Recoñecida co Premio Blanco Amor 2004, “Dentro da illa” é unha novela herdeira das historias de misterio e suspense na que unha atmosfera de misterio que envolve a narración desde o comezo. Memoria e amnesia, vida e morte, sono e vixilia. Escrita na procura das claves da estraña relación entre o egoísmo e o amor. Dolores Ruiz constrúe un universo no que prevalecen as leis dos sentimentos e das emocións. Frida, a protagonista, vaise descubrir a si mesma consonte desvela o enigma que envolve a existencia naquel lugar afastado.
13 / 6 / 2005
Ana Salgado.SantiagoO premio Blanco Amor 2004 tráenos unha autora inédita, fóra da literatura infantil e xuvenil, Dolores Ruíz. Só este dato pode ser motivo de contento; que unha escritora novel na denominada literatura adulta gañe o que seguramente é o segundo premio en potencial de difusión inmediata e de canonización futura lévanos a confirmar a posíbel intuición de que hai vida interior neste sistema.
Pensamos, co fallo do xurado, en Pilar Buela con “Ácaros verdes”, tamén inédita até que recibiu o Lueiro Rei 2003, premio que este ano foi para outra autora sen obra ficcional —Teresa Moure por “A xeira das árbores”—, no Losada Diéguez que recibiu Rosa Aneiros pola súa última novela “Veu visitarme o mar”, no recente Manuel Murguía de Inma López Silva. E vemos aquí o que seguramente sexa o resultado dun proceso de planificación cara á normalidade (xenérica, de campo literario) parello ao que se deu en poesía na década dos noventa, e que tivo un chanzo significativo a nivel simbólico no volume colectivo de Abismos (Xerais) non por acaso titulado “Narradoras” (2000).
Dentro
O título é acaído; na novela goberna a preposición ‘dentro’. Pódese contar o esqueleto desta obra acudindo a Freud (e/ou Shakespeare) e á santa compaña, que hoxe é, coma quen di, ‘Los otros’ de Amenábar. Memoria e amnesia, vida e morte, sono e vixilia, pares eternos. A autora falou de que, malia non ser esta unha novela de xénero, si quixo facer unha homenaxe persoal á novela gótica; atopamos efectivamente algúns trazos —a presenza do sobrenatural, do misterio, dun mundo pechado en si, da morte na vida— e tamén unha ligazón coa Nova Narrativa na que os nós veñen dados fundamentalmente polas pegadas de existencialismo.
‘Dentro’ dános tamén unha dimensión do íntimo, e aquí pensamos na cadencia lírica da novela, na potencia imaxinativa e nun hábil beirear o tan cursi polo xardín que se queda en atormentadamente sentimental, nunha illa que nada ten que ver coas Cotovías máis alá de que poidamos acabar pensando se a hai ou non.
Illa e misterio
A protagonista, Frida, única supervivente dun naufraxio, esperta nunha praia sen lembrar sequera como se chama. A partir de aí temos que ir coñecendo a illa, e sobre todo os habitantes, a través dos seus ollos, que miran cara a fóra e cara a dentro quer por primeira vez quer por enésima, e que nos van ensinar un mosaico de relacións convulsas, odios vellos, erros e tánatos: unha historia de amor con oposición familiar, dous irmáns que se aborrecen e se precisan, infidelidades varias, mortes non asimiladas.
A contención descritiva e unha certa atemporalidade, así como unha correcta dosificación da intriga, conseguen crear unha atmosfera de misterio que envolve a novela desde o comezo, que non se suspende nin sequera nese final circular, e que se ve incrementada por veces pola profusión de personaxes ou polos atrancos (sempre buscados?) para seguirmos o fío e delimitarmos a identidade de cada quen. A isto contribúe tamén un espazo que é ningures, esa ‘illa do Norte’ da que non sabemos moito máis ca que hai barcos e a xente anda ao mar. De San Simón á Trapobana, da renacida Illa nova a esta illa do Norte, que algo ten de Avalon; seguimos pintando mapas.