Unha guía abondosa en datos de todo tipo. Vellas historias, contos, poemas, todo complementa a viaxe. Un libro que ten o enfoque do viaxeiro curioso, que non está escrito desde a mesa dun despacho senón a pé de monumento, como caderno de notas e compañía en roteiros e lugares.
1 / 8 / 2005
Jorge Guitián.Ames
Moitas son as cousas que mudaron nos últimos anos no noso posicionamento ante o concepto de turismo e ante a nosa comprensión do patrimonio. Ata non hai demasiado tempo, a concepción da viaxe como un percorrido de carácter cultural era algo que nos resultaba totalmente alleo.
Mentres en lugares como as Illas Británicas a viaxe como forma de coñecemento quedou conformada plenamente no S.XVIII, mentres Lord Byron percorría media Europa, mentres as Societies of Antiquarians agromaban en tódalas vilas inglesas ou escocesas e afrontaban un traballo decisivo no coñecemento do seu legado cultural, en España en xeral e en Galicia en particular tardamos aínda mais de 150 anos en espertar ó turismo, e cando o fixemos foi a través do triste Spain is Different do ministro Fraga, nun período no que o turismo e o turista eran unicamente formas fáciles de facer cartos e do que aínda agora comezamos a saír.
É certo que, por outra banda, sempre tivemos excelentes traballos neste terreo, como a Guía de Galicia de Otero Pedrayo ou as incursións nese xénero de Martínez Barbeito, Cunqueiro ou José María Castroviejo, pero non pasaron de ser fitos illados que, ou ben estaban destinados a unha elite ou ben eran entendidos mais como unha forma de achegamento á realidade do pais, unha sorte de ensaio apoiado no pretexto da guía para viaxeiros que o reflexo dunha mentalidade moderna xeneralizada.
Afortunadamente, e aínda que con retraso respecto a eses antecedentes, nos últimos anos ten xurdido en Galicia unha fonda dinámica arredor da posta en valor do noso Patrimonio Cultural, concepto que tardou en callar entre nos pero que semella estar comezando a ser asumido por sectores cada vez mais amplos da nosa sociedade. E neste espírito de posta en valor do Patrimonio, nesa vocación de xestión integral dos recursos desde unha perspectiva ampla e contextualizadora é na que o libro de Gonzalo Xosé de Francisco da Rocha amosa o seu verdadeiro interese.
Neste traballo o autor realiza un achegamento á comarca da Ribeira Sacra e propón xeitos de orientarse -tal como adianta o título- polas súas paisaxes, pero tamén polo seu patrimonio construído, pola súa tradición cultural ou mesmo pola súa gastronomía. Pretende –e logra- orientarnos nunha viaxe que se entenda xa desde esa perspectiva nova, nunha aprendizaxe da realidade cultural, ampla e complexa, do territorio elixido.
O axioma que os xestores do patrimonio utilizan con frecuencia para definir o seu traballo, e segundo o que so se pode protexer o que se valora e so se pode valorar aquilo que se coñece, materialízase nesta guía nunha forma de darnos a coñecer e de facernos valorar os valores propios do Patrimonio Cultural dun ámbito territorial especialmente complexo, pola súa situación xeográfica nunha encrucillada natural de vías de paso, polo seu carácter de límite entre as dúas grandes areas do interior galego así como por unha climatoloxía, unha paisaxe e ata unha flora características.
Desde esa perspectiva, a do viaxeiro atento que observa, que anota e comenta, a do intelectual que reflexiona sobre a viaxe e achega elementos para contextualizala e atoparlle un espazo no nosa acervo cultural, o autor propón una serie de roteiros que non deixan de lado os grandes monumentos da comarca, que os hai e moi interesantes, pero os combinan co goce e a aprendizaxe da paisaxe, dos xeitos de vida –os desaparecidos e os actuais- ou dos traballos como, por citar so un exemplo, no itinerario que se propón polo concello de A Teixeira, un dos mais pequenos, menos poboados e mais envellecidos do país, baixando á aldea abandonada de Barxacova, reparando na xeomorfoloxía do canón, na orientación dos socalcos e nos soutos.
Diálogo coa paisaxe
O libro non está escrito desde a mesa dun despacho senón que, como moitos outros antecedentes ilustres, deixa ver no seu trasfondo o caderno de campo, as notas tomadas nos paseos, nos roteiros, a pé de monumento. Lonxe daquela enumeración de visitas de interese das guías turísticas mais ó uso, Gonzalo Xosé de Francisco opta aquí polo enfoque do viaxeiro curioso, pola perspectiva de Marco Polo no Libro das Marabillas, por un diálogo directo coa paisaxe baseado na curiosidade e no afán de coñecemento, que transmite ó lector unha perspectiva moito mais enriquecedora.
A selección de textos de apoio e os capítulos introdutorios, de marcado carácter didáctico, ofrecen un punto de partida desde o que o lector pode encarar os itinerarios propostos, sexa no terreo, co libro na man, sexa no lugar de lectura, gozando de todo o que esta comarca ten que ofrecer e o autor foi quen de identificar e poñer á vista.
En liñas xerais a obra, que parte duns presupostos moito mais ambiciosos que a simple enumeración de visitas, como pon en evidencia a súa inclusión na serie Divulgación do Patrimonio, acada os seus obxectivos dun xeito mais que satisfactorio. Trátase dunha introdución ó coñecemento dunha paisaxe e dunha cultura trazada dun xeito impecable por alguén que non pode –e probablemente non quere- ocultar a súa vocación didáctica. Nun momento no que en Galicia por vez primeira están a callar conceptos como a Xestión Integral do Patrimonio, a musealización in situ de elementos patrimoniais e no que se están a facer importantes esforzos por deseñar un turismo cultural de calidade, a achega que este tipo de traballos pode facer na creación dunha conciencia responsable non pode ser infravalorada. Sería inxusto clasificar este traballo como unha guía mais, cando nos atopamos, en realidade, ante un intento por ofrecer claves, puntos de vista e elementos para un coñecemento moito mais fondo.