Noticias
Ortiga presenta o seu primeiro disco 'Chicho & sus chichas'
Xénero:
| 23 / 10 / 2019Desde fai uns días xa está dispoñible o CD de Ortiga, o proxecto co que Manuel González "Chicho", a metade do dúo de electrocumbia Esteban & Manuel iniciou o seu camiño en solitario tras levar aquel peculiar dúo por escenarios e festivais máis relacionados co panorama da música indie que co da verbena do que se declaraba abertamente herdeiro. Ortiga é unha evolución do mesmo son con algunhas peculiaridades que o achegan aínda máis á electrónica sen perder a alma latina e de festa popular que eran sinais de identidade de E&M xunto ao efecto autotune. Chicho & sus chichas (Ernie Records) presenta reunidos dez temas que o músico xa foi presentando nos seus directos no último ano. O músico, arroupado pola súa axencia de representación Ernie Produccións, foi aproveitando as oportunidades que foron xurdindo como a de abrir concertos para Novedades Carminha, cos que comparte representante, e conseguindo presenza en festivais de verán nos que o seu son tropical conseguía encher espazos achegando o pracer culpable de participar ao mesmo tempo nun evento chic e bailar merengue coma nunha festa patronal daquelas das que tomos temos lembranzas, sempre divertidas. Con estes fíos Ortiga acadou para si un espazo bastardo entre a verbena, o trap e a performance plenamente consciente e orgulloso do seu produto musical. Nos seus dez temas, se no musical quedamos situados nesa zona bastarda entre o merengue e a electrónica de son MIDI, nas letras Chicho non nos afasta da súa zona de orixe colocándonos en praias tropicais senón que, ao contrario, fai as referencias precisas ao entorno próximo e ás vidas reais para resultar en retratos contemporáneos, moi sinxelos e ás veces tamén caricaturizados, con historias de amor e desamor como base en moitos casos. O disco conta con colaboracións de compoñentes de outros eclécticos proxectos como Malandrómeda ou O, Ayatollah!. Ortiga presentará agora o disco en varios concertos de sala e festivais que comezarán o vindiro día 25 de outubro en Santiago.
A Real Filharmonía estreará mañá 'In Memoriam', de Sofía Oriana Infante Souto
Xénero:
| 23 / 10 / 2019A Real Filharmonía de Galicia interpretará mañá en estrea absoluta a obra In Memoriam da compositora compostelá Sofía Oriana Infante Souto (Santiago de Compostela, 1989) como parte do concerto Soños de inverno dentro da programación do 30 aniversario do Auditorio de Galicia. Asemade, Infante participará, xunto con Paul Daniel, nunha conversa aberta ao publico antes do concerto. Sofía Oriana Infante compuxo In Memoriam en homenaxe aos seus pais falecidos, respondendo ao encargo da RFG de facer unha estrea para este evento en concreto. A compositora foi obxecto de noticias recentemente por ter asinado tamén a B.S.O. da película Elisa y Marcela, da realizadoras Isabel Coixet. Tal como explica a compositora, "In memoriam está dedicada aos meus pais. A miña nai faleceu hai un ano e o meu pai cando eu tiña 8 anos, hai 22 anos. É unha obra que se constrúe en base ao recordo de ambos e a música axústase á imaxe que teño deles". A compositora remarca que é unha peza "profunda e delicada pero tamén esperanzada e enérxica. Lonxe de caer na típica escuridade tenebrosa da morte e recrearme na dor e a soidade, aplícolle a miña propia perspectiva vital". O concerto especial deste 30 aniversario terá lugar este xoves 24 de outubro ás 20:30 e incluirá tamén obras de Elgar e Tchaikovski. Haberá unha repetición de todo o concerto dirixida aos escolares dentro do programa didáctico do Auditorio de Galicia.
