Unha novela de ciencia ficción rica e sorprendente para lectores e lectoras que gocen coa intriga e o medo. En "A era de Lázaro", segunda incursión de Paula Carballeira na novelística xuvenil, o argumento xira arredor do tema da resurrección dun morto e da cadea de consecuencias dese feito.
8 / 11 / 2004
Isabel Soto.SantiagoA colección “Costa Oeste”, renovada en 2004 grazas ao deseño gráfico de Fausto Isorna, acolle a segunda incursión de Paula Carballeira na novelística xuvenil. En “A era de Lázaro”, os elementos paratextuais funcionan de preludio anunciador da temática da novela, de xeito que tanto a composición da cuberta coma o suxestivo título, que remite inexorablemente ao personaxe bíblico, presentan o binomio morte/resurrección arredor do cal se constrúe o texto. A cita inicial incorpora de xeito manifesto o discurso relixioso, retomando o momento no que, segundo o evanxelista Xoán, Xesús pronuncia con forte voz a orde que devolve a vida a Lázaro. Curiosamente é unha escena practicamente similar á representada páxinas despois por Noelia Samesugo botando man do Libro dos Mortos de tradición islandesa, que vén confluír, case por contraste e ao final do relato, cun rito local asociado aos ciclos da natureza que celebra o comezo dunha nova vida cada 31 de decembro.
Se ben o tema da resurrección ten dado lugar a unha infinita serie de lendas de diferentes procedencias e non é inhabitual no xénero da aventura de liña fantástica, non resulta nada frecuente a súa conversión en cerne do argumento. Neste caso, instálase no centro do discurso un personaxe que pasea ese seu “corpo animado” polo mundo dos vivos, por mor da vontade da súa viúva e da súa fascinación por antigas teorías e ritos. O empeño de Noelia en rescatar a Lois das gadoupas dunha morte accidental, case ridícula, ocasiona sen ela o querer, a chegada dunha nova era que ameaza a pervivencia do mundo que coñece. O arelado contacto co morto resucitado non produce resultado ningún xa que non responde á lóxica dos vivos e acaba converténdose nunha cadea de mortes que estende a desorde, o pánico, e unha sucesión de alteracións espazo-temporais naqueles que reciben a súa visita, precedida sempre dun intenso “cheiro a frescuriña dos camiños da noite” e dun frío intenso, leitmotiv do relato. Por riba planea a presenza da enigmática Empresa, un ente de poder perfectamente organizado cuxos tentáculos poden atoparse por todas partes, sen límites nin fronteiras xeográficas, vixía dunha sociedade onde o individuo sofre o control dos seus comportamentos e ao que se lle ofrecen un conxunto de pautas a seguir para acadar a felicidade, utilizando todo tipo de recursos publicitarios e estratexias que garanten o anonimato na solución de calquera tipo de problema. E dentro da Empresa, Alexandre Noval, o encargado de poñer fin ao problema de Noelia, que se vai implicando nos acontecementos ata perder definitivamente o control e renunciar aos procementos que ata daquela non se parara a cuestionar.
Interesante tamén a intelixente construción do relato, baseada na sucesión de diferentes modalidades discursivas (cartas, correos electrónicos, notas de prensa, entrevistas, informes, circulares...), que permiten a polifonía de voces e rexistros e un continuo cambio de perspectiva que propicia a suma de “realidades”, que require en todo momento da participación do lectorado na reconstrución das dislocacións temporais e espaciais e lle esixen un pronunciamento final, unha vez destruídos os lindeiros da ficción e dando entrada á perplexidade e a dúbida. Véxase no remate o cuestionamento de todo o relatado, sometendo ao personaxe condutor da trama, Alexandre Doval, a un interrogatorio que o transforma de manipulado en manipulador/escritor dun absurdo e tolo delirio e que converte a Empresa en triunfadora no seu control da sociedade. En definitiva, unha novela rica e sorprendente para lectores e lectoras que gocen coa intriga e o medo.