Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Agoraphobia non se poñen límites co rebelde 'Unaligned'

NO SEU SEGUNDO DISCO AS DO BARBANZA DEMOSTRAN A MADUREZ DA SúA APOSTA

Agoraphobia non se poñen límites co rebelde 'Unaligned'

ROCK | outubro 8, 2019

unaligned_agoraphobia.jpg

Fai dous anos as Agoraphobia daban un golpe na mesa presentando Incoming Noise (Dotbeat, 2017) ao tempo que facían unha declaración de intencións vital de coller profesionalmente o camiño da música centradas neste proxecto. Dous anos e moitos escenarios despois presentan agora Unaligned (Dotbeat) que é unha exploración sen autolimitacións de todos os paos que están dispostas a tocar na súa expresividade. Dez cancións de rock alternativo para as que unha única etiqueta non chega -talvez de aí o "non aliñamento" do título- xa que as do Barbanza dan saída en composicións conxuntas aos demos internos de cada unha das catro actuais compoñentes oficiais da banda e iso conduce e unha variedade de sons que poden ir desde o stoner ao rock industrial pasando polo nu metal ou o grunge. A enerxía e a potencia mantéñense como bandeira do grupo, contundentes e salvaxes riffs acompañados polo caudal de voz dunha Susana que neste caso ofrécenos aínda máis rexistros en todas as direccións nunha evolución de perfeccionamento que tamén se pode percibir en todas as execucións instrumentais de cada unha das integrantes da formación. Temas como It´s all about you, ou Smokescreen, Remain unchanged ou We own us seguen dando esas puñadas de rabia no peito que son características da banda pero ademais enriquecidas con xiros de clara evolución e madurez.


Ninguén que seguise a traxectoria de Agoraphobia desde os seus primeiros EPs quedará realmente sorprendido porque o que estas mulleres podían dar xa se albiscaba con claridade desde hai tempo, pero elas demostran en Unaligned que esa era unha promesa que están decididas a cumprir a ademais facéndoo desde a liberdade. Gravado en Planta Sónica eEstudios Nakra de novo a produción de Iago Lorenzo, quinto membro nos directos, conforma un paquete sonoro axustado e con sentido no que cada canción consegue o seu ambiente propio grazas a multitude de detalles dando a todo o disco a textura que se agarda das Agoraphobia. Nas referencias que acompañan a saída do traballo menciónase a bandas como Foals ou Queens of The Stone Age, pero sería inxusto non ver tamén esa homenaxe aos NIN que é o brutal tema de peche Nine . Estes dez novos temas virán de seguro a enriquecer coa súa complexidade e variedade o repertorio da banda nos seus directos, como se poderá comezar a comprobar o vindeiro día 11 de outubro no Fest Ciutat de Mallorca, a primeira das citas de presentación de Unaligned á que seguira unha intensa xira que as levará por cinco salas do Reino Unido. A Sala Capitol de Santiago acollerá o primeiro concerto en Galicia o 28 de novembro, tras o que irán, xa en decembro, á Sala El Sol de Madrid (04/01/20) e na Sidecar de Barcelona (18/01/20).


datos do disco