Os festivais de outono amosan a súa oferta
Xénero:
| 21 / 10 / 2019O outono ten a súa propia oferta de festivais, neste caso os parentes máis recollidos da familia dos festivais pero non por iso menos importantes en oferta artística, agás polo feito da limitación de aforo que supón levar as actuacións a espazos baixo teito. Os días 22 e 23 de Novembro terá lugar en Vigo a 2ª edición do festival SUPER BOCK UNDER FEST. Dez salas estarán involucradas e xa están confirmadas actuacións en cartel e máis de 20 artistas, moitos deles da escena internacional conformarán un cartel do que xa se coñecen varios nomes, algúns deles relativos á cabeceira como Peaches e Eli "Paperboy" Reed. Ademais deles a organización xa confirmou outros 17 nomes entre os que están pola escena galega Ortiga, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits ou Family Folks. Esta semana chega tamén un primeiro avance de cartel da sexta edición de CortaPega, que chega a Santiago de Compostela o próximo 30 de novembro. Unha nova cita coa electrónica ecléctica e vangardista con especial atención ós proxectos creados en Galicia, neste caso xa confirmados Aparato e Lagoon, ademais das actuacións de Andrea Dawson e Kara Konchar. Como novidade, o festival desenvolverase en distintos espazos da cidade.
Heredeiros volven para quentar o outono
Xénero:
| 11 / 10 / 2019Case seis anos separan este Derretidos (Dotbeat) do anterior
Presumido sacan hoxe o seu disco 'Cuatro estaciones' ao completo
Xénero:
| 10 / 10 / 2019Hoxe é o día no que o dúo Presumido sacan do forno o seu agardado segundo álbum Cuatro estaciones, unha obra na que recompilan os traballos dos tres EPs estacionais que viñeron sacando durante un ano e ao que engaden, ademais dos novos tres temas de Otoño, re-mesturas de tres dos destacados nos anteriores EPs. O poderoso tema El rey azotado co que iniciaron este camiño e que ten un importante valor simbólico chegados a este punto, é un dos máis presentes no disco, aparece na súa versión orixinal para o EP invernal, na súa re-interpretación para o EP Verano e na edición ou re-mestura dos Dj´s Carlos Bayona &Gómez. Catorce temas de electro pop que poden ir desde as tonalidades máis escuras e intimistas ata os brillos da bola de espellos da pista de baile. Tarci Ávila e Nacho Dafonte presentan con Presumido unha proposta que ten escasas correlacións na escena nacional pero con claras influencias internacionais que van desde Apparat a Ariadna Grande, pasando por Childish Gambino ou Bon Iver, aínda que tamén poderíamos chegar ata referencias da performance electrónica como Laurie Anderson a través da escoita dese novo tema Vapórea, cantado por Tarci en vocoder a capella. Cuatro estaciones fai así tamén honra á receita de pizza ofrecendo unha variedade de bocados de diferentes sabores. O disco está xa dispoñible nas principais plataformas dixitais.
Mounqup e Trifulca representarán á música galega no cartel do BIME City en Bilbao
Xénero:
| 9 / 10 / 2019Trifulca e Mounqup son os dous nomes galegos finalmente seleccionados pola organización do Bizkaia International Musical Experience (BIME) para o seu programa de showcases a desenvolver en varias salas de Bilbao no marco da sétima edición deste gran evento da industria musical, que terá lugar do 30 de outubro ao 2 de novembro e no que tamén se insire o encontro profesional BIME Pro. Tanto Mounqup, cantautora de orixe francesa radicada en Ourense, como o dúo santiagués Trifulca actuarán o mércores 30 na sala Muelle tras seren elixidos polos organizadores do BIME mediante unha convocatoria pública aberta o pasado mes de agosto. A través dela, BIME garantía a presenza galega neste apartado en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo. Coa música electrónica como eixo do seu traballo, ambos terán así oportunidade de se presentar diante de programadores de festivais, managers, xornalistas e outros axentes do sector acreditados no BIME Pro. Así mesmo, a través de BIME City, o encontro ábrese de xeito gratuíto ao público xeral. Nesta nova edición, serán 40 os showcases que terán lugar en 11 salas do centro da capital biscaíña. Mounqup ten xa no seu haber un Premio Martín Códax na categoría de música electrónica en 2018 e o Premio Fran Përez Narf do certame homónimo da Deputación da Coruña en 2017.
