Noticias
Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre cantan á Galicia rural en desaparición
Xénero:
| 13 / 3 / 2020Desde hoxe xa está dispoñible As Catedrais Silenciadas (Música de Salitre) o novo e terceiro disco xurdido da xuntanza de Xabier Díaz coas cantareiras Adufeiras de Salitre. Dez temas tradicionais arranxados por Díaz e entre os que hai unha panoplia da riqueza e diversidade da música de raíz: alalás, pasodobres, muiñeiras, ribeiranas e agarrados. O título do disco fai referencia á perda do mundo rural como desaparición cultural da identidade galega, un berro de alerta ante o seu progresivo despoboamento e a perda que isto implica. As Catedrais Silenciadas, din, son os vellos soutos milenarios, o idioma, os alalás, os nomes dos cons, as vacas ou as vellas ribeiranas. Os temas volven amosar a excelencia musical dos intérpretes e a súa sensibilidade contemporánea cara o tradicional. Os concertos previstos de presentación en directo deste traballo quedan pendentes de confirmación ante a alerta sanitaria actual pero xa se pode escoitar o traballo nas principais plataformas dixitais.
Xosé Lois Romero e Aliboria continúan a explorar a percusión en Latexo
Xénero:
| 12 / 3 / 2020"Trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical" é o obxectivo co que Xosé Lois Romero e Aliboria presentan Latexo, o seu segundo álbum de estudio. Da man da discográfica Raso chega ás tendas este proxecto con dez novos temas catro anos despois da presentación do grupo co seu disco homónimo.
O Canido Rock servirá de homenaxe ao desaparecido cantante Toñito Pedreira
Xénero:
| 11 / 3 / 2020A Asociación Veciñal do barrio de Canido en Ferrol á impulsora do festival Canido Rock que este ano servirá coma homenaxe a un dos seus veciños tristemente desaparecido un ano atrás: Toñito Pedreira, cantante da banda Riff/Raff. O Concello de Ferrol e os integrantes da banda-tributo a AC/DC organizan na Praza da Auga o vindeiro día 2 de maio, no marco da festa dos Maios, a celebración deste evento aberto no que tomarán parte ata cinco grupos de rock do país en memoria do carismático intérprete que faleceu inesperadamente o pasado ano. Herdeiros da Crus encabeza o cartel desta homenaxe, que tamén conta coas actuacións dos grupos Fara Ways Place, La banda del camión, McKuin e os propios Riff/Raff, que para a ocasión contarán con ata cinco vocalistas, tres homes e dous mulleres, que ocuparan circunstancialmente o micro que deixou orfo a repentina e prematura desaparición de Toñito Pedreira o pasado 8 de maio de 2019 e que a banda ademáis busca cubrir para proseguir coa súa actividade musical.
A Rede Galega de Música ao Vivo crece
Xénero:
| 9 / 3 / 2020A sala Garufa Club da Coruña, unha das 20 asociadas este ano á Rede Galega de Música ao Vivo da Xunta de Galicia, acolleu hoxe a presentación da programación que se desenvolverá ata finais de ano no seo deste circuíto profesional, unha iniciativa nada da asociación de salas Clubtura hai 13 anos, xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A través del, o público poderá gozar dos 245 concertos de 81 solistas e grupos, 79 deles galegos, que terán lugar en 14 localidades das catro provincias con 20 salas en total, 18 delas socias de Clubtura. A súa programación completa deuse a coñecer nun acto no que interveu o director da Agadic, Jacobo Sutil, e mais os representantes das asociacións que colaboran coa Xunta na promoción da Rede Galega de Música Ao Vivo: Alberto Grandío, presidente de Clubtura, e César Morán, de Músicas ao Vivo.
David Regueiro Trío afonda no jazz Manouche con Areal
Xénero:
| 9 / 3 / 2020O guitarrista e compositor David Regueiro continúa o seu traballo no ronsel de Django Reinhardt. Desta volta, en formato trío, presenta Areal, un LP no que o o jazz manouche, con influencias de swing americano e be-bop, impregna nove temas de composición propia. Acompañado de Iago Reigosa á guitarra e de Juyma Stévez ao baixo, a formación incorpora colaboracións de Sarunas Pupelis ao clarinete en dous temas e de Ismael Cabaleiro ao violín noutro máis. O proxecto, autoeditado e gravado polo propio Regueiro está a iniciar este mes de marzo a súa xira de presentación. O Garufa Club da Coruña acollerá o vindeiro día 15 a presentación do álbum, e o tour continuará por Vigo (20 de marzo), Compostela (2 de abril), Zaragoza (9 de abril), Barcelona (10 de abril) e Bueu (14 de maio).
