Puntuación: 2.4/5 (45 votos)
Unha xeira máis, o Premio Blanco Amor confirma a atención que lles presta ás novas correntes da narrativa, o seu papel fundamental para dar a coñecer novos escritores e escritoras, ao lle conceder o galardón do ano 2004 á novela "Dentro da illa" , de Dolores Ruiz. Unha obra e unha autora que representan a seiva fresca das últimas xeracións de mulleres que se están a incorporar á literatura galega.
Organizado polo Concello do Porto do Son, o Premio Blanco Amor do ano 2004 foi outorgado a unha novela herdeira das historias de misterio e suspense que está escrita, ademais, co poder evocador da poesía e coa forza dos símbolos. Dolores Ruiz conta en "Dentro da illa" a historia de Frida, que aparece espida e sen lembranzas na praia dunha illa afastada e descoñecida. A novela descobre pouco a pouco a historia dos habitantes dunha terra na que cadaquén garda un segredo inconfesable.
"Dentro da illa" é unha novela intensa e subxugante, escrita na procura das claves da estraña relación entre o egoísmo e o amor. Dolores Ruiz constrúe un universo no que prevalecen as leis dos sentimentos e das emocións. Frida, a protagonista, vaise descubrir a si mesma consonte desvela o enigma que envolve a existencia naquel lugar afastado. Cunha atmosfera que lembra, por unha banda, a obra de Emily Bronte e, por outra, se emparenta co máis inquedante das narracións de Franz Kafka, a novela gañadora do Blanco Amor engaiola porque logra sacar á superficie moitos dos sentimentos ocultos que todo ser humano garda no seu interior.
[Presentación editorial]