Recuperación da historia do movemento obreiro de Ferrol antes do dramático período de 1936-39 e nos anos de loita clandestina contra o franquismo. Libro ameno, áxil e coherente que se apoia nun formato xornalístico para recuperar acontecementos, personaxes e historias que forman parte da loita polos dereitos dos traballadores que nos precedeu.
20 / 6 / 2005
Gustavo Hervella.SantiagoA historia do movemento obreiro ferrolán é unha parte esencial da historia contemporánea de Galicia. A cidade departamental e Vigo constitúen os polos esenciais para entendermos a contemporaneidade do país. Eliseo Fernández amósanos con este traballo a enorme gratitude que lle debemos ós homes e mulleres que xa antes da Guerra Civil loitaron por vivir nun mundo mellor. Dámonos de conta que moitos dos avances económicos e sociais dos que hoxe gozamos e que nos parecen inherentes ó traballador, foron precedidos pola loita dos persoeiros que neste estudo se nomean.
O ensaio “Obreirismo ferrolán” trata sobre o movemento obreiro en Ferrolterra desde fins do século XIX ata a II República. Non se trata dunha narración lineal, senón que a través de oito grandes capítulos, vaisenos desgranando parte da historia do movemento obreiro da bisbarra; despois, cada un deles vaise subdividindo noutros apartados dunha extensión mínima (dúas páxinas cada un). Son recompilacións de artigos que o autor, Eliseo fernández, publicara entre o 2001 e o 2003 no xornal Diario de Ferrol, de aí a ausencia de rodapés –algo estrano nun ensaio histórico- e a axilidade e narración directa que presentan cada un dos acontecementos ós que fai referencia.
Recuperación de personaxes e historias
No primeiro deses capítulos dásenos conta de historias curiosas algunhas, tristes
outras, dos obreiros ferroláns no primeiro terzo do século XX. Noutro introdúcesenos no mundo cultural da época, na escola racionalista ou no teatro “proletario”. Espazo aparte merece a prensa, medio de difusión de ideas hexemónico nos anos vinte e trinta, existindo cabeceiras xornalísticas de carácter local en moitos lugares de Galicia. Merece atención o capítulo adicado ós personaxes da loita obreira, homes e mulleres, loitadoras sempre esquecidas por parte da historiografía xeneralista; a súa reducción á denominada “historia de xénero” semella unha inxustiza con elas, merecentes de protagonizar estudos na “historia oficial”. Son moitos os líderes obreiros que, por diferentes motivos, son esquecidos por parte dos seus concidadáns. A recuperación da súa memoria é unha intención do autor que merece todos os nosos parabéns. Lembramos, deste modo, a Francisco Fernández García “Pedrosa”, primeiro concelleiro socialista de Galicia en 1895, a Antonio Santamarina, último alcalde republicano de Ferrol, a Manuel Morgado, un dos fundadores da revista Céltiga ou a Amalia Fraguela, unha anarquista e emigrante no Pais Vasco que colaborou en xornais como La Antorcha nun tempo onde moitas mulleres non accederan á lectura.
Formato xornalístico
O libro é ameno, áxil e coherente, aínda que por momentos demasiado local, xa que moitos dos acontecementos poden resultar curiosos para os ferroláns, pero ásperos e afastados para os lectores que non sexan da comarca. Ademais, ó seren colaboracións en prensa, a redacción resulta estraña para un libro; así, por exemplo, cando fai referencia á folga de outubro de 1934 remata afirmando: “Mais o estigma de súa participación no outubro revolucionario ainda os perseguiu no tempo do levantamento militar e atinxíu a todos aqueles homes e mulleres que cometeron o crime de perseguir unha quimera, ainda que desta volta non fora de ouro, senón de xustiza” (p. 42). Estas son expresións normais nun artigo xornalístico, pero non nun ensaio histórico. Pola contra, a distribución dos textos e a familiaridade con que se nos presentan axilizan a lectura o que é de agradecer neste tipo de traballos. A historia do movemento obreiro pode resultar moi árida, e Eliseo Fernández convirte o tema nalgo asequible para o público. Si por unha parte a ausencia de notas puidera levarnos a pensar que o traballo perde credibilidade, isto non é así xa que ó final do libro preséntasenos unha extensa bibliografía e a relación de arquivos que visitou para a súa elaboración.
Que sexa amena, como xa afirmamos, non é sinónimo de banal; está lonxe de “pseudoestudos” que ultimamente invaden as librerías como son os de Pio Moa referidos tamén a este período. Xunto a isto, temos que alegrarnos que unha colaboración xornalística dese o paso a unha edición como esta, xa que son moitas as que se perden e esquecen nos arquivos dos xornais.