A revisión dos contos clásicos e dos valores e imaxes dos que son transmisores é unha necesidade para o seu mantemento na actualidade como ferramentas educativas, de iniciación á literatura e provocadores da imaxinación. Carmen Blanco reconstrúe as historias efectuando unha ruptura co punto de vista masculino estándar das narracións para nenos como innovación fundamental. Novos contos totalmente afastados dos contidos misóxinos, reaccionarios e pouco liberadores das versións primitivas que os provocaron.
18 / 10 / 2004
Andrea Álvarez Pino.SantiagoAs Penélopes están a esquecer cómo tecen os fíos daquel estereotipado “eterno feminino”. E fano porque lles apetece. Porque queren. Para querérense. “Carapucha vermella”, “Peter Pan”, “As mil e unha noites”, “Brancaneves” e tantos outros contos tradicionais infantís agochan tamén unha definición da muller mitolóxica –case que arqueolóxica- da que nais e fillas comezamos a estar fartas. En “Vermella con lobos”, Carmen Blanco (Lugo, 1954) desdebuxa as fronteiras estruturais e de sentido, e ofrécenos dez reconstrucións absolutamente libres e feministas do concepto de conto como “verdade viva de ficción” que restitúe á muller e á súa vivencia da realidade como eixo do proceso de transmisión da experiencia en tódalas culturas.
O libro presenta un conxunto de homenaxes e repudios cuxo común denominador é a voz e a mirada da muller. A ruptura co punto de vista masculino estándar das narracións para nenos é a innovación fundamental. Morganas, Lupas, Alicias e Scherezades, vencelladas todas ao mundo galaico, fan uso dunha linguaxe e dunha imaxinación liberadoras de contidos alleos á súa sensibilidade. Son mulleres que falan da historia das mulleres.
Por iso elas berran “amo mais non teño amo”. Esta podería ser a máxima que resuma os contidos dos relatos da autora, que explora as distintas manifestacións do amor, mais do amor indómito, insubmiso, libre. O conto de fadas dilúese nunha rede de mundos posíbeis que flúen de voces de mulleres que aman intensamente a vida, a vida cotiá, a de tódolos días. A ficción trasládanos a unha forma de comunicación directa entre mulleres que converte ao conto en referente lonxano, mesmo insignificante, para permitirnos a concreción da ficción na realidade. E trátase dunha realidade que por si mesma é denuncia do poder patriarcal e do silencio machista. De aí as preguntas:
"Por qué o conto non contaba os soños da bela dormente e dos cabalos e dos cans durante o seu longo sono de cen anos. E quen podería contar os soños e os pensamentos das mulleres ensimesmadas que no mundo houbo. Cántos mundos se cadra perdidos para sempre..."
Carmen Blanco edita en Xerais dez contos novos totalmente despoxados dos contidos misóxinos e reaccionarios das versións primitivas que os provocaron. A autora reafirmase unha vez máis na súa loita fronte á opresión da muller, desta volta reinventando contos de fadas tan reais como os deu a vida.