Premio Manuel Murguía no ano 2003,este é un traballo de investigación histórica desenvolvido a partir da correspondencia mantida ao longo de cincuenta anos polos membros dunha familia emigrada en América. Detrás de cada emigrante hai unha historia diferente e plural, xa que non só está a súa vida, senón que tamén está a que deixan na terra de partida.
25 / 4 / 2005
Gustavo Hervella. SantiagoDurante séculos o xénero epistolar foi o medio de comunicación persoal máis estendido e case único entre as persoas. As cartas foron testemuñas protagonistas de amores, encontros, guerras e amizades. Incluso as leis protexían especificamente a correspondencia escrita como un máis dos dereitos da persoa. Hoxe en día, coas novas tecnoloxías, isto semella esquecido; un sistema arcaico de comunicación.
Non obstante, como demostran Núñez Seixas e SouteloVázquez neste traballo, o seu estudo revélanos moitos aconteceres do día a día, neste caso, dos emigrantes. En “As cartas do destino” podemos observar dun xeito privilexiado como era unha aldea galega de comezos de século, por que se producía a emigración masiva dunhas xentes que non atopaban no seu lar o modo de vida por eles desexado ou como puideron influír as remesas monetarias transoceánicas na economía da familia Naveiras. E todo, non desde o punto de vista frío dos números e datos científicos de institucións como o INE ou o propio libro de ausentes de San Sadurniño –concello do que son orixinarios os irmáns Naveiras, protagonistas do relato-, senón que nos achegamos a través dos ollos e dos recordos reflectidos en anacos de papel que ata nós chegaron.
Aínda así, os autores analizan estas cartas desde o maior rigor científico, sen caer en sentimentalismos e, por suposto, contextualizando os acontecementos que os irmáns Naveiras relatan nelas.
Escenografía das situacións
O libro, merecente do premio Manuel Murguía de ensaio 2002, está dividido en tres capítulos e catro anexos. Na primeira parte explícasenos a metodoloxía de traballo a seguir cun epistolario, e como as análises microsociais poden servirnos para entender procesos maiores, do local ó xeral sen perder rigor científico. Para iso, Núñez Seixas e Soutelo Vázquez non se apoian só en bibliografía específica deste tema, senón que botan man de estudos migratorios que saíron á luz noutras historiografías peninsulares e europeas. Así, pódese establecer unha acertada comparación con italianos ou portugueses, amén de galegos –lembremos o traballo de recompilación epistolar de Raúl Soutelo “De América para a cas”a, publicado hai uns anos polo Consello da Cultura Galega-. O que se nos presenta co capítulo II é o escenario onde se desenvolven os acontecementos; é dicir, o San Sadurniño e a comarca de Ferrolterra de 1919-1971, anos extremos desta colección epistolar. A crise agrícola de fins do século XIX, as vivencias persoais da familia Naveiras e as achegas dos emigrantes para levar a cabo actividades educativas como a construción de escolas (p. 66). Estásenos a retratar unha zona concreta de Galicia, pero que se pode extrapolar a moitas outras, combinando nunha perfecta simbiose os datos “oficiais” que outros ensaios aportan sobre a bisbarra cos “oficiosos” que nos achegan as lembranzas desta familia.
No terceiro capítulo comeza o epistolario, a relación de cartas que se conservan e das que os autores puideron botar man. Un traballo de clasificación, transcrición e ordenación ambicioso que nos facilita ós lectores a comprensión do fenómeno. Un cadro explicativo axúdanos a comprender por unha parte o bo facer dos recompiladores e por outra o significado que estes documentos tiveron para a familia que quedara en Galicia (p. 74). Como ben nos lembra María Naveiras “Dábame moito gusto conocelos; pero nunca viñeron e nunca os coñecín. A Emilio coñecino cando veu praquí, a Eduardo nunca o vin” (p. 194); a única relación entre eles foron estas cartas.
A lectura é moi amena porque non se trata dunha mera reprodución de cada unha das cartas, vanse intercalando comentarios que contextualizan as historias das que escriben os irmáns. É este un xeito de achegarse ó devir da aldea moi sutil e agradable, porque non só apreciamos o dato e o relato historiográfico friamente, senón que podemos poñerlle unha escenografía concreta a cada unha das situacións. Así, os autores comentan como era o traballo dos emigrantes en América e como estes eran recibidos, e acto seguido ilustran o comentario con cartas dos Naveiras (p. 91-94). O mesmo se pode aplicar cando se tratan temas como a identidade, as festas, a relixión ou a política.
Anexos que adxectivan a historia
A segunda parte do ensaio constitúena os anexos que, paradoxalmente, non son estatísticas distantes que complementan sen máis o traballo, senón que funcionan como adxectivos excelentes da historia central. No primeiro deles, a modo de homenaxe, os autores deixan falar á irmá Naveiras, María, que vai lembrando como viviu ela, en primeira persoa, a emigración dos seus irmáns e como sacou adiante un fillo no rural galego da preguerra. No seguinte, a voz téñena os emigrantes: Eduardo, Vicente e Emilio nunha escolma de correspondencia onde o máis sobresaínte son os temas que tratan, desde a economía familiar ó anticlericalismo republicano, pasando polas relacións sociais tanto en Bos Aires –festas e comidas- coma na aldea –a romaría do día de San Pelaio-. O libro remata cunha colección de fotografías de época e cunha extensa relación bibliográfica.
Estamos ante un traballo de recuperación da memoria do pobo, entendido este non de xeito abstracto; poñéndolle nomes e apelidos ás cifras que moitos estudos de temática migratoria nos ofrecen. Detrás de cada emigrante hai unha historia diferente e plural, xa que non só está a súa vida, senón que tamén nos atopamos coa que deixan na terra. Con traballos como o que aquí presentamos ámbalas dúas quedan perfectamente definidas, e polo rigor histórico con que está tratado o tema non nos sorprende o premio co que foi galardoado.