afirma levar “toda unha aldea contra as cordas vocais / para este canto”.
A vontade de reescribir tópicos e subverter hábitos culturais semella obvia na sección “A corazoa clama”, na que predomina a temática erótica, o mesmo que no derradeiro dos capítulos, formado por un poema extenso que dá título ao poemario.
Á parte dos mencionados, o libro de Olga Novo explora aínda outros camiños, como é o caso da poesía de raíz cósmica reunida na sección “Magnalia”, que remata cunha nova reivindicación do indixenismo:
Indio
sentada sobre ti
realizo a transfusión dos vivos e dos mortos de Galicia ás súas viúvas
sentada sobre ti coloco as pernas en forma de cartografía atlántica
así sei que me torno cobriza cubríndote e na miña lingua era o éter
un Indio Indio Indio
Indio Indio
Indio.
A cousa vermella é un libro agardado que, alén de ofrecer unha oportunidade para coñecer unha parte importante da obra de Olga Novo, permite ao lector iniciado facer un seguimento atento da súa evolución nos últimos anos e confirmar aquelas intuicións primeiras (lémbrese a escasísima difusión da edición artesá de A teta sobre o sol) que salientaron a orixinalidade e a forza da súa voz. Alén disto, o lector ou lectora poderá gozar de imaxes surreais, tópicos esgazados, estampas que posúen unha ferocidade ancestral. En definitiva, dun conxunto de pezas nas que cada palabra di, ao tempo que suxire a simboloxía que encerra.