Ortiga presenta o seu primeiro disco 'Chicho & sus chichas'
outubro 23, 2019
Desde fai uns días xa está dispoñible o CD de Ortiga, o proxecto co que Manuel González "Chicho", a metade do dúo de electrocumbia Esteban & Manuel iniciou o seu camiño en solitario tras levar aquel peculiar dúo por escenarios e festivais máis relacionados co panorama da música indie que co da verbena do que se declaraba abertamente herdeiro. Ortiga é unha evolución do mesmo son con algunhas peculiaridades que o achegan aínda máis á electrónica sen perder a alma latina e de festa popular que eran sinais de identidade de E&M xunto ao efecto autotune. Chicho & sus chichas (Ernie Records) presenta reunidos dez temas que o músico xa foi presentando nos seus directos no último ano. O músico, arroupado pola súa axencia de representación Ernie Produccións, foi aproveitando as oportunidades que foron xurdindo como a de abrir concertos para Novedades Carminha, cos que comparte representante, e conseguindo presenza en festivais de verán nos que o seu son tropical conseguía encher espazos achegando o pracer culpable de participar ao mesmo tempo nun evento chic e bailar merengue coma nunha festa patronal daquelas das que tomos temos lembranzas, sempre divertidas. Con estes fíos Ortiga acadou para si un espazo bastardo entre a verbena, o trap e a performance plenamente consciente e orgulloso do seu produto musical. Nos seus dez temas, se no musical quedamos situados nesa zona bastarda entre o merengue e a electrónica de son MIDI, nas letras Chicho non nos afasta da súa zona de orixe colocándonos en praias tropicais senón que, ao contrario, fai as referencias precisas ao entorno próximo e ás vidas reais para resultar en retratos contemporáneos, moi sinxelos e ás veces tamén caricaturizados, con historias de amor e desamor como base en moitos casos. O disco conta con colaboracións de compoñentes de outros eclécticos proxectos como Malandrómeda ou O, Ayatollah!. Ortiga presentará agora o disco en varios concertos de sala e festivais que comezarán o vindiro día 25 de outubro en Santiago.