Noticias
A pesar de ser un dos espectáculos con maior éxito de público, a ópera continúa a ter asociada unha imaxe elitista
Xénero:
| 26 / 9 / 2005Ao longo do século XX a ópera e os concertos de música clásica constituíronse coma un fenómeno social de elites. A nobreza e a burguesía das grandes cidades acudían aos teatros ver o espectáculo tanto como para alternar, e facía destes lugares artísticos centros sociais de primeira orde onde se resolvían alianzas económicas, políticas e cuestións sentimentais. Na actualidade estes eventos musicais continúan a concentrar a atención de moita xente, tamén en Galicia. ¿Conservan tamén esa destacada función social?
Mutenrohi celebra o décimo aniversario cun disco e DVD e Islabikini presenta o seu novo disco en Lugo
Xénero:
| 22 / 9 / 2005Comeza o outono musical coa presentación do disco recompilatorio do grupo ourensán Mutenrohi. O disco supón un repaso á historia desta banda con dezaoito temas dos seus dez anos de actividade e inclúe un DVD co seu percorrido musical. A presentación do disco, no Teatro Principal de Ourense, consistirá nunha actuación cuxa recadación irá en beneficio da Asociación Down Ourense. Os que tamén presentan traballo na súa cidade de nacemento son os lugueses Islabikini que actúan este xoves 22 na sala Clavicémbalo presentando Photographs (Falcatruada, 2005) e que ademais participarán no San Froilán co único concerto en solitario dun grupo local nestas festas.
Máis información no sitio de Islabikini
e de Mutenrohi no sitio de Zouma Records
A creación dunha cooperativa de profesores evitará a desaparición do histórico conservatorio de Compostela
Xénero:
| 9 / 9 / 2005Logo do longo período de incerteza sobre a súa continuidade, o conservatorio histórico de Compostela inicia este curso unha nova etapa. Seis dos docentes deste centro decidiron constituír unha cooperativa, co que se desliga o centro da histórica Real Sociedade Económica de Amigos do País, que o xestionaba desde cincuenta anos atrás. O conservatorio quere funcionar achegando un ensino personalizado e adaptado a diferentes idades. Ademais, os promotores desta nova etapa pretenden tamén desenvolver actividades culturais de cara ao público.
Máis información en La Voz de Galicia e nos nosos arquivos
A guerra será o eixe de traballo para a Orquestra Sinfónica de Galicia na temporada que agora comeza
Xénero:
| 30 / 8 / 2005Unha programación que quere facer reflexionar sobre os conflitos a través da música clásica. Esta é a proposta que fai a Orquestra Sinfónica de Galicia na temporada que agora comeza a través de autores coma Carlos López García e Octavio Vázquez, galegos que compuxeron senllas obras ambientadas na Guerra Civil. A nivel internacional Britte, Shostakovich (de quen se fará unha estrea mundial) ou Penderecki son outros compositores que representarán esta tráxica cuestión. Entre os plans da orquestra está tamén realizar unha xira por Sudamérica na que visitará as comunidades galegas emigradas.
Máis información en La Opinión, en La Voz de Galicia e en El Ideal Gallego
Un tema de Luar na Lubre forma parte do proxecto musical “Love the Earth” da Expo de Aichi
Xénero:
| 14 / 7 / 2005A canción Terra, incluída no disco “XV Aniversario” de Luar na Lubre, foi seleccionada para estar incluída no CD do programa musical preparado pola Exposición Universal de Aichi, en Xapón, que ten como lema “A sabedoría da Natureza”. O grupo galego achega así un tema dos dezasete que compoñen o álbum “Love the Earth” e no que comparte disco con artistas como Loreena McKennitt, Eric Clapton, Youssou N’Dour ou The Corrs, entre outros. O disco inclúe a letra en galego e en xaponés. Os representantes do grupo están en negociacións para levar a Luar na Lubre a actuar proximamente nalgún dos festivais de música celta que se fan anualmente no Xapón.
Máis información no sitio de Luar na Lubre
e no sitio web da EXPO de Aichi
Os dous modelos de gaitas enfróntanse entre si
Xénero:
| 13 / 7 / 2005Os gaiteiros andan revoltos. Nos últimos tempos houbo unha forte disensión entre os grupos pontevedreses partidarios da estética e técnica instrumental escocesa cos defensores dunha vía máis tradicional. Chove sobre mollado, xa que hai 15 anos houbo unha liorta semellante cando se creou a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Aínda que hoxe a polémica está resolta, queda claro que existen dous modelos que conviven no noso país e que van por camiños distintos.
As principais orquestras galegas dedican a maior parte da súa programación a compositores estranxeiros
Xénero:
| 11 / 7 / 2005Nesta edición do Festival de Música de Galicia, estreouse unha obra de Rogelio Groba (Pontevedra, 1930) composta para flauta, oboe, clarinete, fagot e cordas. Era unha estrea mundial que supuña ver interpretada unha obra puramente galega. Pero este non é un feito moi habitual no panorama musical. Pasen e escoiten.
Grupos galegos de folk súmanse ao Manifesto a prol da música de raíz da SGAE
Xénero:
| 28 / 6 / 2005Membros dos grupos máis coñecidos do noso folk, coma Berrogüetto, Milladoiro, Quempallou ou Luar na Lubre, canda a outros coma Rosa Cedrón, Carlos Núñez ou Rodrigo Romaní son algúns dos asinantes do “Manifesta pola música de raíz” que presentaba onte a Sociedade Xeral de Autores e Editores en Oviedo. O texto reivindica o recoñecemento das figuras dos autores e dos intérpretes e reclama un salario xusto para os músicos deste xénero. Simultaneamnte coñecemos que as bandas Manxadoira, Xarabal, Xochilmica, Os Enxebres e Pepe Vaamonde entre outros representarán o noso país no XXXV Festival Intercéltico de Lorient, en Brataña, o vindeiro mes de agosto. No evento participarán, canda a eles, Susana Seivane e Carlos Núñez coma un dos cabezas do cartel.
Máis información sobre o manifesto da SGAE en Galicia Hoxe e en Faro de Vigo sobre Lorient no web do festival
Varias entidades recuperan a figura de Bal y Gay cunha exposición e varios concertos
Xénero:
| 23 / 6 / 2005A Consellaría de Cultura, a Residencia de Estudantes e a Universidade de Santiago traballan xuntas para facer unha homenaxe ao compositor lucense Xesús Bal y Gay no centenario do seu nacemento. Para facelo montaron unha exposición que se inaugurará en novembro en Lugo na que recordaran a súa traxectoria vital e a súa obra, entre a que destaca o “Cancioneiro Galego”. A mostra estará acompañada dun ciclo de concertos no que se interpretarán obras de Bal y Gay.
Máis información en Galicia Hoxe e sobre Bal y Gay no noso tema
Os músicos de jazz do país únense para facer valer os seus intereses
Xénero:
| 22 / 6 / 2005Ultimamente hai un rexurdir do jazz en Galicia. Sociedades, festivais e un público minoritario pero cada vez máis numeroso son bos indicadores deste fenómeno. O último exemplo tivo lugar onte en Vigo, onde se presentou a Asociación galega de músicos de jazz. Entre os seus obxectivos están promover actividades musicais deste estilo, facer de ponte entre os músicos e a administración e servir de altofalante das necesidades deste colectivo. O pianista ourensá Alberto Conde é o presidente dun colectivo que conta con membros como Alberto Somoza, Nani García, Abe Rábade ou Manuel Gutiérrez.
Máis información no Faro de Vigo e sobre o jazz no noso tema