Noticias
System of A Down, Judas Priest e Korn abren o cartel do vindeiro Resurrection Fest
Xénero:
| 23 / 9 / 2019A organización do Resurrection Fest de Viveiro arrincaba con forza os anuncios sobre a vindeira xeira do evento o pasado venres a adiantar a presenza de System of A Down como cabeza de cartel. O festival de Viveiro contará coa única actuación da banda a nivel estatal durante o ano. A este adianto sumábase na mañá deste 23 de setembro o anuncio dunha longa lista de confirmacións que visitarán Viveiro entre os vindeiros 1 e 4 de xullo. Os veteranos Judas Priest, canda a Korn, Meshuggah, Heaven Shall Burn, Sepultura, Madball, Jinjer, Dark Funeral ou Amenra súmanse á proposta de saída como principais nomes internacional. A estes engádense propostas como os españois Hamlet, Blowfuse ou Onza entre moitos outros. As entradas poranse á venda o vindeiro 1 de outubro.
Oito concertos en Ourense presentan a primeira xeira do MUSGO
Xénero:
| 23 / 9 / 2019Os Xardíns Calpurnia Abana e a Praza Saco e Arce de Ourense acollerán o vindeiro 14 de outubro os oito concertos da primeira edición do MUSGO. O festival bota a andar baixo o paraugas do programa de axudas O Teu Xacobeo coa intención de vincular a Cidade das Burgas coas peregrinación a Santiago a través da cultura. Segundo explican Adrián Fragueiro e David Pedrouzo, organizadores do evento, este pretende se transformar en "prescriptor de novas bandas, ofrecendo propostas emerxentes e destacadas non só de Galicia, se non tamén a nivel estatal e internacional".
As bandas de música achéganse ao circo e ao teatro no ciclo Viraxes
Xénero:
| 17 / 9 / 2019Unha nova proposta arredor das bandas populares de música chega á Cidade da Cultura este sábado 21 de setembro. A primeira xeira do ciclo Viraxes achega ás seis da tarde ao Monte Gaiás unha versión en galego da cantata escénica Carmina Burana, de Carl Orff, da man da Banda de Música Municipal de Valga, o coro Gli Appassionati e tres solistas, cun total de 150 persoas sobre o escenario.
Músicas ao Vivo elixiu a Xiana Lastra como nova presidenta
Xénero:
| 17 / 9 / 2019A Asociación Músicas ao Vivo, que organiza cada ano os Premios Galegos da Música Martín Códax, remudou a súa directiva na asemblea que celebrou en Compostela este 15 de setembro. Sonia Lebedynski Diéguez renunciou á presidencia da entidade por motivos "simplemente persoais e familiares que impiden que a miña implicación e dedicación ao cargo sexan as desexadas", segundo explicou a propia presidenta saínte. Na mesma asemblea asumiu o cargo Xiana Lastra, que anunciou a súa intención de "seguir traballando polo colectivo e en clave feminista". Lastra, actual vocalista da Banda da Loba, apuntou que acolle o cargo con tranquilidade xa que "a equipa que temos na directiva é magnífica e faise un traballo descomunal e totalmente en conxunto".
Furious Monkey House confírmanse con Love, scum & dust
Xénero:
| 16 / 9 / 2019A afondar a súa aposta polo rock de guitarras, a banda pontevedresa Furious Monkey House presentaba o pasado venres 13 de setembro Love, scum & dust, o seu segundo álbum de estudio. Cinco anos despois do seu debut con Run, e coa incorporación dun segundo mono furioso, o grupo achega nove temas nos que mantén a súa esencia rockeira cun son máis complexo e achegamentos ao indie-rock británico ou ao rock alternativo estadounidense. Publicado por Universal Music Spain, Esmerarte y Atresmúsica, o álbum gravouse nos Estudios Bonobo e Planta Sónica entre decembro de 2017 e agosto de 2018, e presentouse con dous singles, Echoes e Lluvia, que con No lo ves é o primeiro tema cantado en español do conxunto.
O Museo do Mar dálle voz ao talento musical olívico no festival Vigo Emerxe
Xénero:
| 16 / 9 / 2019A tomar o relevo do ciclo Solpores no Museo, a Consellaría de Cultura presentaba o pasado venres Vigo Emerxe, un concerto colectivo dedicado á música viguesa. O Museo do Mar acollerá esta proposta na que se alternarán en dous escenarios as actuacións de propostas actuais da cidade como son The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r.e.a.l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze e Santi Araújo cos históricos Pablo Novoa e Nicolás Pastoriza. O encontro, que se desenvolverá o vindeiro 28 de setembro comezará ás seis da tarde e prolongarase ata a unha da madrugada, con entrada de balde ata completar aforo.
