Músicas ao Vivo elixiu a Xiana Lastra como nova presidenta
setembro 17, 2019
A Asociación Músicas ao Vivo, que organiza cada ano os Premios Galegos da Música Martín Códax, remudou a súa directiva na asemblea que celebrou en Compostela este 15 de setembro. Sonia Lebedynski Diéguez renunciou á presidencia da entidade por motivos "simplemente persoais e familiares que impiden que a miña implicación e dedicación ao cargo sexan as desexadas", segundo explicou a propia presidenta saínte. Na mesma asemblea asumiu o cargo Xiana Lastra, que anunciou a súa intención de "seguir traballando polo colectivo e en clave feminista". Lastra, actual vocalista da Banda da Loba, apuntou que acolle o cargo con tranquilidade xa que "a equipa que temos na directiva é magnífica e faise un traballo descomunal e totalmente en conxunto".