Noticias
A Regueifa inaugura a sección de arqueoloxía musical cos primeiros temas gravados por un solista galego na Arxentina
Xénero:
| 21 / 6 / 2006A primeira gravación sonora galega documentada ata o momento é a que fixo na Coruña o coro “Aires d`a Terra” en 1904. A esta gravación únenselle dúas máis coas que o web A Regueifa Plataforma acaba de estrear a sección “Arqueoloxía musical”. Trátanse de dous traballos posteriores, de 1910 e 1913 que, segundo asegura este sitio, “posiblemente sexa a primeira gravación da historia dun solista cantando en galego”. Trátase de dúas composicións: “Alborada Galega”, con partitura de Pascual Veiga sobre un texto de Francisco María de la Iglesia e “Os meus amores”, unha composición de Xosé Baldomir sobre un texto de Salvador Lope. Ambos os dous fragmentos foron dixitalizados, recuperados e restaurados por esta sociedade sen ánimo de lucro que asegura que foron “gravados por Saturnino M. Navarro en Buenos Aires co selo Polyphon”.
Máis información en A Regueifa
O grupo coruñés Mr.Dixie son recoñecidos como os mellores do seu estilo en toda Europa
Xénero:
| 19 / 6 / 2006A veterana banda coruñesa Mr. Dixie Jazz Band foi distinguida como a mellor orquestra Dixieland europea 2006 na primeira edición do Euro Jazz Festival Dixieland-Nueva Orleans celebrado a pasada semana na localidade francesa de Rueil Malmaison, a poucos quilómetros do centro de París. O certame reuniu durante catro días a 16 orquestras de outros tantos países da Unión Europea coa fin de dar una dimensión europeísta ao jazz, e de divulgar e recoñecer ao xénero do jazz tradicional ou hot jazz de Nova Orleans. Ademais do recoñecemento ao grupo tres dos compoñentes tamén foron premiados como intérpretes na competición. Guillermo Lancelotti, líder, trompeta e corneta de Mr. Dixie Jazz Band, levou o premio ao mellor solista, e houbo mencións para o tuba Óscar Prieto e o clarinetista Víctor Sánchez. A banda leva desde 1998 como referencia indiscutible do jazz tradicional en Galicia e ten gravado o disco "Vamos a reventar".
Máis información no xornal La Opinión
Preséntase un disco conxunto de Treixadura gaiteiros e Orfeón Treixadura
Xénero:
| 15 / 6 / 2006No seu cuarto traballo discográfico, “Unha semaniña enteira” (PAI música), o consolidado grupo Treixadura Gaiteiros presenta a xuntanza de dúas concepcións da música popular: o canto e a gaita. O Orfeón Treixadura, creado ex profeso para a gravación dunha das cancións do anterior disco “Unha noite non é nada”(2003) engade aquí a forza das súas voces ás melodías dos gaiteiros incidindo no pouso que o canto popular foi deitando na historia da música galega. Dos once temas do disco, gravados entre os estudos Casa de Tolos e Edisco a finais do 2005, tan só un é unicamente instrumental. Este é o terceiro disco de Treixadura que leva por título un dos versos da cantiga popular “Unha noite no muíño” e os compoñentes do grupo xa anunciaron durante a presentación do disco no Consello da Cultura Galega a próxima realización dun disco que se chamará “Esa si que é muiñada”.
Máis información en Consello da Cultura Galega
Os vigueses Ectoplasma presentan en La Fábrica de Chocolate o seu primeiro disco
Xénero: VIDEO
| 15 / 6 / 2006 +Co veterano músico vigués Nicolás Pastoriza á fronte a banda viguesa Ectoplasma presenta agora o seu primeiro disco “Amor por lo paranormal” que aínda tardará uns meses en saír ao mercado da man do selo POP & CO. Ectoplasma está liderado por Nicolás Pastoriza, compositor e voz do grupo que formou parte de moitas outras bandas como “Bromea o qué?” ou La Marabunta, entre outras. Xunto a el no grupo están tamén os ex- Piratas Paco Serén e Hal 9000, así como David Rodríguez, Andrea Montes e Saúl Puga. O disco está producido polo guardés Pablo Iglesias e gravado baixo o seu selo Pop&Co Grabaciones. O traballo reúne 10 cancións en castelán con temáticas do fantástico, a ciencia ficción e os límites da realidade. Na festa de presentación do disco este venres en La Fábrica de Chocolate Club sortearanse ademais entradas para o FIB.
Máis información no sitio de Ectoplasma
A mestizaxe, a danza e grupos consolidados conforman a aposta da nova edición do Festival de Ortigueira
Xénero:
| 12 / 6 / 2006O 6 de xullo comeza unha nova edición do Festival Celta de Ortigueira. O evento musical de Galicia que concentra a un maior numero de visitantes e que este ano promete cun programa “mais ousado ca nunca” como se atreveu a dicir o director artístico, Fran Rivera, na presentación do festival. Solas, Four Men and a Dog e Gwendal son algunhas das bandas que participan nun programa no que haberá un sitio destacado para a danza. Ademais, “Galicia & outras músicas” é o nome do plato forte, un singular proxecto dirixido polo produtor Javier Limón que repasará todo o repertorio tradicional galego.