A Orquesta Clásica de Vigo busca novos compositores co certame CreaClásica
Xénero:
| 13 / 9 / 2019A Orquesta Clásica de Vigo en colaboración coa Fundación SGAE Galicia veñen de presentar CreaClásica, primeira convocatoria para compositores de música sinfónica. O certame nace como un panel de lectura que ten o obxectivo de incentivar a creación dentro do campo da música sinfónica e co que a OCV quere apoiar o traballo creativo de novos talentos na composición, así como favorecer á súa difusión mediante a incorporación das obras gañadoras á programación anual da orquestra. CreaClasica ofrece tres premios que están dotados con 500, 300 e 200 euros e ademais a Orquesta Clásica de Vigo interpretará e gravará nos concertos as distintas obras seleccionadas, que estarán integradas na programación de 2020. Non hai condicionantes de idade para presentarse nin é preciso que a partitura sexa inédita pero os participantes deberán estar asociados ás SGAE e censados en Galicia e ter a titulación superior de composición obtida entre os anos 2015 e 2019, ambos inclusive. Cada candidato poderá concorrer cunha única obra de entre 5 e 15 minutos de duración na súa execución. O prazo de presentación está aberto ata o día 29 de outubro ás 14:00 horas.
Outono Códax presenta o seu cartel máis "branco" e seis actuacións inéditas en Galicia
Xénero:
| 10 / 9 / 2019A novena edición do Outono Códax Festival de Santiago deu a coñecer hoxe o seu programa que nesta ocasión dará comezó o 15 de outubro e finalizará o 1 de decembro. Cinco xornadas diferentes, algunha con máis dunha convocatoria, para dar un paseo por un variado menú de ofertas rhythm&blues, soul e rockabilly. As estadounidenses Kim Lenz (19 de outubro), recoñecida mundialmente como a raíña do rockabilly, e Nikki Lane (1 de decembro), a nova dama da denominada música americana, serán as encargadas de abrir e pechar, respectivamente, os concertos grandes do Outono Códax Festival 2019. O outro do grandes nomes é o do bluesman The Reverend Shawn Amos (9 de novembro). Dada a ausencia de músicos de raza negra a excepción de Shawn Amos, o cartel desta novena edición poida que sexa o máis "branco" da historia do festival de música negra e tal vez o máis orientado cara o rock dos anos 50 e o rockabilly, pero non lle falta representación de ningunha das tonalidades da música americana que pretende traer a Galicia cada ano con representantes complicados de ver ou, como este ano, inéditos en terras galegas. Ese é o caso de todos os artistas deste 2019 agás a representación da escena galega, que sempre atopa tamén oco no Outono Códax. Será unha destas formacións da nosa terra, Helen & Shana, a que abrirá o calendario o martes 15 de outubro incorporando ademais ao café restaurante Flamingo como novo espazo Outono Códax. A súa será unha das citas de acceso de balde do festival xunto co concerto que o americano Andrew Combs (Dallas, 1986) dará o 29 de novembro no Riquela Club. Para as tres citas duplas que haberá na Sala Capitol xa están á venda entradas e abono. Nelas xunto aos cabezas de cartel mencionados.estarán a banda franco belga de swing rock The Rhum Runners (19 de outubro); os barceloneses Los Torontos (9 de novembro) co seu surf rock anos 50 . Na xornada de peche, o 1 de decembro, completarán o programa os galegos The Fabulous Resaca Brothers que quentarán a Sala Capitol co seu blues eléctrico.
O místico 'Colorama' de Basanta Premio POP-Eye a Mellor disco de rock 2019
Xénero:
| 5 / 9 / 2019O primeiro disco de debut da banda viguesa Basanta, Colorama, ven de ser recoñecido como Mellor disco de rock nacional nos premios POP-Eye da Música e a Creación Independente organizados desde a Asociación Cultural Bon Vivant, de Estremadura e vencellados aos Premios Nacionais da Música e das Artes que este ano celebran a súa 14ª edición. A criterio do xurado Colorama é un primeiro disco que "deixa entrever a esixencia dunha intencionalidade que intenta apuntar á intimidade ou, máis ben, rodeala e descubrir de que trata". Para eles o disco dos vigueses "aposta por recoñecer e explotar a sombra, o lado escuro. o translúcido". Colorama xa conseguira comezar a destacar o pasado ano tras a súa publicación aparecendo nalgunha das listas nacionais das revistas especializadas a finais de ano. O premio entregarase en Plasencia os vindeiros días 8 e 9 de novembro no marco Premios Nacionais da Música e das Artes. O xurado dos premios Pop-Eye xa recoñecera en 2016 o traballo de Novedades Carminha.dándolles o premio a mellor disco do ano por Campeones del mundo (Ernie Records, 2016).