Ir ao contido directamente.


Noticias

Fía na roca presenta en Contravento como novidade a incorporación da cantante Sonia Lebedynski

Xénero: Folk | 11 / 1 / 2002 + AUDIO

not_7504.jpg

Fía na roca presenta como principal novidade no seu terceiro disco, "Contravento" (Ceyba Music, 2001) a participación da nova cantora galega Sonia Lebedynski, incorporada como sétimo compoñente da formación, que estaba integrada por Xabier Bueno, Carlos Castro, Cris Gándara, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez. O disco contén doce pezas, sete saídas da tradición popular e as outras cinco composicións propias. Este disco ten no seu haber o galardón ao Mellor disco galego do 2001 por Radio Ecca e Segundo Mellor disco galego do 2001 segundo o xornal La Opinión. Ademais unha produción da televisión xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora da serie baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O diário de um mago", na cal relata a peregrinación que o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago. Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos desta serie interpretando o tema "Baile de Pandeiras" e entrevistándose coa estrela da televisión xaponesa Fumi Dan. Tamén durante a xira de presentación de Contravento, no verán de 2001, coincidiu a formación galega coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Das boas relacións que xurdiron entre eles resultou a gravación dun documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversario do grupo de Canadá. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a dúo un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.

A xira de presentación de “Alma de Buxo” nos Estados Unidos viuse cancelada polos acontecementos das Torres Xemelgas

Xénero: Folk | 22 / 10 / 2001 + IMAXES + AUDIO

imaxe non dispoñible

O buxo do que os Seivane levan facendo gaitas desde o ano 1939 foi a inspiración para poñer nome a este disco "Alma de buxo" (Boa Music, 2001). Susana amosa aquí a madeira da que está feita e que xa deixaba albiscar no anterior traballo "Susana Seivane" (Boa Music, 1999). A xira de promoción de "Alma de Buxo" viuse reducida polas circunstancias internacionais que comezaban o 11 de setembro. Ante a crecente inseguridade e un ambiente social nada propicio nos EUA para contribuír ó éxito da xira a gaiteira decidiu anular os seus compromisos para actuar nos Estados Unidos de América onde xa tiña concertados numerosos concertos, sen coñecerse a día de hoxe datas para unha posible continuación da xira en terras americanas. Para as trece pezas que conforman "Alma de Buxo" a gaiteira de Cecebre arrodéase de colaboradores algún dos cales xa a acompañaba no anterior disco, como Rodrígo Romaní, quen producira enteiramente aquel traballo e que aquí só colabora, xa que a mesma Seivane encargouse da produción. Nas gravacións acompañaron a Susana tamén importantes figuras da música tradicional e folk como Kepa Junquera, Uxía Senlle, Guadi Galego (Berrogüetto), Ugía Pedreira (Chouteira) e o seu propio avó, Xosé Manuel Seivane, gaiteiro e mestre artesán, que gravou dúas das composicións do seu repertorio.

O disco "Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso" recolle algunhas das mellores pezas deste músico septuaxenario que segue en activo

Xénero: Folk | 11 / 10 / 2001

not_7558.jpg

"O gaiteiro do Fragoso" ten xa setenta anos e moita gaita ás súas costas. Cincuenta e seis anos de profesión consolidaron o seu nome coma un dos principais mestres de gaita da segunda metade do século XX en Galicia. Nacido en 1930 no barrio de Lavadores de Vigo, acadou facer unha síntese entre a aprendizaxe tradicional da gaita e os métodos clásicos. Membro fundador do grupo "Os Cruceiros", de grande popularidade na Galicia dos anos sesenta, converteuse a partir de 1971 en mestre gaita no Conservatorio de Vigo. Logo da recente concesión da medalla Constantino Bellón en homenaxe á súa carreira, publícase agora "Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso" (Boa Music , 2001). Un disco no que se recollen quince das súas composicións orixinais. Estes temas amosan a pericia técnica e a sensibilidade musical do mestre Otero, e van desde os ritmos tradicionais da muiñeira ata o máis estraño da polca, todos eles empregados con grande acerto e axustando o ritmo á intención. Cada tema preséntase cun texto do propio Henrique no que explica o como xurdiu cada peza. Na gravación atopamos colaboracións de luxo coma a de Beatriz Riobó no único tema con voz do álbum ou as de varios dos membros de Noitarenga.

O IGAEM edita un duplo disco con temas das bandas participantes no certame da Liga de Bandas de Gaitas

Xénero: Folk | 9 / 8 / 2001

imaxe non dispoñible

"Galicia, bandas de gaitas", é un dobre CD que recolle as interpretacións de dezaoito formacións deste tipo gravadas no XI campeonato galego da Liga de Bandas de Gaitas que se celebrou o pasado novembro no mes de Teo. Un total de setenta e tres temas que foron rexistrados polo servizo de produción da Radio Galega nun álbum que é o primeiro que se edita coas actuacións en directo do certame. O disco esta editado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais en colaboración coa Federación Galega de Bandas.

O grupo Na Lúa celebra o seu vinte aniversario cun recopilatorio

Xénero: Folk | 9 / 8 / 2001

not_1456.jpg

O grupo de folk Na Lúa cumpría no 2000 vinte anos de existencia, o que o converte nun dos grupos máis veteráns do panorama galego. Lonxe fican xa aqueles días en que, onda grupos coma Milladoiro, Fía na Roca, Amerguín ou Doa, comezaron a traballar nun panorama pouco explorado coma era o do folk galego. Para celebrar o aniversario o grupo comezou a traballar nun recopilatorio que sae agora á rúa con dezaoito temas remesturados.

