Nun formato deliberadamente distinto e provocador preséntanse este produto poético con dous opúsculos no interior dunha bolsa de mareo de avión. A obra colectiva da Corporación Semiótica Galega ten escasa difusión pero a súa proposta vangardista e rompedora non deixa de ser interesante no panorama poético actual. Para a corporación é fundamental o carácter lúdico da creación poética. Para isto válense de signos diversos e de códigos propios da poesía visual.
21 / 2 / 2005
Mª Xesús Nogueira. Lugo Desconcertante e talvez un tanto provocador pode resultar, para quen se achegue aos andeis das librarías, o último produto presentado pola Corporación Semiótica Galega. O propio formato afástase deliberadamente do concepto de libro, pois trátase de dous opúsculos (un caderno e un álbum de pequeno formato) metidos dentro dunha bolsa de mareo da compañía aérea Futura. No título de semellante mercadoría atópase a primeira intervención da man (colectiva) do artista, que corrixe o logotipo da mencionada empresa para titular o conxunto “Futuro”. Non figura porén na bolsa ningunha indicación acerca da autoría, de xeito que é preciso abrila para saber que é a Corporación Semiótica a responsábel dun artefacto poético que, de igual maneira que moitas manifestacións da arte contemporánea, recicla un material escasamente predicíbel polo receptor.
Algúns afeccionados á poesía quizais lembren propostas anteriores deste colectivo: recitais, fanzines, así como poesía visual e mail art. Trátase en todos os casos de formas de expresión ás que o lector común non está demasiado afeito, tanto pola falta de propostas no escenario galego como pola súa escasa difusión. As manifestacións de inspiración vangardista semellaron quedar un tanto ensombrecidas por outras correntes, malia contarmos, na historia recente, da poesía galega con precedentes senlleiros coma as creacións dos colectivos Grupo de Comunicación Poética Rompente e, máis tarde Ronseltz, alén doutras formas de poesía gráfica asinadas por Uxío Novoneyra, Luz Pozo, Antón Risco, Claudio Rodríguez Fer, Carlos Solla, etc.
Variedade nos signos
No interior da bolsa “Futuro” atopamos dúas obras de pequeno formato cuxa diferenza radica fundamentalmente na natureza dos signos empregados, sexan estes lingüísticos ou non. En ambos os dous casos, trátase de edicións numeradas.
“coma os barcos cando atracan” é un opúsculo que entronca coa tradición da experimentación gráfica que, xunto co humor e a ironía, constitúen os ingredientes fundamentais da fórmula. As composicións botan man tamén de recursos como o equívoco, a amalgama e o neoloxismo, que procuran a implicación dun lector en aparencia distante ao que se lle tenden cebos para gañar a súa complicidade, talvez porque
A indiferencia
é un arma
de dobre fío.
Outras veces estamos diante de verdadeiros caligramas, como acontece no “qwerty para Anxo Pastor”, “os homes chovendo en ringleira van”ou “qwerty para Begoña Miguéns”, onde a reiteración da secuencia “uuuuU” trae á memoria o mítico “U... ju ju... (Poema futurista)”, publicado por Vicente Risco en A Nosa Terra no ano 1920.
Mais en “coma os barcos cando atracan” resulta visíbel tamén unha vontade de intervención na realidade extraliteraria que entronca coas actitudes máis iconoclastas e provocadoras de Rompente e Ronseltz, manifestada na tematización de contidos sociais, coma o militarismo, o sistema educativo ou a globalización.
O álbum “poesía experimental” insírese, como se dixo, na poesía visual e presenta unha colección de signos, iconas e deseños agrupados tematicamente en seccións: “ZOOFILIA” (composicións humanas e animais a partir de signos gráficos), “PSINAISTOOLS” (signos, sinais e ferramentas), “MONOLOGO” (cunha mínima presenza verbal, e talvez a parte máis mordaz, debido ás súas alusións ao militarismo, a violencia e a relixión).
A manipulación de figuras e signos cotiás provocan asociacións por veces insólitas que ocasionan unha reacción que vai do riso cómplice á denuncia contundente.
Deliberadamente marxinal
Estamos, polo tanto, diante dun produto fóra do común nos nosos catálogos de novidades, deliberadamente marxinal (lémbrese o envoltorio), e cuxas características hano facer pasar un tanto desapercibido, cando non rexeitado polos lectores máis puristas.
Experiencias coma esta indican porén a riqueza de matices do panorama poético contemporáneo e que os fachos acendidos hai case un século seguen aínda irradiando un verme de luz nos espíritos estéticos máis libertarios.
Serán os vómitos sígnicos e poéticos da Corporación Semiótica Galega un produto deseñado para iconoclastas e nostálxicos? Será que a indiferenza é verdadeiramente un arma de dobre fío?