Agoraphobia non se poñen límites co rebelde 'Unaligned'
Xénero:
| 8 / 10 / 2019Fai dous anos as Agoraphobia daban un golpe na mesa presentando Incoming Noise (Dotbeat, 2017) ao tempo que facían unha declaración de intencións vital de coller profesionalmente o camiño da música centradas neste proxecto. Dous anos e moitos escenarios despois presentan agora Unaligned (Dotbeat) que é unha exploración sen autolimitacións de todos os paos que están dispostas a tocar na súa expresividade. Dez cancións de rock alternativo para as que unha única etiqueta non chega -talvez de aí o "non aliñamento" do título- xa que as do Barbanza dan saída en composicións conxuntas aos demos internos de cada unha das catro actuais compoñentes oficiais da banda e iso conduce e unha variedade de sons que poden ir desde o stoner ao rock industrial pasando polo nu metal ou o grunge. A enerxía e a potencia mantéñense como bandeira do grupo, contundentes e salvaxes riffs acompañados polo caudal de voz dunha Susana que neste caso ofrécenos aínda máis rexistros en todas as direccións nunha evolución de perfeccionamento que tamén se pode percibir en todas as execucións instrumentais de cada unha das integrantes da formación. Temas como It´s all about you, ou Smokescreen, Remain unchanged ou We own us seguen dando esas puñadas de rabia no peito que son características da banda pero ademais enriquecidas con xiros de clara evolución e madurez.
Najla Shami saca as súas variadas raíces ao sol no seu novo disco-libro
Xénero:
| 4 / 10 / 2019Fai seis anos, no 2013, Editorial galaxia editaba o libro-disco Na lingua que eu falo no que Najla Shami, artista compostelá de pai palestino e nai galega, interpretaba musicalmente poemas de Rosalía ademais de outros temas propios inspirados na poeta. Shami volve agora con Ela sabe a sol tamén da man de Editorial galaxia a presentar un novo traballo no mesmo formato físico de libro con CD. Neste caso son 12 cortes nos que hai sitio para que Najla saque á vista a súa multiculturalidade lingüística e musical. Cancións en galego, castelán e en árabe, lingua que tamén aparece en formato de texto no libro traducindo algunhas das letras e ademais moi presente graficamente nas páxinas, así coma a estética árabe no deseño e nas fotografías que ilustran a publicación, obra de Mara Saiz. A artista dedica este traballo o seu pai e nel vese tamén o impacto da súa primeira visita ás terras palestinas de orixe paterno.
Xulio Lorenzo asina un segundo traballo cheo de ilusión en 'Volver soñar'
Xénero:
| 1 / 10 / 2019Dous anos despois do seu primeiro traballo discográfico Cantos da ialma (Autoeditado, 2017) Xulio Lorenzo volveu pasar polo estudio cunha ducia de temas e moita ilusión representada neste novo disco Volver soñar. De novo a composición propia domina o repertorio, o gaiteiro asina dez dos temas do álbum, contando ademais cun tema tradicional e outro de Diego Bea Besada, que ademais participa nos arranxos do resto das cancións e actúa neste caso como produtor musical deixando sitio tamén para achegas eléctricas na composición sonora. Segundo Lorenzo neste novo traballo "viaxaremos aos soños da infancia, soños de ilusións" e nel atoparemos temas alegres e cheos de vida "cada un deles coa súa especial historia". No disco podemos atopar temas dedicados á súa Terra de Mos natal como Terra d´Mos, Mar d´Arousa, Filla da Roseira ou Pasacorredoiras da Torroeira e outros cque nos levan a viaxes xeográficos e temporais como Senhora do Almortâo, no que Lorenzo pon música sobre un dos temas máis emblemáticos da cultura popular da Beira Baixa de Portugal coa colaboración das voces dos pandereteiros Diego Calviño, Iván Blanco e Diego Cabaleiro; a Xota de Caroi, unha peza tradicional con connotacións sefardís. Volver Soñar gravouse nos Estudios Metrópolis de Vigo contando con Fran Álvarez como técnico e para a mestura. Na súa gravación ademais colaboraron de xeito especial nalgún dos temas as Pandereteiras Arume de Guizán ou Belém Tajes. A primeira presentación sobre escenario tivo ligar o pasado 28 de setembro, co gallo do XXV aniversario d´A Cividade de Louredo.
O Festival 17º Ribeira Sacra deixou medio millón de euros na contorna
Xénero:
| 24 / 9 / 2019A Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, presentaba onte o estudo de avaliación do festival Festival 17º Ribeira Sacra, que se celebrou o pasado mes de xullo. Segundo a metodoloxía do Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, o evento deixou un retorno económico de 490.000 euros en toda a súa zona de influencia, e tivo 3.500 visitas por parte dunhas 1.600 persoas diferentes. Destas, un 21 por centro eran de fóra de Galicia, cun gasto medio por persoa e día estimado en 77 euros. As cifras extráense de 815 enquisas directas a asistentes e mais das cifras facilitadas polo propio festival.