O cuarto traballo de Mutenrohi quere ofrecer unha música para gozar bailando

Xénero: Folk | 4 / 6 / 2001 + VIDEO + AUDIO

not_7510.jpg

Con DANZE (Zouma Records, 2001) Mutenrohi seguen na súa liña de innovación e investigación musical, buscando a unión real entre a música tradicional e o pop.O nome do disco revela a intención de ofrecer unha música para bailar, que faga dos seus concertos unha boa forma de pasar o rato, gozando dun espectáculo de música tradicional desde a elegancia e os arranxos. Mutenrohi ten sido dos primeiros en moitas cousas en Galicia. Foron o primeiro grupo folk que fixeron un disco en directo, os primeiros en realizar proxeccións nos concertos, en usar bailaríns nos espectáculos, dos primeiros en usar "loops" e secuencias musicais nas súas producións. É tamén a primeira das novas bandas que recuperou a voz para as súas gravacións, como neste traballo que inclúe seis temas vocais. A voz de Cristina Barriga volta á banda despois de colaboracións no anterior disco ("Cousas da Lúa", CNR Arcade 1999) e de ir de xira con Cristina Pato.

En “Todo vai ben” os Zënzar mesturan o rock coa denuncia social

Xénero: Rock | 2 / 6 / 2001 + VINCULO + AUDIO

not_7511.jpg

O grupo Zënzar achéganos desde Meirama o seu segundo disco, "Todo vai ben". Detrás dunha espectacular portada debuxada por Javi Prieto atopamos trece temas ben tocados e cantados integramente en galego nos que a enerxía máis pura mestúrase co lirismo e coa denuncia social. Os Zënzar continúan co seu estilo: ritmos rápidos con guitarras contundentes conforman o groso do disco. As letras, agudas e críticas, conforman unha paisaxe na que a carraxe e a ironía son as armas contra o caciquismo, contra a destrución do medio, contra o poder e a hipocrisía. O disco gravouse nos estudios "Nuevos fusión" de Javier Abreu en Nigrán entre decembro do ano 2000 e febreiro deste ano, e foi producido integramente polo propio grupo. A pesar de que o rock duro é o ritmo dominante no disco, atopamos dous temas nos que o grupo se abre a outros ritmos con colaboracións de luxo. Xan dos Papaqueixos achega a súa gaita a "Todos me queren", adaptación dun tema popular. Pola súa banda, Rómulo Sanjurjo, dos Diplomáticos, toca o acordeón en "A banda do coche encarnado", un narco-corrido achegado á realidade galega.

"Se o boom da música tradicional fose auténtico habería máis grupos que se terían profesionalizado"

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2001

imaxe non dispoñible

Ugía Pedreira está a consolidarse coma unha referencia indiscutible na música folk e tradicional galega. Tanto desde os escenarios, onde co grupo Chouteira revolucionou o xeito de tocar folc, coma desde a dirección do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, que vai polo seu segundo ano de andaina. Desde este conservatorio colaborou na organización do I Congreso de Antropoloxía Musical que se celebrou na capital do Deza. Considerada como unha das mellores vocalistas do panorama galego, demostra nesta entrevista que ademais de voz posúe unha grande capacidade de análise sobre a situación da música tradicional e explícanos como se desenvolveu o congreso.

As pandeireteiras Anubía presentan o seu primeiro disco "Segredo a voces"

Xénero: Folk | 21 / 5 / 2001 + IMAXES + AUDIO

not_7520.jpg

Anubía é un grupo formado por seis pandeireteiras que na puberdade xuntáronse a cantar dentro da Agrupación Folklórica Cantigas e Agarimos e que comezaron a súa experiencia en gravacións participando en 1996 co grupo Berrogüetto no álbum Navicularia. Co seu primeiro traballo discográfico "Segredo a voces" (Boa Music, 2001) Eva Blanco, Maite Castro, Ana Blanco, Teresa Triáns, Patricia Blanco e Isabel Vilaseco amosan o seu dominio das cordas vocais. Nos doce temas que se recollen no disco as polifonías vocais quedan equilibradas entre elas e cos instrumentos grazas a un bo traballo de produción da man de Pancho Álvarez, membro da banda de Carlos Núñez. Nesta ducia de temas do disco atopamos influencias ben asimiladas de ritmos árabes ou melodías pop que enriquecen e achegan orixinalidade. Sen dúbida que as achegas de catro dos membros de Berrogüetto á gravación do álbum contribúe a dotar ó son dunha calidade excepcional.

O primeiro Congreso de Antropoloxía Musical Galega aborda a función da música na sociedade tradicional e na construcción dunha cultura diferenciada

Xénero: Folk | 18 / 5 / 2001

imaxe non dispoñible

Se hai moitos xeitos de tocar música, en Lalín tócase dunha maneira moi peculiar esta fin de semana. O encontro de antropoloxía musical organizado polo Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, comprende conferencias, coloquios, exposicións e, por suposto, concertos.

<< Inicio / Anterior . 3551 a 3560 de 3568 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR