Puntuación: 2.4/5 (45 votos)
Sabe o viaxeiro agradecer unha guía abondosa en datos de todo tipo, que saberá interpretar e contrastar na mesma viaxe. Vellas historias, contos, poemas, todo complementa a viaxe. Obra ben feita por un camiñante, por un humanista que quere dicir que ten os pés pousados sobre o humus. Cousa que se descobre nestas páxinas e se agradece para estes tempos tan estereotipados en confeccións, en reducir a viaxe a unha mercadoría: "ruta de castros", "mosteiros", "castelos", "muíños"... Pois unha ruta é todo, a paisaxe, a veciñanza, o material, o inmaterial, son sabores, cheiros, cores, nubes, escampados, ventos. .. sensacións o que se fai e tamén o que se desfai. Enxergar significa meterse nas cousas; parte do animismo e do panteísmo, do herdo priscilianista, franciscano, interpretado por Otero Pedrayo, Cunqueiro, Novoneira, Manuel María... e que caracteriza a identidade dos galegos e galegas: comuñón coa paisaxe e o seu devalar. Internarse no arrecendo a mimosa na primavera, a esfarna no cumio do verán, a fume de borrelas no outono... o sabor dese viño amante, aveludado de Amandi, as anguías, os amendoados das bernardas de Pantón, a bica de Castro Caldelas... O tanxer dos badelos, repenique de festa e foguetes en Cadeiras, nas horas dun cabodano... un aturuxo que vén dos lameiros, o crotar dunha cegoña en Canabal, o tamborileo da chuvia nos teitos de lousa das adegas...
Gonzalo Xosé de Francisco da Rocha leva no corpo e na alma a ansia da viaxe que nunca acaba, coñece ben o "humus", interacción de paisaxe e veciñanza. Historiador nacido a carón do mar de Vigo e formado entre as torres e o chan de Compostela, auténtico humanista, con esa necesidade de subir aos montes, onde están os vellos altares e moitos misterios, de entender as cousas coa razón, pero tamén co corazón, para comunicalas, seducir e contaxiar, entender o turismo doutro xeito ao tópico comercial, como agradecida relación afectiva, complementado a historia coa paisaxe e a veciñanza. Non pode esquecerse aquilo que se sentiu fondamente. Algo moi de agradecer neste tempo de prefabricados e galiñeiros estereotipados e outros sanedríns endogámicos. Galiza sempre foi país aberto, que soubo dar e recibir, velaquí os camiños, marcados no chan e no ceo, os portos, os ríos...
E cando o viaxeiro xa non poida, quedaralle o universo das lembranzas, os libros...en todo caso acesa esa luz da esperanza que sempre hai detrás dos horizontes do océano, do mar, dos desertos, do ceo, do túnel...
[Fragmento do Limiar por Felipe-Senén López]