Germán Díaz e Tanxugueiras aparecen como favoritos nos Premios Opinión de Música de Raíz
Xénero:
| 6 / 3 / 2020O xornal La Opinión publicaba na mañá deste 6 de marzo a listaxe de finalistas para XIX edición dos Premios Opinión de Música de Raíz. Na listaxe destaca a presenza de Germán Díaz, que está presente nas catro categorías dos galardóns. O zanfonista, para alén de optar ao premio ao mellor intérprete, aspira ao de mellor disco polo Trece cancións bonitas que gravou con Benxa Otero, e onde se atopan tanto Es un sombrero, aspirante a mellor tema orixinal, como Alalá de Muxía, candidata á mellor adaptación dunha peza tradicional.
Xico de Carinho presenta 'Na harmónica', o seu primeiro disco en solitario
Xénero:
| 5 / 3 / 2020A Associaçom José Afonso-Galiza e a Gentalha do Pichel de Santiago organizan hoxe un acto de presentación do libro-disco Na harmónica, de Xico de Carinho, editado pola Central Folque. O acto, que contará coa cantautora Alba María ademais do propio Xico de Carinho, será ás 20:30 h. na Gentalha do Pichel (rúa de Santa Clara, 21) en Santiago de Compostela. A entrada é libre. Francisco Peña Villar, Xico de Carinho (Cariño, 1940), é unha personalidade singular, que foi punto de conexión de José Afonso con Galiza desde os anos 70, cando se coñeceron en París, até a homenaxe de 1985 no parque de Castrelos, organizada polas Asociacións Culturais e o xornal A Nosa Terra. No limiar de entrar na súa oitava década, Xico presenta o que é o seu primeiro disco propio, coas constantes do seu repertorio galego e luso-brasileiro orbitando arredor da harmónica, o instrumento máis amado por el. Con este libro disco inaugúrase Zeca, a nova colección de Libros-Cd de aCentral Folque.
MJ Pérez amplía rexistro con A luz prendida
Xénero:
| 3 / 3 / 2020Un proxecto autoeditado e autoproducido, no que a autora desenvolveu mesmo o deseño gráfico. Esta é a proposta de MJ Pérez para A luz prendida o seu cuarto álbum (segundo de estudio) que saíu á venda este 1 de marzo. A cantautora presenta quince temas nos que amplía o seu rexistro musical a explorar ritmos latinos, toques folk ou orientacións cara á música do mundo, indo para alén do seu pop-rock máis habitual.
Son Trío sacan o seu primeiro disco 'Miña Almiña'
Xénero:
| 2 / 3 / 2020Talvez poñer na rúa un disco completo xa non sexa un requisito fundamental para formar parte da escena musical ao cento por cento, pero facelo aínda ten o seu mérito ademais do seu traballo, por iso a presentación do primeiro disco longo de Son Trío, o álbum Miña almiña (Autoeditado) segue a ser un acontecemento. A Casa de Rosalía, en Padrón, acolleu o momento en que o trío formado por Katerina Linke (piano e composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello) amosaba en directo os temas que vertebran este seu disco. O sitio era o máis acaído toda vez que Miña Almiña son 9 cancións con música orixinal e letra de Rosalía de Castro. Melodías intimistas e elegantes, aproveitando os rexistros do cello e o piano para viaxar do jazz á clásica e á música tradicional, sempre en códigos contemporáneos.
Os Premios Martín Códax van pola sétima edición como escaparate de variedade musical galega
Xénero:
| 28 / 2 / 2020Cunha festa onde non faltou a música puxéronse en marcha onte oficialmente os Premios Martín Códax da Música na que xa vai ser a súa sétima edición. Estes galardóns anuais promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo teñen como obxectivo dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego. Para a presentación oficial acudiron á Sala Sónar de Santiago moitos membros da tribo musical do país e representantes da asociación MAV así como de todas as institucións e empresas que dan o seu apoio a esta iniciativa: Xabier Mera e Xiana Lastra como presidenta de Músicas Ao Vivo, María Garrido como Directora de Marketing de Bodegas Martín Códax, Carmen Fouces, Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Jacobo Sutil como Director da AGADIC e Victoria Alonso en representación da Deputación de Pontevedra. Brais Morán acompañado do seu grupo puxo o punto musical ao acto. Como cada ano, a convocatoria inclúe novidades coas que a asociación organizadora quere ir respondendo á realidade da escena musical e axustando os procesos para acadar mellores resultados. Algunhas destas novidades se presentaron onte.