Máis información no web do Festival, e en La Voz de Galicia, El Correo Gallego e na nosa hemeroteca
Dez anos despois do seu anterior álbum Magin Blanco saca novo disco
Xénero: VIDEO + IMAXES
| 6 / 6 / 2006 +O veterano músico rués, Magín Blanco ten un novo disco gravado na Casa de Tolos e producido por Segundo Grandío. “Ella” é o disco deste músico que gravou os seu primeiros temas en 1987 e que en 1988 tivo o seu primeiro disco propio “La Rosa” (Edigal). O anterior traballo de Magín Blanco fora o disco “En el arco iris” gravado en 1994 coa discográfica Sons Galiza; nesta ocasión Blanco consegue a colaboración de músicos como Uxía Senlle, Nacho Novo ou Gloria Van Aersen, compoñente de Vainica Doble, para algúns dos once temas do disco. O álbum presentouse oficialmente hoxe nas instalacións do estudo de gravación Casa de Tolos, en Gondomar nun acto no que a discográfica PAI música presentou as súas novidades discográficas da tempada primavera- verán. nos que tamén están os discos do grupo Treixadura, Augusto Canário & Amigos, El Cubo e Queno.
O programa Extrarradio e Vieiros organizan un concurso na procura da canción galega do verán
Xénero:
| 6 / 6 / 2006A Radio Galega, a través do programa Extrarradio, e o diario electrónico Vieiros veñen de abrir en colaboración a convocatoria para un concurso que durará ata setembro e que ten como obxectivo proclamar cal é a canción do verán do 2006 en galego. O concurso “A polo ghit!” está aberto a todos os músicos que queiran con cancións gravadas en galego, que serán difundidas pola rede en Vieiros con licenza Creative Commons. Un xurado composto por xente do mundo da música e da comunicación elixirá en setembro o tema gañador, que será premiado coa gravación profesional dun videoclip e a actuación en programas da Televisión de Galicia. A cancións poden escoitarse e descargarse en Vieiros, e mesmo facer de xeito paralelo unha votación con comentarios engadidos.
Máis información en Vieiros
Volve o grupo de cantareiras Faltriqueira ao panorama discográfico con Efffecto
Xénero:
| 6 / 6 / 2006As catro cantareiras de Pontedeume presentan o seu segundo disco “Effecto” (Resistencia, 2006) no conflúen unha variedade de estilos musicais alén dos temas tradicionais. Ana Leira, Carolina Ródriguez, María López e Teresa García foron alternando concertos e xiras cos ensaios onde seleccionaron e prepararon o repertorio do seu novo álbum. Faltriqueira (Resistencia, 2002), o seu primeiro traballo levounas á portada da revista Folk Roots, referente da música con raíces, e conseguiulles a aceptación da crítica especializada, como o demostra o ter sido escollido entre os 10 mellores álbums do 2003 na World Music Charts Europe (lista europea de músicas do mundo). O segundo disco busca a confirmación musical do grupo e, na busca da variedade, alternan as recreacións de temas tradicionais, a cantiga medieval, os ritmos do leste europeo o da Senegal e mesmo a adaptación dun tema folk estadounidense que interpretaran Emmylou Harris, Linda Ronstadt e Dolly Parton. Tamén está presente o “Canto libre” de Víctor Jara. e dous cancións representativas da discografía galega dos anos setenta: “Meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos e “Corpiño xeitoso” de Andrés do Barro.
Máis información La Opinión
O Xacobeo presenta os 43 concertos “Vía Stellae”, o festival que substitúe ao Festival de Música de Galicia
Xénero:
| 2 / 6 / 2006A formación “Europa Galante” (Auditorio de Galicia, 5 de xullo, 21:00 horas) é a encargada de abrir a primeira edición do Festival de Música de Compostela e os seus Camiños Vía Stellae 2006. Trátase do programa organizado pola Xunta, a través do Xacobeo, que substitúe ao anterior Festival Internacional de Música de Galicia. 43 concertos de música barroca e antiga compoñen un programa que rematará o 25 de xullo. O evento, que pretende converterse no gran festival de música de Galicia, celebrarase en Santiago e en diferentes localidades polas que transcorren as rutas xacobeas.
Máis información sobre o programa en La Voz de Galicia e El Correo Gallego, en La Opinión e máis información na nosa hemeroteca sobre o Festival Internacional de Música de Galicia
O primeiro festival de hip-hop da Coruña pretende reunir a tres milleiros de afeccionados ao xénero
Xénero:
| 31 / 5 / 2006No Coliseum da Coruña, e coa presentación do actor Serxio Pazos, o espectáculo “Bombos,caixas e cristais” reunirá este sábado día 3 de xuño unha representación do movemento hip-hop en todas as súas variantes. Este festival reunirá a seis grupos nacionais, dous deles galegos –Dios ke te crew e Low & Overground Orkesta- e aos ingleses Foreign Beggars. Tamén haberá espazo e tempo dentro das seis horas para a exhibición de graffiti e o espectáculo de break dance. Serxio Pazos incorporará á súa presentación a interpretación de un rap dedicado ao político Francisco Vázquez. Os promotores do festival, a produtora Gabba Gabba Hey, demandaron un apoio das institucións para converter o festival nun referente galego e nacional.
Máis información no Programa do Festival