Noticias
Cancións de The Homens e Quant nun disco compilatorio editado por una revista xermana
Xénero: VINCULO
| 23 / 5 / 2007 +Os composteláns The Homens e os ferroláns Quant son as dúas bandas galegas seleccionadas para participar no compilatorio “Share It, Spread It, Love It” editado pola revista xermana Metawelle baixo licenza copyleft. Vinte e unha bandas con cadansúa canción enchen este disco que se pode descargar da rede completamente de balde. O trío The Homens está representado polo seu tema “Uh, Uh, Uuhhh” mentres que o dúo Quant pon a canción “Radiatiot Love” no disco. Do disco fixéronse só cen copias físicas sacadas á venda ao simbólico prezo de 0,70 euros e pode descargarse de balde nos formatos MP3 e OGG.
Máis información en Sono-Tone
Paideia, a Deputación e o Grupo Progreso asinan un convenio para promover a música en Lugo
Xénero:
| 22 / 5 / 2007Promover a gravación e a difusión dun disco a seis conxuntos, bandas, corais ou grupos de cámara da provincia de Lugo. Este é o obxectivo último do acordo que veñen de asinar os responsables da Deputación lucense, o Grupo Progreso e a Fundación Paideia. En virtude deste convenio convocarán un concurso no que os dous primeiros gravarán un disco de balde, mentres que os catro restantes contarán con axudas para editar o seu proxecto musical.
Máis información na edición impresa de El Progreso
Os Cempés despediranse do seu público na gala dos VI Premios Opinión de Música Folk
Xénero:
| 21 / 5 / 2007O vindeiro 11 de outubro o escenario do Teatro Colón na Coruña acollerá a gala e entrega dos VI Premios Opinión de Música Folk e xa está confirmado o cartel de músicos que actuarán nesta celebración. A gala servirá como colofón de despedida para o grupo ferrolán Os Cempés, que se disolve despois dunha ducia de anos en activo e dará aquí o que probablemente sexa o seu último concerto. Tamén o trío Nordestin@s, grandes protagonistas do ano discográfico acompañarán coa súa actuación esta gala, así como está prevista a actuación do gaiteiro Xosé Miguélez, primeiro intérprete deste instrumento en posuír un título oficial d mesmo. A voz de Maite Dono pechará as actuacións da gala acompañada por un piano.
Máis información en La Opinión
Comeza o Festival Mozart que recupera a figura do compositor salzburgués.
Xénero:
| 16 / 5 / 2007Wolfgang Amadeus Mozart comezou a escribir o "Requiem" por encarga. É unha das súas obras máis profundas e está inacabada, xa que Mozart morreu cando a estaba a compoñer. Esta obra, unha das máis coñecidas, inaugura esta noite (21:30 horas) un Festival Mozart que estrea cúpula directiva e nova orientación: a ópera e Mozart volven ser os eixes do festival, conta con figuras de primeiro nivel (Ainhoa Arteta, Paul McCressh, Rudolf Buchbinder, Massimo Spadano) e contará cun ciclo dirixido por Alberto Zedda dedicado a Rossini.
Máis información no web do Festival e sobre edicións anteriores na nosa hemeroteca
Bota a andar Mega, o soportal de Culturagalega.org dedicado á música
Xénero:
| 15 / 5 / 2007Grupos, discos, empresas, concertos, novidades, análises, cancións, vídeos... Todo o que teña que ver coa música no noso país ten un oco en Mega. "Música en Galicia" é o lema do novo soportal de Culturagalega.org sae hoxe á rede coa intención de cubrir un ámbito da nosa cultura que se atopa en plena transformación. Ao xeito dos outros soportais do noso medio, este espazo quere ser un espazo de referencia que recolla toda a actualidade do sector.
Máis información en Mega
Xabier Díaz rescata músicas populares no seu segundo traballo en solitario
Xénero: AUDIO + IMAXES
| 15 / 5 / 2007 +O segundo traballo de Xabier Díaz “Coplas Para Icía“ (Músicas de Salitre,2007) xa ten anunciada a súa chegada ás tendas para a segunda quincena deste mesmo mes. En “Coplas Para Icía” Díaz ten como compañeiros de viaxe ao percusionista e gaiteiro Pedro Lamas e o acordeonista Suso Iglesias. Neste disco Díaz rescata músicas do pobo tomadas do seu propio arquivo, compilación froito dun extenso traballo de campo entre os anos 1990 e 2000. A presentación en concerto está prevista para o vindeiro 22 de xuño en Culleredo ( A Coruña ) . Xabier Díaz foi finalista aos Premios da Academia da Música no 2005 polo disco “Músicas de Salitre“ que fixo xunto con Guillermo Fernández e co que acadou o 3º posto na edición dos galardóns La Opinión do mesmo ano.
Entre Trastes fai un percorrido pola música celta para instrumentos de corda no seu primeiro disco
Xénero:
| 15 / 5 / 2007A discográfica ourensá Zouma Records ven de sacar á venda o disco “Entre Trastes”, primeiro da formación do mesmo nome. Álvaro Iglesias ao contrabaixo, Daniel Vilar á guitarra e Xosé Liz ao bouzuki conforman este trío de virtuosos das cordas. Todos eles teñen xa unha ampla experiencia na música tradicional e actuaron xunto a artistas como Carlos Núñez, Pancho Álvarez ou Rodrigo Romaní entre outros. Álvaro Iglesias e Xosé Liz tamén forman parte do grupo Aran. Nos rece temas deste primeiro disco presentan un percorrido polas posibilidades que a música celta presenta para os instrumentos de corda.
Cultura Quente presenta un programa con figuras internacionais no seu décimo aniversario
Xénero:
| 14 / 5 / 2007O festival de verán de Caldas Cultura Quente ven de presentar o cartel para a que será a súa décima edición os vindeiros días 13 e 14 de xullo. Ante a celebración de aniversario a organización quixo facer desta unha ocasión especial e presentou un cartel cheo de nomes de sona da escena internacional. As cabezas de cartel levan os nomes dos ingleses Asian Dub Foundation e Kula Shaker, o sueco Jay Jay Johanson, os franceses Fancy ou os británicos White Rose Movement tamén estarán en Caldas entre outros. A música galega estará representada polos grupos The Ellas, GalegoZ, Ectoplasma, Dismal, Elodio y Los Seres queridos e algúns picadiscos. Todas as actuacións serán de balde.
Máis información en La Voz de Galicia
Preséntase a Asociación Galega de Músicos Alternativos
Xénero:
| 14 / 5 / 2007Os movementos de integración que están a soprar no sector da música chegan aos propios creadores. Acaba de se facer pública a creación da Asociación Galega de Músicos Alternativos (AGMA), un colectivo que pretende unir autores e intérpretes e que nace cunha vocación claramente profesional. Entre outros obxectivos, a AGMA quere mellorar as condicións de traballo, asesorar os seus socios, e servir como foro de debate sobre os problemas do sector.
Máis sobre a situación do sector nos nosos arquivos
A segunda edición do programa Vai de Camiño achegan 181 actuacións de danza, música e maxia
Xénero:
| 11 / 5 / 2007Nada menos de 118 vilas dos concellos polos que pasan as diferentes rutas xacobeas contarán este verán con 181 actuacións de música, danza e maxia. A segunda edición do programa Vai de Camiño contará coa presenza de Milladoiro, Uxía, Leilía, Mercedes Peón, Deluxe ou Berrogüetto, entre moitos outros.A proposta, organizada polo Xacobeo, duplica amplamente o número de actuacións do pasado ano.
Máis información en Galicia Hoxe, en Xornal Galicia e en La Voz de Galicia