Noticias
As firmas dedicadas á xestión de concertos coordínanse na Asociación Galega de Empresarios Musicais
Xénero: | 24 / 5 / 2007
O proceso de reorganización do sector da música galega continúa. Desta volta, "El País" achéganos a nova da vindeira constitución da Asociación Galega de Empresarios Musicais (AGEM). Esta nova entidade quere agrupar as firmas que traballan na música en directo e conta xa con trece asociados, entre eles Nordesía, Nocturna, XXL Producións, La Fábrica de Chocolate, Nalgures ou Producións Independentes Culturais.
Máis información en El País e nas nosas reportaxes sobre música
O selo PAI anuncia o lanzamento do primeiro disco do grupo arousán Cornelius
Xénero: | 24 / 5 / 2007 + AUDIO + VIDEO
Nas vindeiras semanas o selo discográfico PAI- Música presentará o primeiro disco do grupo Cornelius que levará por nome "Greatest Hits". Cornelius é unha banda de Vilagarcía de Arousa que veñen de gañar o certame de pop-rock MusicaliA! de Vigo. O seu estilo musical abarca rock, funk, rock&roll, hard rock ou acústico, cantado sempre en inglés. A banda está formada por David "Chiquillo" ás voces, Antonio Casado "El Abuelo" & Toni B. Willisch ás guitarras, Jose Vilas no órgano e piano e a sección rítmica a forman Andoni Arcos ao baixo e Ton Risco á batería. O disco foi mesturado e masterizado por Segundo Grandío no estudio Casa de Tolos e estará nas rúas a partires de xuño.
A Orquestra Sinfónica de Galicia cumpre 15 anos buscando unha proxección exterior do seu traballo
Xénero: | 24 / 5 / 2007
Ten quince anos, é apenas unha adolescente pero xa ten interpretado obras de Mozart, Wagner e Shostakovich, entre outros. É a orquestra residente do festival Rossini en Pesaro (Italia) e sostén todos os anos na Coruña o Mozart e o da Ópera. A Orquestra Sinfónica de Galicia está de aniversario e faino poñendo os ollos na proxección internacional do seu proxecto. Un traballo que ten un nome propio: o de Víctor Pablo Pérez.
O grupo Xochilmica grava na Casa das Crechas un tema para o seu próximo disco
Xénero: | 23 / 5 / 2007
Este xoves día 24 o grupo Xochilmica entrará no pub Casa das Crechas de Santiago para executar e gravar en directo un dos temas que encherán o seu próximo disco. Con esta finalidade sobre as 22:30 horas reuniranse no local compostelán con colaboradores de luxo como o mestre gaiteiro Edelmiro Fernández, con Pedro Pascual (Marful, Talabarte Trio), con Santi Cribeiro e Quin Fariña (Berrogüetto) , Manuel Amigo (Dhais) e as voces das pandereteiras de “Cantigas e Agarimos”. A Casa Das Crechas, un dos maiores santuarios da musica folk en Galicia fai este ano o seu vinte aniversario e vai servir a Xocilmica coma marco perfecto para esta gravación. Xochilmica ven actuando desde o ano 2003, o seu primeiro disco “5 elementos gravouno como resultado de ter gañado o “V Certame de Música Folk de Radio Obradoiro”.
Cancións de The Homens e Quant nun disco compilatorio editado por una revista xermana
Xénero: | 23 / 5 / 2007 + VINCULO
Os composteláns The Homens e os ferroláns Quant son as dúas bandas galegas seleccionadas para participar no compilatorio “Share It, Spread It, Love It” editado pola revista xermana Metawelle baixo licenza copyleft. Vinte e unha bandas con cadansúa canción enchen este disco que se pode descargar da rede completamente de balde. O trío The Homens está representado polo seu tema “Uh, Uh, Uuhhh” mentres que o dúo Quant pon a canción “Radiatiot Love” no disco. Do disco fixéronse só cen copias físicas sacadas á venda ao simbólico prezo de 0,70 euros e pode descargarse de balde nos formatos MP3 e OGG.
Máis información en Sono-Tone
Paideia, a Deputación e o Grupo Progreso asinan un convenio para promover a música en Lugo
Xénero: | 22 / 5 / 2007
Promover a gravación e a difusión dun disco a seis conxuntos, bandas, corais ou grupos de cámara da provincia de Lugo. Este é o obxectivo último do acordo que veñen de asinar os responsables da Deputación lucense, o Grupo Progreso e a Fundación Paideia. En virtude deste convenio convocarán un concurso no que os dous primeiros gravarán un disco de balde, mentres que os catro restantes contarán con axudas para editar o seu proxecto musical.
Máis información na edición impresa de El Progreso
Os Cempés despediranse do seu público na gala dos VI Premios Opinión de Música Folk
Xénero: | 21 / 5 / 2007
O vindeiro 11 de outubro o escenario do Teatro Colón na Coruña acollerá a gala e entrega dos VI Premios Opinión de Música Folk e xa está confirmado o cartel de músicos que actuarán nesta celebración. A gala servirá como colofón de despedida para o grupo ferrolán Os Cempés, que se disolve despois dunha ducia de anos en activo e dará aquí o que probablemente sexa o seu último concerto. Tamén o trío Nordestin@s, grandes protagonistas do ano discográfico acompañarán coa súa actuación esta gala, así como está prevista a actuación do gaiteiro Xosé Miguélez, primeiro intérprete deste instrumento en posuír un título oficial d mesmo. A voz de Maite Dono pechará as actuacións da gala acompañada por un piano.
Máis información en La Opinión
Comeza o Festival Mozart que recupera a figura do compositor salzburgués.
Xénero: | 16 / 5 / 2007
Wolfgang Amadeus Mozart comezou a escribir o "Requiem" por encarga. É unha das súas obras máis profundas e está inacabada, xa que Mozart morreu cando a estaba a compoñer. Esta obra, unha das máis coñecidas, inaugura esta noite (21:30 horas) un Festival Mozart que estrea cúpula directiva e nova orientación: a ópera e Mozart volven ser os eixes do festival, conta con figuras de primeiro nivel (Ainhoa Arteta, Paul McCressh, Rudolf Buchbinder, Massimo Spadano) e contará cun ciclo dirixido por Alberto Zedda dedicado a Rossini.
Máis información no web do Festival e sobre edicións anteriores na nosa hemeroteca
Bota a andar Mega, o soportal de Culturagalega.org dedicado á música
Xénero: | 15 / 5 / 2007
Grupos, discos, empresas, concertos, novidades, análises, cancións, vídeos... Todo o que teña que ver coa música no noso país ten un oco en Mega. "Música en Galicia" é o lema do novo soportal de Culturagalega.org sae hoxe á rede coa intención de cubrir un ámbito da nosa cultura que se atopa en plena transformación. Ao xeito dos outros soportais do noso medio, este espazo quere ser un espazo de referencia que recolla toda a actualidade do sector.
Máis información en Mega
Xabier Díaz rescata músicas populares no seu segundo traballo en solitario
Xénero: | 15 / 5 / 2007 + AUDIO + IMAXES
O segundo traballo de Xabier Díaz “Coplas Para Icía“ (Músicas de Salitre,2007) xa ten anunciada a súa chegada ás tendas para a segunda quincena deste mesmo mes. En “Coplas Para Icía” Díaz ten como compañeiros de viaxe ao percusionista e gaiteiro Pedro Lamas e o acordeonista Suso Iglesias. Neste disco Díaz rescata músicas do pobo tomadas do seu propio arquivo, compilación froito dun extenso traballo de campo entre os anos 1990 e 2000. A presentación en concerto está prevista para o vindeiro 22 de xuño en Culleredo ( A Coruña ) . Xabier Díaz foi finalista aos Premios da Academia da Música no 2005 polo disco “Músicas de Salitre“ que fixo xunto con Guillermo Fernández e co que acadou o 3º posto na edición dos galardóns La Opinión do mesmo ano.


